Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de novembro de 2020

Entrega dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación 2020

Concedéronse os Prismas de Bronce aos mellores traballos en sete categorías: Vídeo, Novos medios, Texto inédito, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio e Proxectos singulares.

A XXXIII convocatoria dos premios Prismas Casa das Ciencias finaliza este sábado, 14 de novembro, cunha cerimonia de entrega dos Prismas de Bronce na que participarán todos os protagonistas aínda que, nesta ocasión, de maneira non presencial.

Esta trixésima terceira edición dos Prismas desenvolveuse nun momento no que cobra maior relevancia a importancia da ciencia na nosa sociedade, como unha ferramenta imprescindible para entender e actuar fronte a riscos como os virus procedentes doutras especies ou o cambio climático. Xornalistas, documentalistas e divulgadores son necesarios para contribuír a que a ciencia máis relevante chegue de forma accesible a toda a cidadanía. Este certame, promovido polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, busca precisamente ese obxectivo, potenciar a difusión da cultura científica, e apoiar a todos os profesionais que traballan neste campo.

Os traballos gañadores desta convocatoria presentan temas científicos moi variados, como a química nas nosas actividades diarias, as formas de vida en condicións extremas, a extinción de especies ou como funcionan os bosques baixo o chan. Pero tamén ofrecen perspectivas novas e diversas, como a de contar historias combinando ciencia e literatura, a de dar un papel protagonista na divulgación da ciencia a persoas con discapacidade intelectual, ou dar unha visión crítica sobre a enorme cantidade de información científica que recibimos a diario, non sempre veraz, en especial nestes tempos de pandemia.

Cadro de honra 2020

  • Mellor novo medio: Maldita ciencia. Unha web que proporciona información responsable, rigorosa e áxil sobre temas científicos da máxima actualidade.
  • Mellor libro editado: Ciencia sen ficción, de Jesús Méndez, Pere Estupinyá, Javier Salas, Sergio C. Fanjul, Belén Gopegui, editado por Debate. Un libro que abre fronteiras para narrar historias de ciencia con artes literarias e facer literatura marcada pola ciencia sen necesidade de inventar outros mundos.
  • Mellor texto inédito: Expedición ao volcán de sal, de Silbia López de Lacalle. Unha obra que une as perspectivas da xeoloxía e a arte para narrar unha expedición ao volcán Dallol, que alberga un sistema hidrotermal único.
  • Mellor artigo xornalístico: A vida secreta das árbores, de Laura González de Rivera, publicado por Muy Interesante. Un artigo que descobre unha perspectiva sorprendente do mundo vexetal, convidando a pensar no bosque como un grande organismo interconectado.
  • Mellor traballo en vídeo: Des-Extinción, de Alfonso Par, para Turkana Films e emitido en TVE, un documental sobre a posibilidade de recuperar especies extinguidas.
  • Mellor traballo en radio: A marabillosa química das cousas cotiás, de Antonio Rivera, emitido en A ciencia cierta, de CV Radio. Un programa sobre como a química está presente en moitas das nosas actividades cotiás.
  • Mellor proxecto singular: PDICiencia, de Diego Ortega Alonso e a Asociación de Familiares e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual. Unha iniciativa que aposta radicalmente pola diversidade e a inclusión, dándolles un papel protagonista ás persoas con discapacidade intelectual.

Ademais, de maneira excepcional, o xurado decidiu deixar deserto o Prisma Especial do Xurado, tendo en conta que non é posible premiar a Francisco Javier Novelle Secades por falecer despois da presentación da súa candidatura. O xurado destacou "o seu traballo na promoción da cultura científica desde unha asociación de carácter cívico, e en particular a organización durante 25 anos do Día da Ciencia na Rúa e a súa contribución como valioso e pioneiro referente, ao desenvolvemento das feiras científicas escolares en España".

Tamén se decidiu outorgar as seguintes mencións honoríficas:

  • Na modalidade de libro editado: Orgas(mitos), de Laura Morán Fernández, editado por Next Door Publishers.
  • Na modalidade de proxecto singular: Estrela Rosalía, da Agrupación Astronómica Coruñesa Io.

Composición do xurado:

Presidenta: Pilar Perla Mateo, coordinadora do suplemento Terceiro Milenio de Heraldo de Aragón e das Xornadas de Divulgación Innovadora D+i.

Estivo composto ademais por:

  • Lucas Sánchez Sampedro (director de Scienseed)
  • Laura Chaparro Domínguez (xornalista científica)
  • Susana Ladra González (profesora da UDC)
  • Joana Cristina Silva Magalhaes (investigadora do INIBIC e comunicadora científica)
  • David Ballesteros Álvarez (divulgador científico, responsable creativo en Ceo Aberto SL)

Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, actuou como secretario.

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión