Que é?
A heroína é un opiáceo (derivado do opio) obtido mediante síntese química da morfina.
Preséntase orixinariamente como un po branco, inodoro e fino que, dependendo do proceso de produción, pode presentarse con outra cor e textura. Pode ser adulterada con quinina, lactosa, bórax, azucre, almidón, etc., mesmo se utilizou estricnina e outros depresores do sistema nervioso central como barbitúricos e sedantes. As adulteracións son as causantes dunha parte dos problemas médicos derivados do seu consumo, ao que hai que engadir a contaminación con bacterias, virus, fungos ou partículas tóxicas.
A heroína pódese fumar, inxectarse ou inhalarse polo nariz. As dúas primeiras vías de administración son as de acceso máis rápido ao cerebro e, polo tanto, as que producen efectos de forma máis rápida.
Efectos
A heroína activa un sistema do noso propio organismo denominado sistema opioide, que regula procesos físicos e psíquicos tan importantes como a sensación de pracer, de satisfacción, o control da dor e das funcións respiratorias e cardiovasculares. Este sistema produce unhas sustancias naturais chamadas opioides endóxenos cuxos efectos son imitados en gran parte pola heroína. O consumo de heroína activa o sistema opioide de forma antinatural e produce cambios no cerebro que obrigan á administración continuada da droga para evitar sintomatoloxía de abstinencia.
O seu consumo provoca calma, euforia e unha sensación de éxtase. Actúa como un ansiolítico potente e como un antidepresivo. A intensidade destas sensacións dependerá da cantidade de heroína tomada e da rapidez con que chega ao cerebro.
O efecto inmediato da heroína é un flash ao que segue unha sensación de euforia e, posteriormente, de somnolencia, acompañada ás veces de vómitos, vertixes e diminución do ritmo cardíaco.
Riscos
A heroína é unha droga altamente adictiva. Co tempo, perde a capacidade para producir o benestar inicial que producía, o que provoca un malestar cada vez maior. Se ao principio a obtención do pracer era a causa do consumo, co paso do tempo búscase aliviar o malestar que lle produce a ausencia da heroína.
A supresión do consumo de heroína ocasiona a aparición da síndrome de abstinencia, que aparece aproximadamente ás 8 horas da última dose, xerando un profundo malestar entre as 36-72 horas e que pode durar ata 10 días.
O uso crónico da heroína mediante inxección provoca a aparición de veas cicatrizadas ou colapsadas, infeccións bacterianas de vasos sanguíneos, abscesos e outras infeccións da pel e tecidos brandos, enfermidades hepáticas, cardíacas e renais e complicacións pulmonares (bronquites, tuberculoses...)
Compartir as xiringas ou outros útiles de inxección, así como manter relacións sexuais sen protección, provoca infeccións por virus como o da inmunodeficiencia humana (VIH), os da hepatite B e C, etc.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible