Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Empregamos cookies propias (de sesión, de personalización, de preferencias) para mellorar a experiencia do usuario a través do sitio web e cookies de terceiros xeradas por servizos ou provedores externos ao sitio web, que recollen datos estatísticos, de uso, gustos dos usuarios, etc. Ao aceptar todas as cookies, dá o seu consentimento expreso para que as cookies propias e de terceiros sexan rexistradas e utilizadas. Ao rexeitar as cookies, acepta que só se usarán as súas propias cookies para mellorar a experiencia do usuario. Podes obter máis información, ou saber como cambiar a configuración, na nosa páxina Normas de uso

Estratexia Metropolitana da Área Metropolitana da Coruña

Mesa 1. Biodiversidade

Biodiversidade e protección da natureza

Tras a reunión da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa que tivo lugar o 21 de febreiro de 2017, acordouse cambiarlle o nome á Mesa 1 sobre a Recuperación ambiental e da biodiversidade da ría do Burgo e da conca do Río Mero, polo de Mesa da biodiversidade e da protección da natureza, denominación que pasará a corresponder á Mesa 1 e o seu contido en reunións posteriores.

A ría do Burgo constitúe un patrimonio de interese xeral para a cidadanía dos municipios da ribeira polas múltiples funcións que desempeña:

  • produtiva: marisqueo, turismo, gastronomía etc.
  • ecolóxica: zona húmida de importancia autonómica, en incipiente proceso de rexeneración natural e con presenza dun crecente número de especies, especialmente de aves, que incrementa a súa biodiversidade.
  • social: uso e goce público das áreas das ribeiras para o lecer, o deporte ou as actividades didácticas, culturais e divulgativas, entre outras.

Posicionamento

A relevancia deste espazo e da conca do río Mero ponse de manifesto por:

  • o seu efecto de corredor natural e vertebrador entre os concellos, ao conectar os diferentes espazos naturais de relevancia da súa contorna metropolitana
  • favorece a mobilidade sostible
  • xera unha grande área de esparexemento e de contacto coa natureza
  • proporciona tamén opcións de mobilidade branda e de conexión entre os concellos da súa contorna, tanto ribeiregos como de interior, relacionados polos percorridos fluviais da ría
  • ofrece un potencial para a posta en marcha dunha estratexia de turismo sostible ou "ecoturismo" con eses espazos como eixos vertebradores e de nexo común entre os concellos integrantes

Obxectivos de acción mancomunada

  • Promover a rexeneración ecolóxica da ría para recuperar a multifuncionalidade do ecosistema (produtiva, ecolóxica e social) implicando a administracións e colectivos sociais.
  • Crear, polo tanto, un comité científico asesor que acompañe o proxecto de dragaxe dos lodos da ría previsto polo Ministerio de Fomento.
  • Mellorar a calidade das augas: erradicación dos puntos de vertedura e restauración das zonas deterioradas.
  • Favorecer un desenvolvemento urbanístico das ribeiras da ría que conserve o patrimonio natural e cultural.
  • Avaliar a viabilidade dunha figura de protección (por ex.: Espazo Natural de Interese Local, Humidal Protexido, Reservas Naturais Fluviais...), que permitirá establecer medidas preventivas de novos episodios de degradación.
  • Contribuír á conectividade da ría con outros espazos naturais da contorna e promover o turismo sostible.
  • Procurar vías de financiamento e investigación baseadas noutras experiencias nacionais e internacionais.

Plan de acción

Propóñense tres liñas de actuación para o deseño e a posta en marcha de accións coordinadas:

A) MELLORA AMBIENTAL

  • Optimización do saneamento de todos os concellos implicados: proposta de seguimento de todas as verteduras, priorizando investimentos e mellora nas súas redes de saneamento.
  • Posta en marcha dun programa coordinado de mapeo e erradicación de especies invasoras nas ribeiras da ría do Burgo.
  • Posicionamento común en relación co proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo.

B) CONSERVACIÓN E POSTA EN VALOR

  • Establecer unha figura de protección e recuperación ambiental que contemple medidas preventivas de degradación e accións de promoción socioeconómica.
  • Elaborar un plan de conservación e dinamización da contorna da ribeira que promova o desenvolvemento de actividades produtivas conservando os valores naturais e culturais da ría.
  • Solicitude conxunta de medios ás administracións autonómica e estatal para a recuperación da ría máis aló da súa dragaxe.
  • Establecer a conectividade peonil que fortaleza a ría como espazo de conexión natural e corredor verde entre os espazos naturais máis relevantes da área metropolitana:
    • A Coruña: ENIL Illas de San Pedro (en proceso), Punta Herminia e Torre de Hércules (Patrimonio da Humanidade)
    • Cambre e Abegondo: ZEC Encoro de Cecebre
    • Oleiros: ZEC Costa de Dexo-Serantes
    • Arteixo: ZEC Costa da Morte
    • Sada: Costa Doce
  • Accións de participación, educación e comunicación ambiental dirixidas á comunidade educativa, a poboación local e as persoas visitantes, sobre os valores naturais da ría e os seus percorridos,

C) PROMOCIÓN SOCIOECONÓMICA

  • Desenvolver unha estratexia de turismo sostible (Ecoturismo) conxunta, coa ría como punto de relevancia ornitolóxica e toda a conca do río Mero como eixo vertebrador e de conectividade, potenciando os recursos educativos e interpretativos.
  • Incorporación do plan de transporte metropolitano e recuperación do transporte de proximidade do ferrocarril para establecer unha vía de mobilidade branda que permita a conexión entre a cidade central e a área metropolitana.
  • Buscar solucións de baixo impacto que preserven os valores naturais da ría como valor preferente ao deseñar as áreas de lecer e percorridos peonís e ciclables.
  • Promoción do emprego ambiental, produción ecolóxica na Reserva da Biosfera e recoñecemento do marisqueo como motor fundamental do desenvolvemento da ría do Burgo.
  • Captación de fondos e proxectos europeos.

Calendario proposto

  • Plan de eliminación de puntos de vertedura. Decembro de 2017
  • Mapeo de especies invasoras (vexetais e animais) nas ribeiras e áreas de influencia dos espazos mencionados. Marzo de 2017
  • Plan de erradicación de especies invasoras nas ribeiras e áreas de influencia da ría do Burgo. Xuño de 2017- Decembro de 2018
  • Determinación da figura legal de protección e conservación da ría do Burgo e estudos técnicos preliminares. Febreiro de 2017
  • Plan de conservación e manexo. Marzo de 2018
  • Declaración de espazo protexido baixo a fórmula legal máis adecuada. Marzo de 2018
  • Estratexia de Turismo Sostible Integrada. Decembro de 2018
  • Desenvolvemento dunha campaña conxunta de comunicación e de posta en valor da ría do Burgo e a conca do río Mero.
  • Conectividade peonil e ciclable dos diferentes espazos naturais protexidos a través dos espazos citados. Xaneiro de 2019

Actas

Acta da reunión do 25 de maio de 2016

Acta da reunión do 6 de setembro de 2016

Que che parece esta sección?

-105-105-105

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

?

Iniciar sesión