A Coruña City Council

A Coruña City Council

Dates:

9 of september of 2024

Durante o mes de agosto superouse o 90% de ocupación hoteleira.

Máis de 660.000 persoas participaron nas festas do verán na Coruña.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que o impacto económico das celebracións foi de case 89,4 millóns de euros.

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá cos principais axentes turísticos e do sector servizos para facer balance das Festas de María Pita 2024. As celebracións prolongáronse durante todo o mes de agosto e consistiron nunha programación de actividades para todo tipo de públicos e idades. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Asistiron Héctor Cañete, presidente da Asociación de Empresarios de Hostalaría da Coruña, Óscar Regal e Manuel Pintor, da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Agustín Collazos, presidente da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña, José Blanco Castiñeira, presidente de Convention Bureau, Rafael Serrano, da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Andrés Fernández e Pilar López, de Expocoruña, Juana Avellaneda, directora de Palexco, e Marta Guimaraes, de OPC Galicia.

Tras a reunión, a alcaldesa explicou que, tras a finalización oficial das festas asistiron e participaron nos diferentes eventos máis de 660.000 persoas. Esta cifra engloba o conxunto de seccións oficiais, como Noites de María Pita, Festival Noroeste Estrella Galicia, Semana Clásica, Batalla Naval, Habaneras ou Romaría de Santa Margarida. Tamén se inclúen neste cómputo a asistencia a outros eventos celebrados durante o verán na cidade e que estiveron promovidos polo Concello como Coruña Sounds e Morriña Fest. Ademais, polos xardíns de Méndez Núñez, onde se celebraron a Feira do Libro, Feira do Libro de Ocasión, Mostrart e Viñetas desde o Atlántico, pasaron máis de 60.000 persoas ao longo do mes, ás que se suman os e as participantes nas sinaturas de exemplares. A cifra de asistentes continuará medrando, pois aínda permanecen abertas as exposicións de Viñetas desde o Atlántico ata final de mes.

"Estes datos amosan o éxito das nosas festas e dunha programación que confeccionamos para atraer a todo tipo de públicos", sinalou a alcaldesa. Sobre os diferentes eventos deste verán, Inés Rey sinalou que "se busca que haxa unha oferta que satisfaga a toda a cidadanía coruñesa, mais tamén apostamos por ser un referente nacional e do noroeste cunha programación única en Galicia que actúe como un gran valor engadido a nivel turístico".

A alcaldesa destacou que neste verán se conseguiron varios fitos durante as Festas de María Pita. Un deles foi a do concerto con maior número de asistentes dos celebrados ata o de agora na praza de María Pita. Trátase do que ofreceu Omar Montes o 5 de agosto e que congregou a 26.000 persoas. Tamén destacou Rey que o evento máis masivo do verán volveu ser o Festival Noroeste Estrella Galicia, que superou a cifra de asistentes do 2023 con máis de 135.000 persoas grazas a unha programación que se expandiu ata os sete días. Nunha única xornada, destaca a asistencia de máis de 90.000 persoas á Batalla Naval, o pasado venres 16 de agosto. As festas finalizaron a pasada fin de semana, coa celebración do Flores Rock, que reuniu a 11.000 persoas durante as súas dúas xornadas, e da tradicional Romaría de Santa Margarida, á que asistiron 18.000 persoas. 

Satisfacción do sector

Por outra banda, Inés Rey tamén analizou os principais datos achegados polos axentes que participaron na reunión deste luns. A alcaldesa celebrou as "notables cifras" de ocupación hoteleira durante o verán na cidade. No mes de xuño a ocupación foi dun 80%, 2,5 puntos máis que no 2023. No mes de xullo a cifra chegou ao 85%, medio punto máis que o ano pasado. En agosto superouse o 90%, 2,6 puntos máis que no 2023. En canto ao mes de setembro, a previsión do sector é chegar ao 85% e superar deste xeito os datos do pasado exercicio. "Son cifras moi boas que confirman que A Coruña é o gran motor turístico de Galicia", celebrou a alcaldesa. Ademais, aínda que se mantén unha maior presenza de visitantes nacionais, só durante o verán aumentou nun 10% a cifra de visitantes estranxeiros. No primeiro semestre ese dato dispárase ata o 28%, o que "amosa o éxito da nosa estratexia turística e a gran proxección que ten A Coruña no exterior".

Estas cifras, así como a de asistencias a eventos, segundo indicou a alcaldesa, supuxeron un impacto económico de 89,4 millóns de euros. Estes datos inclúen o impacto económico directo, mais tamén o indirecto, o efecto multiplicador da economía e a publicidade da cidade.

En canto ao sector hostaleiro, Inés Rey celebrou a satisfacción do sector coa tempada estival e lembrou que este verán se ampliou o horario do sector durante máis dun mes co obxectivo de satisfacer a demanda neste período vacacional. Máis alá do verán, a rexedora tamén destacou que neste 2024 está prevista o desenvolvemento de 44 eventos MICE, o que suporá unha asistencia total de máis de 100.000 persoas. Con respecto ao aeroporto de Alvedro, Rey destacou que neste 2024 é previsible que se volva a superar o millón de pasaxeiros, xa que ata o mes de xuño a cifra é de 713.000 persoas.

"Todos estes datos amosan que estamos a pechar un dos mellores veráns da historia desta cidade, tanto polo éxito da súa programación de ocio como polas cifras de visitantes e o retorno económico que supuxeron para diferentes sectores", celebrou Inés Rey, que lle agradeceu a todas as persoas implicadas na celebración das festas da cidade o seu traballo.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Follow us on

Iniciar sesión