Concello da Coruña

Concello da Coruña

Equipo de Goberno

Mediante unha determinada acción de goberno pódese alcanzar o concepto de Goberno aberto cuxo obxectivo é que a cidadanía participe na creación e mellora de servizos públicos, así como no fortalecemento da transparencia e a rendición de contas.

Os órganos que integran a organización municipal son os seguintes:

Alcaldía

A Alcaldía (alcalde ou alcaldesa) desempeña as funcións de dirección do goberno e da administración municipal, así como as demais atribucións que lle outorga a actual, entre elas, a organización das concellarías, áreas, departamentos, servizos e outros entes que constitúen a administración municipal na súa totalidade.

Así mesmo é atribución do Alcalde ou alcaldesa a representación do Concello, sen prexuízo da súa posible delegación. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituído polos Tenentes de Alcalde na orde e coas competencias que se deriven do seu nomeamento.

As atribucións do Alcalde ou alcaldesa e delegacións regúlanse nos artigos 95 ao 99 do Regulamento orgánico municipal do Concello da Coruña

Pleno

O Pleno está formado polo Alcalde ou alcaldesa e o conxunto de todos os concelleiros e concelleiras electas. É o órgano de máxima representación política dos cidadáns no goberno municipal. O Pleno Municipal reúnese en sesións ordinarias, extraordinarias ou extraordinarias de carácter urxente.

A organización e o funcionamento do pleno recóllese nos artigos 25 ao 71 (Título III, Capítulo I) do Regulamento orgánico municipal de 2004.

Xunta de Goberno Local

A Xunta de Goberno Local é o órgano que ten como atribución propia e indelegable a asistencia permanente ao Alcalde ou alcaldesa no exercicio das súas funcións. Así mesmo, exercerá as competencias que lle deleguen o Alcalde ou alcaldesa e o Pleno Municipal, cando teñan este carácter. Está integrada polo Alcalde ou alcaldesa, que a preside e os concelleiros nomeados libremente pola alcaldía como membros da mesma, asistidos nas súas reunións pola Secretaría Xeral do Pleno da Corporación.

A nivel particular, cada unha das persoas titulares das concellarías que integran a Xunta de Goberno Local manteñen unha serie de competencias municipais propias respecto á área da súa responsabilidade.

Comisións

As comisións informativas son órganos necesarios do pleno. Os tipos e o funcionamento das comisións recóllense nos artigos 72 ao 94 do Regulamento orgánico municipal

As comisións estarán integradas por unha persoa representante de cada grupo municipal ou partido que obtivese representación, con voto ponderado, conforme ao previsto nos artigos 66 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia e 76 do Regulamento Orgánico Municipal.

A alcaldesa, Inés Rey García, de acordo co establecido no artigo 78 a) do ROM, é a presidenta nata de todas as comisións. A presidencia efectiva poderá delegarse nun membro corporativo, a proposta da propia comisión. As comisións realizarán unha sesión común, como mínimo, cada tres meses.

Na sesión extraordinaria e urxente do pleno que tivo lugar o día 29 de xuño de 2023, a corporación municipal acordou por unanimidade a constitución das seguintes comisións informativas:

A. COMISIÓNS ORDINARIAS:

  1. Comisión de Voceiras/os dos grupos municipais. Exercerá as funcións previstas no apartado do artigo 72 do ROM en relación cos asuntos xerais do Pleno.
  2. Comisión de Economía, Facenda, Planificación Urbana e Administración Xeral. Actuará tamén como Comisión Especial de Contas. Exercerá as funcións previstas no artigo 72 do ROM en relación cos asuntos que se sometan á decisión do pleno e que lle correspondan a esta área de xestión municipal. Actuará como Comisión Especial de Contas para o exame, estudo e informe de todas as contas orzamentarias e extraorzamentarias que deba aprobar o pleno da corporación, segundo dispoñen os artigos 116 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das bases de réxime local; 59 e 66 da Lei 5/1997, de 22 de xullo , de Administración local de Galicia; 93 do Regulamento Orgánico Municipal e 127 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais. Tamén exercerá o seguimento da execución orzamentaria e dos asuntos que se sometan ao pleno e que procedan da Oficina Orzamentaria. Corresponderalle a esta comisión a consideración dos asuntos que vaian ser sometidos a coñecemento do pleno e non correspondan a ningunha outra comisión, ou aqueles que se tramiten por urxencia ou por razóns de interese xeral.
  3. Comisión de Benestar Social. Exercerá as funcións previstas no artigo 72 do ROM en relación cos asuntos que se sometan á decisión do pleno e que lle correspondan a esta área de xestión municipal.
  4. Comisión de Fomento e Promoción da Cidade. Exercerá as funcións previstas no artigo 72 do ROM en relación cos asuntos que se sometan á decisión do pleno e que lle correspondan a esta área de xestión municipal.
  5. Comisión de Mobilidade. Exercerá as funcións previstas no artigo 72 do ROM en relación cos asuntos que se sometan á decisión do pleno e que lle correspondan a esta área de xestión municipal.
  6. Comisión de Transparencia. Exercerá as funcións previstas no artigo 72 do ROM en relación cos asuntos que se sometan á decisión do pleno e que lle correspondan a esta área de xestión municipal.
  7. Comisión de Suxestións e Reclamacións. Exercerá as súas funcións nos termos establecidos no artigo 132 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das bases do réxime local; e no Regulamento orgánico de suxestións e reclamacións, para a defensa dos dereitos da veciñanza ante a Administración municipal. A comisión elaborará un informe trimestral que se someterá a debate e á aprobación do pleno.
  8. Comisión de Honras e Distincións. Exercerá as funcións previstas no artigo 72 do ROM en relación cos asuntos que se sometan á decisión do pleno, conforme ao previsto no Regulamento municipal de honras e distincións e demais que lle correspondan ou lle encomende o pleno.

B. COMISIÓNS ESPECIAIS:

De conformidade co establecido no artigo 77 do ROM e 124.3 do ROF, constituiranse as seguintes comisións de carácter especial:

  1. Comisión Especial da Fachada Marítima, para a discusión, o estudo e o ditame das cuestións relativas ao réxime e usos dos terreos que forman parte dos espazos portuarios e da fachada marítima.
  2. Comisión Especial da área Metropolitana, para a discusión, o estudo e o ditame das cuestións relativas á constitución de órganos de integración metropolitana da área da Coruña.
  3. Comisión Especial da Axenda Urbana, para a discusión, o estudo e o ditame das cuestións relativas á implantación da Axenda Urbana, os programas europeos relacionados coa mesma e todas as cuestións relativas á Axenda 2030.
  4. Comisión Especial de Bibliotecas, para a discusión, o estudo e a elaboración dunha proposta que permita mellorar a rede de bibliotecas municipais incluíndo a posible unificación da rede actual.

Tenente/s de Alcalde ou alcaldesa

Os/as Tenentes de alcaldía substitúen o Alcalde ou alcaldesa en caso de ausencia ou enfermidade. Esta función realízaa de forma independente á competencia que lle corresponda na súa área como edil ou edila.

Ademais dos mencionados, están regulados no ROM outras figuras de organización territorial que poden ser ou non contemplados no funcionamento do seu municipio a criterio do equipo de goberno que os desenvolva.

Distritos

A creación de Distritos como forma de organización territorial da cidade da Coruña recóllese no artigo 112 do Regulamento orgánico municipal de 2004 no que se establece que o réxime orgánico e xurídico da dita organización territorial será obxecto dun regulamento independente.

Consello Social da cidade

O artigo 110 do Regulamento orgánico municipal de 2004 recolle a constitución e réxime orgánico e xurídico do Consello Social da Cidade establecido no art. 131 da Lei 7/85.

Defensor do veciño

Co fin de defender os dereitos dos veciños e veciñas ante a administración municipal créase o órgano denominado Defensor do Veciño. A constitución, organización e funcionamento deste órgano, segundo se establece no artigo 113 do Regulamento orgánico municipal de 2004 será obxecto do correspondente Regulamento específico e independente.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión