Concello da Coruña

Concello da Coruña

Programa de prevención

Palabra

O Programa municipal de prevención de adiccións, promovido pola Área de Benestar Social a través de Servizos Sociais, é o instrumento de programación e coordinación que recolle o conxunto ordenado de actuacións que se realizan desde o ámbito municipal en materia de adiccións.

Na súa elaboración anual téñense en conta:

  • As achegas realizadas densde as distintas áreas municipais no ámbito da prevención de adiccións, que contribúen con análises e propostas de intervención concretas nos seus ámbitos de actuación.
  • A información recollida na revisión epidemiolóxica anual e nos datos resultantes da avaliación da anualidade anterior do propio programa municipal.

O programa ten como finalidade o desenvolvemento de accións que impliquen a promoción da adopción de estilos de vida saudables e a adquisición de habilidades persoais, que eviten ou atrasen a idade do inicio de consumo de substancias adictivas ou outras adiccións relacionadas coas novas tecnoloxías, así como mellorar a seguridade e a calidade de vida da comunidade na súa relación coa problemática asociada ás adiccións. Abórdase a prevención das condutas adictivas a substancias e das condutas adictivas ou compulsivas sen substancia. Dentro destas últimas están o xogo patolóxico ou ludopatía e as condutas excesivas no uso das tecnoloxías dixitais e as súas novas aplicacións e, en particular, as relacionadas co uso das redes sociais e dos videoxogos.

Desenvólvense accións preventivas de carácter gratuíto nos ámbitos escolar, familiar e comunitario. Unha parte importante destas accións realízase en colaboración con entidades do sector, cunha contrastada experiencia en prevención de adiccións, e con entidades do ámbito sociocultural do municipio.

Prevención escolar

Desenvólvense talleres preventivos a adiccións a substancias e a adiccións dixitais, dirixidos a centros escolares do municipio. Os cursos aos que van dirixidos os talleres son 5.º e 6.º de educación primaria (EP), ESO e bacharelato. Os centros que queiran participar débense inscribir nos meses de setembro e outubro neste formulario.

Os talleres que se levan a cabo son os seguintes:

  • A MELLOR ESTRATEXIA DE XOGO, dirixido a 5.º de EP, ten como obxectivo previr o uso inadecuado de videoxogos e o establecemento de estratexias sobre o seu uso.
  • ISO XA NON É UNHA BROMA: prevención de acoso escolar e ciberacoso, dirixido a 6.º de EP, ten como obxectivo fomentar o respecto ás diferenzas (xénero, culturais...), a prevención de situacións de ciberacoso e acoso escolar e a mediación escolar como ferramenta.
  • TI, EU E OUTRAS/OS: prevención do consumo de alcol e tabaco, dirixido a 1.º de ESO, ten como obxecto fomentar habilidades e hábitos saudables para previr o inicio de consumo de alcol e tabaco.
  • A REDE E AS SÚAS REDES: prevención de riscos asociados ao uso de Internet, dirixido a 1.º de ESO, ten como obxecto facilitar habilidades para moverse en Internet con seguridade, informar sobre o uso que a rede fai dos datos e do uso da imaxe en Internet.
  • FUGA DE CEREBROS: habilidades sociais fronte ás adiccións, dirixido a 2.º de ESO, ten por obxecto fomentar as habilidades de comunicación e as competencias persoais para a toma de decisións autónomas e saudables fronte ao comezo do consumo de substancias adictivas.
  • VIDEOXOGOS E O SEU DOMINIO, dirixido a 2.º de ESO, ten por obxecto promover a toma de decisións saudables no uso das redes sociais e os videoxogos, cunha metodoloxía baseada no uso de actividades TRICs.
  • PREVENCIÓN, ABORDAXE E XESTIÓN DE CONFLITOS, dirixido a 3.º de ESO, ten por obxecto a promoción de actitudes prosociais e saudables, que proporcionen as ferramentas adecuadas para unha abordaxe e xestión saudable e positiva dos conflitos en xeral e ante as situacións relacionadas co consumo de substancias en particular.
  • A MÁSCARA DAS DROGAS, dirixido a 3.º de ESO, ten por obxecto promover a reflexión e unha actitude crítica que contribúa a tomas de decisións saudables respecto ao consumo de substancias e en particular do consumo de alcol e cannabis.
  • INFILTRADAS/OS NA REDE, dirixido a 3.º de ESO, ten por obxecto facilitar información obxectiva para a promoción da análise sobre a influencia das redes sociais no comportamento e fomentar o seu uso dunha forma adecuada e sen riscos.
  • O VALOR DO "NON, EU PASO!", dirixido a 4.º de ESO, ten por obxecto fortalecer as habilidades e competencias para unha actitude crítica fronte ao consumo de substancias e a xestión de posibles situacións de risco.
  • ENREDOS NA REDE, dirixido a 4.º de ESO, ten por obxecto favorecer as decisións saudables no uso adecuado das redes e valorar a súa influencia nos comportamentos propios e alleos.
  • PREVENCIÓN NO USO DE INTERNET, REDES SOCIAIS E XOGOS INTERACTIVOS, dirixido a 4.º de ESO, ten como obxecto a prevención do uso inadecuado de redes sociais e xogos interactivos, así como a súa derivación en condutas de risco asociadas (ludopatía...)
  • CON-TACTO CON PALABRAS: promoción da saúde mental no ámbito escolar, dirixido a 4.º de ESO e bacharelato, ten como obxecto a promoción do benestar emocional do alumnado a través das súas experiencias, pensamentos, sensacións... e a súa incorporación saudable ao seu hábitat emocional (regularización de emocións, prevención de ansiedade...) como parte da prevención de riscos asociados ao comezo de condutas adictivas.

Prevención familiar

Accións formativas, dirixidas a nais e pais, para potenciar os factores de protección ante os comportamentos adictivos e promover actitudes e hábitos saudables a través da educación recibida na familia. Estas accións realízanse e son difundidas a través das ANPA dos centros escolares e dos Centros Cívicos Municipais.

Prevención comunitaria

  • Formación a colectivos socioeducativos no ámbito da prevención de adiccións
  • Accións de prevención e lecer saudable para a mocidade en xeral
  • Accións específicas de lecer saudable, dirixidas a menores de colectivos vulnerables
  • O Programa Nocturnia , de lecer saudable, dirixido á xuventude de 12 a 30 anos, que é executado polo Servizo municipal de Mocidade da Concellería de Benestar Social. É gratuíto e está financiado polo Ministerio de Sanidade a través do Plan nacional sobre drogas.

A quen se dirixe

  • Menores e mocidade
  • Pais/nais
  • Docentes e outros colectivos do ámbito socioeducativo
  • Menores en situación de vulnerabilidade social

Onde se desenvolve

  • Centros de ensino regrado
  • Centros cívicos municipais
  • Espazos lúdicos e de lecer
  • Espazos deportivos
  • Medio aberto

Obxectivos

  • Incidir en dinámicas de adquisición e reforzo de factores de condutas saudables.
  • Dotar a mocidade das ferramentas necesarias para a toma de decisións ante situacións de risco, asociadas ás adiccións.
  • Previr na poboación adolescente e nova prácticas de risco asociadas ao consumo de substancias nocivas para a saúde a través da oferta de programas de actividades, baseadas nas prácticas de lecer saudables.
  • Promover o lecer saudable, promovendo entre a mocidade unha ocupación positiva e saudable do seu tempo libre.
  • Fomentar e facilitar o lecer produtivo e saudable entre menores e xuventude en situación de vulnerabilidade social e en risco de exclusión para incrementar os seus factores de protección ante os factores de risco.
  • Utilizar as actividades de lecer como medio para a promoción de habilidades persoais para a abordaxe de situacións de risco, relacionadas coas adiccións.
  • Evitar ou atrasar o inicio do consumo de alcol, tabaco e outras substancias adictivas na mocidade, así como as adiccións relacionadas coas novas tecnoloxías, incidindo na prevención con accións específicas desde o ámbito escolar.
  • Informar a mocidade sobre os recursos e as entidades da cidade a onde poden acudir se tivesen necesidade dunha maior información ou algún tipo de problema con algún tipo de adicción.
  • Formar, informar e asesorar a pais/nais/docentes/colectivos do ámbito socioeducativo, así como intervir especificamente con proxenitores en situación de vulnerabilidade social, para que desenvolvan o seu rol de axentes preventivos.
  • Implicar e involucrar a comunidade na realización e desenvolvemento de accións preventivas.
  • Optimizar e rendibilizar os espazos comunitarios, os espazos municipais e a contorna como espazos alternativos de lecer a prácticas de risco.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión