Concello da Coruña

Concello da Coruña

Que é?

A cocaína procede da coca, planta cultivada dende hai séculos nos países do altiplano andino (Bolivia, Colombia e Perú). Nas zonas nas que se cultiva existe un consumo tradicional que consiste en mascar as follas da planta para liberar o seu principio activo e obter os seus beneficios. As cantidades absorbidas deste xeito son moi reducidas, polo que apenas se rexistran consecuencias adversas. As culturas indíxenas dos países produtores usaban a coca con carácter ritual e polas súas propiedades enerxéticas, que lles permitían realizar traballos físicos sen notar o cansazo. Ademais, servía para emendar as carencias alimenticias grazas aos seus efectos inhibidores do apetito.

Durante os primeiros anos do século XX, o principio activo da coca utilizouse como composto na elaboración de tónicos como o viño Mariani e a Coca-cola.

As follas de coca, sometidas a diversos procesos de elaboración química, producen os seguintes derivados:

  • Clorhidrato de cocaína ou cocaína en po: é a forma principal de consumo en Europa. Aínda que con menor frecuencia, tamén se usa inxectada, en ocasións mesturada con heroína, o que dá lugar ao que se coñece como pelotazo ou speed-ball.
  • Sulfato de cocaína ou pasta de coca: tamén coñecida como basuko, que se fuma mesturada con tabaco ou marihuana.
  • Cocaína base ou crack: consómese fumada e o seu efecto é rápido, intenso e breve. É moi adictivo. De consumo minoritario en España.

A cocaína consómese, fundamentalmente, esnifada mediante aspiración nasal do po, colocado a modo de raia, a través dun billete enrolado ou unha cánula. O seu uso é maioritariamente recreativo, e é utilizada con frecuencia para aguantar sen durmir as noites das fins de semana. É unha sustancia moi adictiva.

Efectos

A cocaína é unha droga psicoestimulante consumida xeralmente por inhalación; a súa fácil absorción fai que chegue rapidamente ao cerebro provocando uns efectos que se manifestan aos poucos minutos do consumo.

O consumo crónico e abusivo de cocaína pode provocar importantes trastornos psíquicos, tales como ideas paranoides e depresión.

A dependencia psíquica da cocaína é unha das máis intensas entre as provocadas polas drogas. A supresión do consumo tras un período prolongado produce un fenómeno de rebote caracterizado por somnolencia, depresión, irritabilidade, letarxia...

Riscos

Aumenta a actividade do sistema de neurotransmisión dopaminérxico que modula importantes procesos no noso organismo e provoca:

  • Estado de excitación motora e aumento do nivel de actividade da persoa
  • Cambios emocionais variados que poden chegar a provocar crises de ansiedade ou outras alteracións
  • Aumento inicial da capacidade de atención e da concentración, que permiten un aparente maior rendemento intelectual, aínda que este efecto é pasaxeiro
  • Aumento das frecuencias cardíaca e respiratoria así como da tensión arterial, o que favorece a aparición de enfermidades cardíacas (risco de infartos e cardiopatías) e respiratorias (sinusite e irritación da mucosa nasal).
  • Outros efectos: diminución da fatiga e redución do sono, inhibición do apetito, insomnio, perforación do tabique nasal, risco de hemorraxias cerebrais...

Por outra banda, os materiais utilizados para esnifar poden transmitir os virus da hepatite A, B e C se se comparten entre varios consumidores. En caso de consumo inxectado, o material compartido pode transmitir o virus de inmunodeficiencia humana (VIH), responsable da SIDA.

A cocaína é, tras o cannabis, a segunda droga ilegal máis consumida en España, e aínda que descende a porcentaxe de quen a probou, aumenta a de quen a consome regularmente.

A cocaína actúa no cerebro modificando os circuítos responsables da gratificación e do pracer, polo que o seu consumo continuado reduce a capacidade das persoas consumidoras de experimentar pracer de forma natural (a través do sexo, a comida...) e fainas menos sensibles ás gratificacións e emocións.

A adicción prodúcese tras períodos de consumo máis ou menos longos, que non teñen por que ser diarios, e comprobouse que, mesmo pequenas cantidades de cocaína, poden producir tolerancia e cambios cerebrais relacionados coa adicción. Isto fai que os consumidores, especialmente os de fin de semana, teñan en moitas ocasións unha falsa sensación de control e non perciban o problema.

O consumo habitual afecta o funcionamento cerebral e pode provocar trastornos psíquicos como ideas paranoides (de persecución, de grandeza...) ou depresión, e desencadear cadros de psicose e esquizofrenia. Tamén provoca danos moi importantes nos sistemas circulatorio e respiratorio e complicacións neurolóxicas e gastrointestinais.

O seu uso combinado con alcol é moi perigoso, xa que o organismo convérteas en etileno de cocaína, cuxo efecto no cerebro é máis duradeiro e máis tóxico que cando se usa calquera das drogas por separado.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión