Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de outubro de 2024

Luz verde ao proxecto para reurbanizar os espazos públicos no sueste do Barrio das Flores

O Concello destinará máis dun millón de euros para mellorar a accesibilidade nos percorridos peonís e aos edificios de vivendas entre as rúas Azucenas e Petunias, onde tamén se renovará o parque infantil

Este mércores, a Xunta de Goberno Local, dará luz verde ao proxecto para reurbanizar o espazo sueste do Barrio das Flores, unha iniciativa que se executa ao abeiro do Plan Director de Rehabilitación Integrada que se redactou durante o pasado mandato.

"A redacción do Plan Director tiña como principal obxectivo identificar as accións de mellora a poñer en marcha no Barrio das Flores para renovar, por exemplo, os seus espazos públicos. É o que faremos proximamente na superficie ao aire libre que hai entre as rúas Azucenas e Petunias, un espazo de 5.300 metros cadrados situado entre as torres do sureste do Barrio das Flores, lindeiras á rolda Camilo José Cela", explicou a alcaldesa, Inés Rey.

Neste punto, o Concello acometerá unha remodelación total dos espazos de paso peonil, para garantir que os cambios de nivel sexan o máis suaves posibles para o paso das e dos veciños facilitando ao máximo o acceso ás vivendas desde a rúa Petunias e salvando os desniveis que existen ao longo da rúa Azucenas. A planificación prevista inclúe a instalación dun novo ascensor que permitiría comunicar, de forma vertical, a plataforma de acceso ao edificio de vivendas ao norte da rúa Azucenas e a plataforma de acceso ao edificio situado ao sur.

Ademais, renovarase o parque infantil que hai no centro da praza e haberá melloras na rede de saneamento e de iluminación pública, para facelas máis eficientes. En total, o investimento previsto polo Concello é de algo máis dun millón de euros.

Cómpre destacar que o proxecto foi exposto á veciñanza do barrio o pasado 1 de outubro, co obxectivo de escoitar as suxerencias das e dos residentes. "As medidas que imos abordar son moi necesarias, pola configuración actual do barrio, onde hai unha elevada porcentaxe de veciñas e veciños en idade avanzada e hai espazos que necesitamos reconfigurar para mellorar a accesibilidade xeral", razoou a alcaldesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión