14 de outubro de 2024
A alcaldesa, Inés Rey, informou este luns sobre o novo contrato para o mantemento do software do sistema, que estará monitorizado as 24 horas do día durante todo o ano
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá os asuntos que se aprobarán este mércores en Xunta de Goberno Local. En total, o Concello dará luz verde a diversos investimentos para a mellora dos servizos dixitais e a mobilidade na cidade por valor de 1,5 millóns de euros. Un dos máis destacados é a adxudicación á empresa Serveo Servicios SAU do contrato para o mantemento e evolución do software do sistema BiciCoruña.
Este contrato, cun importe total de 1,2 millóns de euros distribuído en seis anualidades, estará en vigor ata 2029. "O obxectivo deste contrato é mellorar a experiencia das persoas usuarias e garantir a continuidade e modernización do servizo público de bicicletas, aliñado coa nosa estratexia de mobilidade sustentable e a Axenda Urbana 2030", explicou Inés Rey.
O sistema informático de BiciCoruña, que inclúe a xestión de estacións, aplicacións cidadás e bicicletas, estará monitorizado as 24 horas do día durante todo o ano. Rey lembrou que dende o 2022, o Goberno local investiu preto de 5 millóns de euros na renovación do servizo, consolidando BiciCoruña como un referente de mobilidade urbana.
A alcaldesa anuncio que o sistema de BiciCoruña acadou o millón de usos e destacou o éxito da iniciativa. "Nos nove meses completos deste ano, nunca baixamos da barreira dos 85.000 usos mensuais. O ano pasado tivemos que agardar ata abril para superar esa cifra por primeira vez", explicou a alcaldesa.
De xuño a setembro, os usos rondaron o medio millón tanto no 2023 como no 2024, mentres que no 2022 foron 126.000 usos: "Son cifras que amosan o liderado do sistema e que ao mesmo tempo reflexan que a aposta pola bicicleta funciona" apuntou a rexedora.
Ademais, subliñou que o uso da bicicleta permitiu evitar a emisión de 538.342,14 kilos de CO2 á atmosfera ata o momento no que vai de ano.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible