8 de outubro de 2014
O proxecto, adxudicado por 1,13 millóns de euros, executarase en 8 meses, polo que estará terminado no segundo trimestre do 2015
Carlos Negreira visita o barrio da Falperra co inicio das obras, que se enmarcan dentro do concurso de ideas convocado para fomentar a mobilidade peonil
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o inicio das obras de instalación das escaleiras mecánicas da rúa Maestro Clavé, que conectarán Juan Flórez con Sinforiano López, ademais de facilitar a "accesibilidade por centos de veciños" do barrio da Falperra.
"É un día especialmente alegre para os veciños, son as primeiras escaleiras mecánicas deste nivel que se instalan en Galicia, un proxecto pioneiro que se converterá nun referente e que nace do noso compromiso de contar cunha cidade máis inclusiva e accesible", afirmou o alcalde. O proxecto da rúa Maestro Clavé nace do concurso de ideas de accesibilidade promovido polo Goberno municipal. Esta obra de mellora da mobilidade, que inclúe a instalación de cinco escaleiras mecánicas, adxudicouse por 1.129.564,60 euros, o que supón un aforro do 19% (266.367 euros) con respecto ao orzamento de licitación do concurso -convocado mediante procedemento aberto-.
O alcalde explicou que os traballos durarán 8 meses, polo que o obxectivo é que as escaleiras mecánicas estean instaladas no segundo trimestre do 2015, o que supón acurtar os prazos de execución en 3 meses (no prego de licitación fixábase un máximo de 11 meses). O novo proxecto da Concellería de Infraestruturas para a mellora da accesibilidade permite salvar un desnivel de 18 metros e eliminar 99 chanzos que unen, a través de Maestro Clavé, as rúas Juan Flórez e Sinforiano López.
Co título Escaleira mecánica universal, o proxecto gañador do concurso de ideas propón a instalación de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos. Estas escaleiras tamén se poderán utilizar tanto para subir como para baixar.
Carlos Negreira destacou que esta obra supoñerá "un antes e un despois" na mobilidade deste barrio, á vez que se aproveitará para mellorar a iluminación e colocar mobiliario urbano, pavimento máis resistente e de mellor calidade, e unha rede de saneamento para augas pluviais (na actualidade verten directamente na vía).
"A Coruña avanza e queremos que sexa pioneira en temas de mobilidade peonil, polo que as escaleiras de Maestro Clavé servirán como modelo para seguir no noso ambicioso plan de mellora da accesibilidade", sinalou o alcalde, quen lembrou outros proxectos do Goberno municipal que recollen esta filosofía: as escaleiras mecánicas da rúa Plaza instaladas en decembro do 2013; as obras que se están executando para a instalación dun ascensor en Ramón Cabanillas coa avenida de Arteixo; as "máis de 500 obras de pequena cirurxía" para mellorar a accesibilidade por toda a cidade; ou a instalación dun ascensor en Capitán Troncoso con Xeneral Alesón, un proxecto que está en fase de adxudicación.
As escaleiras mecánicas de Maestro Clavé servirán ademais para ampliar o itinerario accesible que o Concello programou nesta zona da cidade, coas obras xa concluídas da rúa Emilia Pardo Bazán, a próxima reforma de Federico Tapia e a praza Antonio Tenreiro ou a rehabilitación do mercado municipal de Santa Lucía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible