A velocidade xenérica das rúas da cidade reducirase de 50 a 30 km/h
A seguridade da mobilidade activa é o obxectivo primordial desta redución da velocidade e permitirá a transformación do espazo público en lugares amables e sostibles.
O 11 de maio de 2021 entrou en vigor a segunda parte do RD 970/2020, que modifica a normativa de Tráfico, e establécese que a velocidade xeral das rúas da cidade reducirase de 50 a 30 km/h.
Na Coruña, tres medidas forman o núcleo desta nova regulación:
As vías da cidade con dous ou máis carrís por sentido de circulación terán un carril limitado a 30 km/h.
Na Coruña xa se aprobou en maio de 2020 establecer a velocidade de 30 km/h nas rúas, excepción das vías de 50 km/h. Agora as normas da DXT establecen esa redución de velocidade para todas as cidades de España.
Xornada do 11 de maio na Coruña
Os concelleiros de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, e de Seguridade, Juan Ignacio Borrego, asistiron ás actividades que se realizaron no CEIP de Prácticas da Coruña.
Os nenos e nenas de 4.º, 5.º e 6.º de educación primaria coa colaboración e supervisión dos/as monitores/as de Stop Accidentes estudaron e debateron sobre a implantación da redución da velocidade na vida da cidade. Como conclusión dos seus estudos, leron un manifesto e solicitáronlles ás autoridades presentes a aplicación de diversas medidas para facer efectiva esa redución de velocidade e mellorar a seguridade da mobilidade.
Entre as ditas medidas destacan as seguintes:
Ao evento tambien asistiron os concelleiros do PP e Marea Atlántica, Antonio Deus e Claudia Delso, que coincidiron en resaltar as vantaxes da redución de velocidade, en canto á mellora da seguridade, a redución da contaminación e a posibilidade de compartir calzada os coches, as bicicletas e os VMP.
A responsable de Stop Accidentes, Jeanne Picard, mostrou a súa satisfacción polas novas medidas: "Son moitos anos pedindo unha redución de velocidade nas cidades, porque sabemos que a velocidade excesiva mata", e pediulle á cidadanía que respecte a sinalización e favoreza a prioridade das persoas.
Benvida á redución de velocidade nas vías urbanas
O concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, cualificou o evento de "pistoletazo de saída" para a aplicación da nova normativa. Segundo lembrou, desde onte máis do 90% do rueiro municipal accesible a vehículos ten un límite de 30 quilómetros por hora, incluíndo todas as vías que teñen un só carril por sentido, mentres que nas vías de dous, que manteñen o límite en 50 km/h, "está a habilitarse algún carril 30". Nas rúas de plataforma única, nas que beirarrúas e calzada están ao mesmo nivel, o límite queda en 20 km/h, ou 10 km/h se non pasa o transporte público por elas.
A nova normativa de velocidade, sinalou Villoslada, fai "compatible o automóbil coas bicicletas e vehículos de mobilidade persoal" como os patinetes, e permitirá que haxa menos emisións de gases e baixen os niveis de contaminación acústica.
Tamén asistiron representantes da Xefatura Provincial de Tráfico, o subxefe provincial, Adrián Pedreira, recalcou que "O máis importante é tratar de reducir a sinistralidade". Os datos achegados pola DXT confirman que a redución da velocidade supón que o risco de que unha persoa morra atropelada redúcese ao 80%.
Pola tarde unha marcha conxunta de usuarios/as de bicicletas, VMP e patinadores/as percorreron a cidade polos carrís 30, para visibilizar os cambios na mobilidade que supón a implantación e xeneralización da velocidade de 30 km/h nas vías urbanas.
A marcha na que colaboraron Mobi-liza, ACOUVMP e Galicia Rollers, partindo da praza de María Pita á 19.30 h, percorreron o Paseo Marítimo, a rolda de Outeiro e Catro Camiños.
O concelleiro Antonio Deus, do PP, participou na marcha e manifestou o seu apoio á redución de velocidade e lembrou que o seu grupo apoiou no Pleno municipal a incorporación da Coruña como Cidade 30. A redución da velocidade, opinou, vai conseguir unha "mellora da seguridade para os peóns e as peoas", así como "un tráfico máis calmado". Pola súa banda a concelleira da Marea, Claudia Delso, que tamén participou no percorrido en bicicleta, sinalou desde o seu grupo "non podemos máis que celebrar este avance".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible