Neste apartado pode acceder á información das diferentes convocatorias e subvencións do Servizo Municipal de Participación Cidadá e Innovación:
- Información xeral de subvencións
- Subvencións para entidades veciñais
SUBVENCIÓNS
Información xeral
A área de Benestar Social e Participación, a través do servizo de Participación Cidadá, ten a vontade de prestar todo o seu apoio ao asociacionismo veciñal, por consideralo un dos instrumentos máis importantes que garanten a participación colectiva da cidadanía, contribuíndo á construción colectiva da nosa cidade.
Nesta convocatoria preséntanse subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ás asociacións veciñais e destinadas a apoiar o funcionamento e a dinamización de actividades de interese social, cívico e cultural do excelentísimo concello da Coruña para o exercicio 2024. A finalidade das subvencións é apoiar economicamente os gastos de funcionamento e a realización de programas, proxectos e actividades de interese cívico, social ou cultural das asociacións veciñais do concello da Coruña, xa realizados ou por realizar, durante o exercicio económico 2024 (entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro), de acordo con criterios obxectivos que ponderen a importancia e representatividade de cada unha delas.
Liñas de subvención
Establécense dúas liñas subvencionables dentro da presente convocatoria:
Liña 1: Gastos de funcionamento
É obxecto desta liña outorgar subvencións para apoiar economicamente os gastos de funcionamento das asociacións veciñais que carezan de locais municipais en réxime de cesión ou noutras condicións de uso gratuítas durante o presente ano (no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro), de acordo con criterios obxectivos que ponderen a importancia e representatividade de cada unha delas.
Non poderán optar á liña 1 aquelas entidades que perciban unha axuda directa por parte do Concello da Coruña, no mesmo exercicio ao que corresponde esta convocatoria, que teña como finalidade o financiamento dos gastos para o mantemento da entidade.
Liña 2: Apoio de programas, proxectos e/ou actividades
É obxecto desta liña outorgar subvencións para apoiar os programas, proxectos e/ou actividades de interese cívico, social ou cultural que realicen as asociacións do concello da Coruña durante este ano (entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro), de acordo con criterios obxectivos que ponderen a importancia e representatividade de cada unha delas.
Nesta liña, a solicitude deberá ir acompañada de:
Memoria descritiva, na que se detallen as actividades ou proxectos que se queren subvencionar, indicando as datas, lugar de realización, a quen vai dirixida, que fins e obxectivos se queren conseguir e que recursos se necesitan.
Orzamento de execución, desagregando e detallando todos os conceptos contemplados, necesarios para a realización das actividades propostas.
Certificación actualizada dos cargos representativos, que compoñen a xunta directiva da entidade solicitante.
O resto da documentación non será necesario presentala posto que xa está en poder do Concello da Coruña, por estar inscrita a entidade no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña, REMAC. Todas as entidades estarán obrigadas, por tanto, a manter esta documentación actualizada, comunicando o máis axiña posible, calquera cambio.
Poderase solicitar subvención para unha ou varias liñas subvencionables, que deberán ser obxecto de solicitudes independentes. No caso de presentar solicitude para máis dunha liña, a entidade solicitante deberá presentar con cada solicitude todos os anexos e documentos relacionados nas bases para cada unha delas, de forma independente.
Esta convocatoria realízase en réxime de concorrencia competitiva, sendo requisito imprescindible que as entidades solicitantes teñan a súa sede no termo municipal da Coruña e figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña, REMAC, na categoría de asociacións veciñais. As actividades subvencionadas poden programarse para a súa realización antes de 31 de decembro do ano da convocatoria e/ou tamén pode solicitarse a subvención para accións xa realizadas a inicios deste ano.
Para recibir asesoramento e para a resolución de calquera dúbida relacionada coa presentación das solicitudes destas subvencións ou da execución dos programas e actividades subvencionables, estará dispoñible un servizo específico de apoio na Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana.
Prazo de solicitude
O prazo de solicitude para ambas as liñas de axuda comezará ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP
Data de publicación no BOP: 11 de marzo de 2024
Accede, a continuación, á documentación das diferentes convocatorias e subvencións
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible