Espazo TEU aberto de uso cidadán.
Os espazos TEU son unha rede de espazos abertos que o Concello da Coruña pon a disposición da cidadanía para o seu uso público, aberto e múltiple.
Podes solicitalo para facer unha xuntanza, celebración, reunión familiar, actividade formativa, social ou cultural.
Tes que ser maior de idade e estar empadroado/a na Coruña e podes solicitalo con carácter privado ou en representación dunha entidade/asociación/colectivo informal con sede dentro do termo municipal da Coruña.
O tempo de uso vai dende un día ata un máximo de dous días consecutivos, de 09:00 a 22:00 horas.
Terás acceso a dúas salas comunicadas por un vestíbulo e a dous aseos, cun equipamento de dúas mesas pregables de 140x70cm, 40 cadeiras amoreables, un taboleiro de cortiza, un percheiro, dous radiadores eléctricos, un armario con utensilios e produtos de limpeza e unha caixa de primeiros auxilios.
O aforo máximo é, neste momento, de 50 persoas.
A historia do Faro
A necesidade de protección fixo que se comezase a construír a Batería de Oza xusto no lugar do ataque, como unha batería complementaria de San Diego para a defensa do litoral. É das máis antigas de costa construídas na Coruña, mencionada documentalmente en 1639. Constaba dun fortín con traza estrelada, simétrica e regular, co espazo organizado en diferentes niveis que acollían edificios auxiliares para a tropa (almacéns, oficinas, habitacións...) e un foxo defensivo. Completaba o conxunto un parapeto con troneiras, ramplas, unha bóveda de paso con porta levadiza e unha muralla defensiva cara á zona de terra. Desta muralla aínda se pode ver o extremo xunto á facultade de Fisioterapia, o resto permanece soterrado.
A principios do século XX, os únicos faros que guiaban o acceso ao porto da Coruña eran a Torre de Hércules e o faro de Cabo Prioriño e o ángulo das súas luces non garantían a posición correcta dos barcos durante a manobra de entrada. Por este motivo, en 1904, a Comisión de Faros decidiu instalar outro na punta de Oza, que serviría para guiar os buques que entrasen pola ría do Burgo.
O proxecto foille asignado ao enxeñeiro Salvador López Miño e a obra foille adxudicada a Juan Mosquera Morano, quen a rematou en 1915 por case 30.000 pesetas. Está formado por dous pavillóns de 11x 5m aos dous lados do vestíbulo e dunha escaleira de servizo que leva a unha terraza. No seu centro érguese unha torre de dous corpos de muro que remata nun torreón coroado por unha lanterna cilíndrica metálica e unha pequena cúpula.
O 20 de agosto de 1917 o faro comezou a prestar servizo. En 1955, tras a construción do dique de abrigo, deixou de actuar como sistema de enfilación dos barcos e pasou a funcionar só como luz de referencia, ata 1963, ano no que pechou.
O faro foi abandonado durante décadas, ata que o lugar do antigo Sanatorio Marítimo de Oza foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1992 e a Autoridade Portuaria decidiu rehabilitalo en 1996. Aínda así, ao non ter un uso continuado, volveu sufrir abandono e vandalismo e diversas asociacións e a propia veciñanza demandaron en moitas ocasións a súa recuperación e o seu uso para a cidadanía. Finalmente, a Autoridade Portuaria cedeulle o uso do Faro de Oza ao Concello da Coruña e este aprobou nun Pleno de 2016 o cambio de uso de sanitario a cidadán.
Agora, en 2018, o Faro de Oza ábrese á cidadanía como un espazo de uso puntual, no que persoas físicas, asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e colectivos informais que o desexen poden solicitar o seu uso para actividades como unha celebración, reunión familiar, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade.
Como solicitar o Faro de Oza
Interésache?
Toda a información para solicitar o Faro de Oza está aquí .
Podes descargar o modelo de solicitude e presentala nun rexistro presencial ou facelo a través da sede electrónica con certificado dixital en https://sede.coruna.gob.es/opensiac/action/tramitesinfo?method=enter&id=822
Condicions de uso
O 12 de decembro de 2016, o Pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade o cambio de uso do Faro de Oza de sanitario a cidadán. Este cambio responde a unha antiga demanda e á intención do Concello de que os locais municipais poidan ser desfrutados pola cidadanía.
As demandas da sociedade e a necesidade de aproveitar os recursos públicos fan que se vaia tendendo a promover usos compartidos dos espazos municipais, tanto para as asociacións, que en moitos casos poden compartir espazos, como para a veciñanza, que demanda o uso puntual dos espazos públicos, coa intención de que moitas máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos que son de todas e de todos.
Estas novas demandas fan que busquemos novos xeitos de posta a disposición que poidan satisfacer as necesidades da meirande parte da veciñanza, e un destes novos xeitos é a autorización de uso puntual.
En todos os casos a autorización de uso será GRATUÍTA.
A quen vai dirixida
Natureza da autorización de uso
Para facilitar o uso do Faro de Oza adoptarase a forma de AUTORIZACIÓN DE USO PUNTUAL, que consiste en destinar un local municipal para atender as demandas de persoas físicas e de asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e colectivos informais que desexen o uso puntual dun espazo para actividades como unha celebración, reunión familiar, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade.
>> Duración da autorización de uso puntual
A duración da autorización será como MÍNIMO DUN DÍA (de 09:00 a 22:00 horas) e DOUS DÍAS MÁXIMO (de 09:00 a 22:00 horas) cando o tipo de actividades o precise. En casos puntuais, cando o interese da actividade o aconselle, o Concello poderá autorizar unha duración maior.
>> Solicitude de autorización de uso puntual
A solicitude de autorización de uso puntual presentarase por rexistro no Rexistro Xeral de María Pita, no Fórum Metropolitano, no Ágora ou a través da sede electrónica do Concello.
Poderán solicitarse datas dentro do mes en curso e ata dous meses máis completos como máximo, e cunha antelación mínima de 15 días naturais antes do día que se queira utilizar.
Espazos dispoñibles no Faro
CONDICIÓNS DE USO:
CONDICIÓNS XERAIS:
Resolución
As autorizacións outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro. A Concellaría de Igualdade , Benestar Social e Participación asinará un documento de autorización de uso puntual a nome da persoa que corresponda, especificando a actividade que se poderá desenvolver, segundo a solicitude presentada.
A Concellaría de Igualdade , Benestar Social e Participación comunicará previamente a concesión da autorización de uso puntual á conta de correo ou número de teléfono sinalados na solicitude, sen prexuízo da entrega da resolución na comparecencia que teña lugar no día e hora establecidos para a entrega das chaves.
No caso de denegación da solicitude (non dispoñibilidade do faro, penalización por mal uso anterior da instalación, valoración negativa da actividade etc.) levarase a cabo unha comunicación nos mesmos termos indicados para a concesión (mediante teléfono ou correo electrónico).
Réxime de funcionamento
Limpeza do local: o Concello manterá un servizo de limpeza semanal do local, pero advertirá no documento de compromiso da normativa que é responsabilidade da persoa solicitante deixar o local e todo o mobiliario do Faro limpo e nas mesmas condicións en que o atopou. Ademais, deberá facerse cargo do lixo e residuos producidos na actividade realizada.
Incidencias: no caso de atopar algunha incidencia, enviarase un correo electrónico a participacion@coruna.es acompañado de fotografías, a data do evento e os datos da persoa solicitante. De atopar algunha incidencia grave, contactarase directamente coa Policía Local no 092.
Preguntas frecuentes
QUEN O PODE SOLICITAR?
Calquera persoa maior de idade empadroada na Coruña pode solicitalo para unha actividade privada ou en representación dunha asociación ou entidade con sede social na cidade.
PARA QUE O PODO SOLICITAR?
Para unha actividade de ámbito privado (reunión familiar, festa de aniversario, xuntanza de traballo...) ou para actividades de asociacións, entidades ou colectivos informais (formación, coloquios, charlas, talleres ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade).
CANTO TEMPO PODO USALO?
Dende un día ata dous días consecutivos, de 09:00 a 22:00 h.
COMO É O ESPAZO?
O faro ten dúas salas comunicadas por un vestíbulo, unha de 40 m2 e outra de 30m2.
CON QUE EQUIPAMENTO CONTA?
As salas están equipadas con catro mesas pregables de 140x70cm, 40 cadeiras amoreables, un taboleiro, un percheiro, dous radiadores eléctricos, un armario con utensilios e produtos de limpeza e unha caixa de primeiros auxilios.
CAL É A CAPACIDADE?
No recinto pode haber como máximo 50 persoas.
COMO O SOLICITO?
Hai que cubrir un formulario de solicitude que podes ver aquí e entregalo:
QUE PRAZO TEÑO PARA SOLICITALO?
Podes solicitalo durante todo o ano. Como mínimo debes presentar a solicitude 15 DÍAS NATURAIS antes da data elixida e, como máximo, a data debe pertencer ao mes en curso ou aos dous meses posteriores completos.
O faro non estará dispoñible os días 24, 25 e 31 de decembro, nin os días 1 e 6 de xaneiro.
Para saber se a data que queres está dispoñible, consulta o calendario de ocupación.
É ACCESIBLE?
O acceso peonil ao faro, pola súa configuración, o ano de construción e a súa protección patrimonial, ten un tramo de escaleiras que presenta dificultades para persoas con mobilidade reducida.
TEÑO QUE AVISAR SE AO FINAL NON O PODO USAR?
Si. Se tes o faro reservado para un día e ao final non podes facer uso del, débesllo notificar á Concellaría de Participación e Innovación Democrática, a través do correo participacion@coruna.es, cunha antelación mínima de 48 h.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible