Concello da Coruña

Concello da Coruña

Proceso participativo Novo Mesoiro

Proceso participativo para a articulación de servizos culturais municipais en Novo Mesoiro

Dentro dos procesos de participación pública desenvolvidos pola Concellaría de Participación e Innovación Democrática no marco do programa "A Porta Aberta", o proceso participativo para a articulación de servizos culturais en Novo Mesoiro diríxese, coma sempre, a toda a cidade, pero de maneira específica nesta ocasión aos barrios de Novo Mesoiro, Mesoiro Vello, Feáns e Someso, e mais aos núcleos de Vío e a Urbanización Breogán.

Para que serve?

Este proceso participativo desenvólvese para recoller ideas, necesidades e propostas concretas, que sirvan de base para articular un servizo municipal cultural polivalente e flexible que poida dar unha resposta a curto prazo ás necesidades e demandas transmitidas pola poboación.

O feito de que Novo Mesoiro sexa un espazo xeograficamente afastado do centro da cidade fai que, pese a contar xa cun centro cívico municipal, un polideportivo e un centro de saúde, careza doutro tipo de equipamentos, como unha biblioteca. A que se atopa máis preto do barrio é a de Miguel González Garcés, situada aproximadamente a 6 quilómetros de Novo Mesoiro, cun tempo de traslado de 10 minutos en vehículo propio e 30 minutos en transporte público.

Desta maneira, unha das demandas tradicionais máis estendidas por parte da veciñanza deste barrio foi sempre a necesidade de dotar este territorio dunha biblioteca, cunha oferta ampla de servizos culturais.

Esta demanda tivo unha presenza palpable durante o desenvolvemento do programa de orzamentos participativos posto en marcha por primeira vez polo Concello da Coruña no ano 2016.

CAL É O SEU OBXECTIVO?

Así pois, o obxectivo principal deste proceso participativo é recoller a maior información posible, que lle facilite ao Concello axustar as necesidades e demandas veciñais a unha oferta cultural actualizada e adecuada aos cambios sociodemográficos e urbanos experimentados nesta parte da cidade nos últimos anos.

A vontade do Concello, nun curto prazo, pasa pola procura de novos espazos no barrio postos a disposición da veciñanza e a articulación dunha oferta ampla de servizos culturais polivalentes e flexibles.

Accións e participación

Este novo proceso participativo comeza en febreiro do 2017, cunha primeira fase de diálogo coa veciñanza, unida a un traballo previo de recollida de información a través de entrevistas mantidas coas asociacións veciñais e comerciais do territorio, entidades culturais e deportivas, centros de ensino, colectivos e axentes clave dos barrios e núcleos vinculados.

Rematada esta primeira fase, comezan os encontros presenciais e obradoiros abertos á participación de todas as persoas interesadas, organizados co obxectivo de promover o debate e o diálogo, partindo das necesidades e intereses da cidadanía.

Encontros presenciais

1º. 23 de marzo, xoves, ás 20.00 h, no Centro Cívico Municipal Novo Mesoiro

Trátase dun encontro aberto, sen que sexa preciso facer inscrición para asistir. O obxectivo deste encontro é informar detalladamente a poboación de Novo Mesoiro, Feáns, Mesoiro Vello, Someso, Vío e a Urbanización Breogán sobre como se vai desenvolver este proceso participativo, con que obxectivos e fins, e cales son as vías a través das cales se poderá participar.

2º. 28 de marzo, martes, ás 11.00 h, no Centro Cívico Municipal Novo Mesoiro

Obradoiro de traballo dirixido a persoas maiores e xubiladas, co obxecto de recoller as demandas e propostas específicas deste sector concreto da veciñanza.

3º. 30 de marzo, xoves, ás 20.00 h, no Centro Cívico Municipal Novo Mesoiro

Segundo obradoiro de traballo dirixido a familias e mocidade. Obradoiro interxeracional para fomentar o diálogo conxunto das familias e a mocidade no que se refire ás expectativas e necesidades no ámbito cultural.

4º. finais de abril / comezos maio, xoves, ás 20.00 h, no Centro Cívico Municipal Novo Mesoiro

Encontro final do proceso participativo. As propostas, demandas e suxestións achegadas polas persoas, entidades e colectivos participantes, axudarán a establecer un escenario de partida, sobre o que se establece un debate construtivo nun espazo final de reflexión colectiva.

Coma sempre, en cada un destes encontros estará dispoñible un servizo de interpretación de signos para as persoas con deficiencias auditivas e un servizo de conciliación para a atención a menores que acompañen as persoas participantes.

Ademais de participar nos encontros e nos obradoiros de traballo, calquera persoa interesada en achegar as súas suxestións, propostas ou demandas, pode facelo enviando un correo electrónico ao enderezo participacionovomesoiro@gmail.com

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión