Un proceso participativo posto en marcha dentro do marco de "A Porta Aberta" co obxectivo de afianzar os usos actuais do Parque de Bens e promover o debate sobre a súa posible ampliación, a partir dos intereses e das necesidades da veciñanza, e sempre dentro dos criterios de conservación.
O parque de Bens constitúe unha das grandes áreas verdes da cidade. De ampla extensión e aberto ao mar, ofrécenos grazas á súa orografía e vexetación, zonas con características moi diferentes que posibilitan usos moi diversos. A el podemos ir facer deporte nunha contorna natural, ir gozar das vistas ao mar, na procura dun lugar tranquilo onde ler á sombra no verán, pasear a nosa mascota ou ir de excusión co colexio e pasalo ben aprendendo na natureza.
Pero non somos as persoas as únicas usuarias deste espazo. No parque tamén viven, aliméntanse, e buscan acubillo moitas especies de animais, algunhas delas que só as podemos atopar na cidade no Parque de Bens. Esta é a beleza e a singularidade deste espazo. A mestura de persoas e natureza, de paisaxes e usos diversos, e todo en harmonía, fai que este parque sexa tan especial.
Por iso, para pensar este espazo e as novas actuacións necesarias nel, cumpría contar coa participación de moitos actores sociais diferentes e xerar os momentos para que a diversidade de miradas sobre o parque se atopasen, se coñecesen e xuntas xerasen o novo Parque de Bens que desexamos.
Aquí podes consultar a zonificación resultante do proceso participativo, que xorde, como non podía ser doutro xeito e en concordancia coa esencia deste lugar, da sabedoría colectiva que proporciona a diversidade e que garante a pluralidade de usos en contacto e respecto pola natureza.
>> MAPAS PARA O PROCESO DE ZONIFICACIÓN E USOS DO PARQUE DE BENS SOBRE OS RESULTADOS DO PROCESO PARTICIPATIVO (acceso á información)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible