Concello da Coruña

Concello da Coruña
Faro de Oza

OS TEUs RIBEIRA SACRA EN NOVO MESOIRO

Estes dous espazos, situados na rúa Ribeira Sacra, no barrio de Novo Mesoiro, intégranse na rede de infraestruturas sociais TEU, posta en marcha pola Concellaría de Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación.

Os espazos TEU son unha rede de espazos abertos que o Concello da Coruña pon a disposición da cidadanía para o seu uso público, aberto e múltiple.

Descubre todas as posibilidades dos Espazos TEU. Son para que os desfrutes. Son para o que necesites.

>> O aforo máximo no TEU Ribeira Sacra 15, neste momento, é de 50 persoas e no TEU Ribeira Sacra 17 é de 70 persoas.

1. USO DOS TEUs RIBEIRA SACRA PARA USO PUNTUAL

Existe tamén a posibilidade de solicitar calquera dos dous espazos para utilizar de forma particular e reservada. O horario de uso é de 9.00 a 22.00 h, de luns a venres, venres, as fins de semana e datas festivas completas.

As datas de peche dos espazos serán: o 1 e o 6 de xaneiro así como o 24, 25 e 31 de decembro.

Podes solicitalos para facer unha xuntanza, celebración, reunión familiar, actividade formativa, social ou cultural, e para facelo tes que ser maior de idade e estar empadroado/a na Coruña.

Podes facer a solicitude con carácter privado/particular ou ben en representación dunha entidade/asociación/colectivo informal con sede dentro do termo municipal da Coruña.

2. EQUIPAMENTO E CAPACIDADE DOS LOCAIS

O TEU Ribeira Sacra 17 é un espazo municipal público, aberto e multifuncional, cun tamaño aproximado de 100 m2 e un aforo máximo, neste momento, de 70 persoas​, que conta co equipamento seguinte:

  • Plataforma de madeira elevada para pequenas actuacións
  • Mamparas separadoras de espazos
  • Mobiliario básico (mesas e cadeiras)
  • Postos individuais de lectura, estudo e traballo con conexión á rede
  • Rede wifi
  • Toma de auga e vertedoiro
  • Aseos

Pola súa banda, o TEU Ribeira Sacra 15, é tamén un espazo público aberto, de 80 m2 distribuído a maioría en planta baixa e unha pequena superficie de uso nun andar superior. O aforo máximo, neste momento, é de 50 persoas. Está equipado con:

  • Cociña con forno e campá extractora
  • Mamparas separadoras de espazos
  • Mobiliario básico (mesas e cadeiras)
  • Postos individuais de lectura, estudo e traballo con conexión á rede
  • Rede wifi
  • Aseos

3. COMO FACER A SOLICITUDE PARA O USO PUNTUAL RESERVADO

  • Se es unha persoa maior de idade, estás empadroado/a na Coruña e precisas un lugar onde poder realizar unha reunión, celebración familiar, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra social ou cultural, para ti ou en representación dunha asociación, entidade ou colectivo informal, podes solicitar o uso puntual dos TEUs Ribeira Sacra de Novo Mesoiro.
  • Podes solicitar o uso do espazo que mellor se adapte ás túas necesidades no horario de 09.00 a 22.00 horas, un ou dous días consecutivos como máximo. 
  • A autorización de uso é gratuíta.

Interésache?

  • Só tes que solicitalo por rexistro, como mínimo 15 días naturais antes da data desexada e como máximo, dentro do mes en curso e os dous meses posteriores completos.
  • As autorizacións outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro.

Toda a información para solicitar os TEUs Ribeira Sacra está aquí .

Podes descargar o modelo de solicitude e presentala nun rexistro presencial (Ágora, Forum e María Pita) ou facelo a través da sede electrónica con certificado dixital en  https://sede.coruna.gob.es/opensiac/action/tramitesinfo?method=enter&id=822

Quen os pode solicitar?

Calquera persoa maior de idade empadroada na Coruña pode solicitalo para unha actividade privada ou en representación dunha asociación ou entidade con sede social na cidade.

Para que os podo solicitar?

Para unha actividade de ámbito privado (reunión familiar, festa de aniversario, xuntanza de traballo...) ou para actividades de asociacións, entidades ou colectivos informais (formación, coloquios, charlas, talleres ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade).

Como fago a solicitude?

Hai que cubrir un formulario de solicitude que podes ver aquí e entregalo:

  • De forma presencial, nos seguintes rexistros:
    • Rexistro Xeral do Concello (Concello da Coruña. Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña)
    • Fórum Metropolitano (Rúa Río de Monelos, 1. 15006 A Coruña)
    • Centro Sociocultural Ágora (Lugar da Gramela, 17, 15010 A Coruña)
  • Por correo postal dirixido ao Rexistro Xeral do Concello.
  • A través do rexistro telemático identificándote con DNI electrónico ou certificado dixital avanzado e recoñecido: https://sede.coruna.gob.es/opensiac/action/tramitesinfo?method=enter&id=822

Que prazo teño para solicitalos?

Podes solicitar o uso puntual dos TEUs Ribeira Sacra durante todo o ano. Como mínimo debes presentar a solicitude 15 DÍAS NATURAIS antes da data elixida e, como máximo, a data debe pertencer ao mes en curso ou aos dous meses posteriores completos.

Como norma xeral, todos os espazos TEU non estarán dispoñibles os días 24, 25 e 31 de decembro, nin os días 1 e 6 de xaneiro.

Para saber se a data que queres está dispoñible, consulta o calendario de ocupación.

Teño que avisar se ao final non o podo usar?

Si. Se tes algún dos espazos TEU reservado para un día e ao final non podes facer uso del, débesllo notificar á Concellaría de Participación e Innovación Democrática, a través do correo participacion@coruna.escunha antelación mínima de 48 h.

4. CONDICIÓNS DE USO

Tras realizar as obras de acondicionamento necesarias, o Concello da Coruña pon a disposición do uso da cidadanía dous novos espazos en Novo Mesoiro.

Trátase de dous baixos de titularidade municipal situados na rúa Ribeira Sacra, un deles no número 15-1, cunha superficie útil de 80 m2, e o segundo no número 17, cun tamaño maior, de 106 m2 útiles.

Ambos espazos intégranse na rede de infraestruturas sociais denominadas TEUs, posta en marcha pola Concellaría de Participación e Innovación Democrática, coa apertura do Faro de Oza. 

Os locais funcionan do mesmo xeito que o TEU Faro de Oza, como espazos con autorización de uso puntual para celebracións familiares, charlas, obradoiros, e actividades similares.

Natureza da autorización de uso puntual 

Para facilitar o uso particular e reservado dos espazos, adoptarase a forma de AUTORIZACIÓN DE USO PUNTUAL, que consiste en destinar un local municipal para atender as demandas de persoas físicas e de asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e colectivos informais que desexen o uso puntual dun espazo para actividades como unha celebración, reunión familiar, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade.

Condicións do uso puntual

  • En todos os casos a autorización para o uso puntual reservado e particular dos dous TEUs Ribeira Sacra será GRATUÍTA.
  • A persoa solicitante debe ser maior de idade e estar empadroada no Concello da Coruña. Ademais, se actúa en representación dunha asociación ou entidade, esta debe ter a súa sede social dentro do termo municipal da Coruña.
  • A persoa solicitante terá a notificación da recepción da autorización de uso puntual, e asinará o compromiso de cumprimento das condicións de uso que se expoñen a continuación. Con esa sinatura, a persoa solicitante asume, baixo a súa responsabilidade, velar polo coidado e respecto ás instalacións e faise responsable da limpeza e dos desperfectos que se poidan ocasionar.

Quen pode solicitar a autorización puntual para o uso reservado?

En xeral, poden facer uso destes locais, en calquera das súas modalidades:

  • Cidadás e cidadáns que precisan dun espazo común para reunirse, desenvolver actividades colectivas, ou realizar una reunión ou celebración de ámbito privado.
  • Asociacións, entidades sen ánimo de lucro ou colectivos informais que, ben por non ter local, ou por telo pero non ter a capacidade e os recursos precisos, desexan desenvolver unha actividade social ou cultural (asemblea de persoas socias, actividades de formación, difusión do seu labor á cidadanía...), sempre de forma gratuíta para as persoas asistentes.

No caso do outorgamento das autorizacións puntuais para o uso reservado dos locais, as persoas físicas solicitantes deberán ser maiores de idade e figurar empadroadas no Concello da Coruña. Igualmente, as asociacións deberán ter a súa sede no termo municipal.

Duración da autorización de uso puntual reservado

A duración xeral do uso puntual será de un ou dous días consecutivos como máximo. En casos puntuais, e cando o interese da actividade o aconselle, o Concello da Coruña poderá autorizar unha duración maior.

CONDICIÓNS DE USO:

  • A persoa solicitante especificará o uso concreto para o que pide o local e só poderá destinalo a ese fin, segundo se recollerá na resolución de autorización de uso puntual.
  • A persoa solicitante, e responsable do uso, deberá estar presente durante todo o tempo que dure a utilización do espazo.
  • Non se poderá sobrepasar o aforo máximo, fixado en 50 persoas no TEU-RB-15 e 70 persoas no caso do TEU-RB-17, nin o horario máximo permitido que, en todo caso, nunca sobrepasará as 22:00 h. Non está permitido pernoctar no mesmo.
  • Poden colocarse elementos de decoración e ornamentais sempre que non leven ningún tipo de ancoraxe ás paredes, ao chan ou ao teito das estancias.
  • Non se poderá facer ruído que moleste as persoas e a veciñanza dos edificios da contorna.
  • Non se permitirá ningunha actividade con ánimo de lucro, nin a venda de produtos ou o cobro de entrada ás persoas asistentes a calquera actividade, nin calquera actividade económica nos locais.
  • Non está permitido o consumo de bebidas alcohólicas nin o consumo de drogas en ningún caso, en ningún dos dous locais.
  • A persoa solicitante e, polo tanto responsable do uso do local, debe encargarse de recoller o lixo produto da actividade realizada e levalo aos correspondentes colectores.
  • Notificaráselle á Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, a través do correo participacion@coruna.es, cunha antelación mínima de 48 h, en caso de non poder facer uso do local que se lle adxudicou.

Resolución da autorización

As autorizacións de uso puntual outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro. A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación asinará unha resolución de autorización de uso puntual a nome da persoa que corresponda, especificando a actividade que se poderá desenvolver, segundo a solicitude presentada.

A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación  informará previamente a persoa solicitante sobre a concesión da autorización de uso puntual á conta de correo ou número de teléfono sinalados na solicitude no prazo de sete días, sen prexuízo da entrega da notificación da resolución na comparecencia que teña lugar no día e hora establecidos para a entrega das chaves.

No caso de denegación da solicitude levarase a cabo unha comunicación nos mesmos termos indicados para a concesión (mediante teléfono ou correo electrónico).

Réxime de funcionamento

  1. Recollida das chaves As chaves recolleranse no Centro Cívico Mesoiro, na Rua Ancares, 15, 15190 A Coruña . Só poderá recoller a chave a persoa solicitante, mostrando o DNI :
  •  Se a reserva é para un día entre o luns e o sábado, o día de recollida será o mesmo día en horario de de luns a vernres de 09 a 14:30 h e de 17 a 21h e o sábado de 10:30 a 13 horas e de 16:30 a 21h. ou o día anterior no mesmo horario.
  • Se a reserva é para un domingo, o día de recollida será o o venres ou o sábado inmediatamente anterior no antedito horario.
  • Se a reserva é para un día festivo, o día de recollida será o anterior día hábil ou sábado no horario marcado.
  1. Devolución das chaves:  a persoa solicitante devolverá as chaves no Centro Cívico Mesoiro, na Rua Ancares, 15, 15190 A Coruña o día seguinte hábil ou sábado do uso do espazo nos horarios establecidos
  2. Limpeza do local: o Concello manterá un servizo de limpeza semanal do local, pero advertirá no documento de compromiso da normativa que é responsabilidade da persoa solicitante deixar o local limpo e nas mesmas condicións en que o atopou. Ademais, deberá facerse cargo do lixo e residuos producidos na actividade realizada.
  3. Incidencias: no caso de atopar algunha incidencia, enviarase un correo electrónico a participacion@coruna.es acompañado de fotografías, a data do evento e os datos da persoa solicitante. De atopar algunha incidencia grave, contactarase directamente coa Policía Local no 092.

Condicións xerais de uso

  • Os TEUs Ribeira Sacra 15 e 17 permanecerán pechados e non estarán dispoñibles en ningunha das modalidades de uso posibles durante os días 24, 25 e 31 de decembro e tamén os días 1 e 6 de xaneiro.
  • O Concello da Coruña non se responsabiliza das actividades que se realicen dentro dos locais cando os compromisos asumidos pola persoa ou entidade solicitante ou organizadora da actividade sexan incumpridos, e corresponderalle exclusivamente a esta as consecuencias dos seus actos.
  • O Concello non se fai responsable da desaparición de calquera obxecto (bolsos, teléfonos, pezas de vestir etc.) que se produza durante a realización dunha actividade.
  • O Concello queda facultado para denegar a autorización de uso dos locais no caso de solicitantes, persoas, entidades ou colectivos que teñan antecedentes de incidentes no uso destes locais, en calquera das súas modalidades.
  • Igualmente o Concello da Coruña poderá denegar a autorización de uso reservado, ben porque precise o espazo solicitado para desenvolver unha actividade propia, ben pola natureza das actividades para desenvolver ou por motivos xustificados que así o aconsellen.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión