Concello da Coruña

Concello da Coruña

AMAC: Proceso participativo sobre a Área Metropolitana da Coruña

Procesos participativos abertos á cidadanía

Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada e A Coruña acollen de aquí ata fin de ano o Proceso Participativo da Área Metropolitana. Trátase do primeiro proceso participativo metropolitano que poñemos en marcha. Coa colaboración da maioría dos Concellos (adhesión voluntaria) que forman parte do proceso abrimos o proxecto da AMAC (Área Metropolitana da Coruña) ás persoas para incorporar as súas voces.

A creación da área metropolitana é un tema de gran calado a nivel político, social, económico e cultural para o noso territorio e para a nosa vida, é por iso que pensamos que é de especial relevancia contar coas persoas que a viven, a habitan, traballan nela ou pasan ou seu tempo de lecer incorporando as súas voces de cara a acadar o maior consenso social ao redor da iniciativa política de constitución da AMAC.

Crear un consenso social, ademais do institucional, ao redor deste tema é un reto ao que nos enfrentamos e para iso é necesario abrir debates no espazo público, coas persoas, en todos os Concellos que a conforman para poder soñar xuntos algo que xa é real: a Área Metropolitana da Coruña.

Con este proceso queremos chegar ao maior número de persoas, á poboación diversa que conforma a área Metropolitana da Coruña e para iso habilitamos diferentes formatos de participación coa intención de que calquera persoa poida participar de diferentes formas, formatos e con diferentes intensidades.

Para abrir estes debates impulsamos este proceso participativo que implica unha serie de actos, neste caso oito encontros presenciais nos Concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada e A Coruña que se sucederán entre o 15 e o 30 de novembro deste ano. Todos eles organizados en colaboración cos Concellos participantes.

Alcaldes e a Alcaldesa compartirán nestes encontros presenciais o proxecto metropolitano para abrilo á súa participación, incorporando as voces da veciñanza. Estes encontros están dirixidos a promover o debate e o contraste de argumentos entre a veciñanza e, entre esta e os diferentes responsables municipais de todos os Concellos que impulsan a creación da AMAC.

Próximos encontros previstos

  1. 15 de novembro no Salón de Plenos de Sada | Ás 19.30 h
  2. 16 de novembro na Senra en Bergondo | Ás 19.30 h
  3. 20 de novembro no Centro Sociocultural do Graxal en Cambre | Ás 19.30 h
  4. 22 de novembro no Concello na Coruña | Ás 19.30 h
  5. 23 de novembro na Fábrica en Perillo, Oleiros | Ás 19.30 h
  6. 27 de novembro lugar por confirmar, Culleredo | Ás 19.30 h
  7. 29 de novembro lugar por confirmar, Abegondo | Ás 19.30 h
  8. 30 de novembro lugar por confirmar, Betanzos | Ás 19.30 h

As entidades da área terán espazos específicos a través de mesas temáticas de traballo onde serán convidadas a participar diferentes entidades dos ámbitos que se abordan -ademáis de estar abertas á poboación en xeral-

Mesas temáticas de traballo

  1. Economía, emprego e turismo, realizarase en Culleredo o día 24 de novembro.
  2. Ciclo integral da auga e políticas medioambientais, realizarase en Cambre o día 28 de novembro.
  3. Xestión e tratamento de residuos, realizarase en Abegondo o día 1 de decembro.
  4. Mobilidade e ordenación do territorio, realizarase en Oleiros o día 5 de decembro.

OUTRAS FORMAS DE PARTICIPACIÓN

Adhesión á carta de apoio

Outra forma de participación contemplada no proceso é a adhesión á carta de apoio ao proxecto metropolitano https://www.coruna.gal/descarga/1453615444490/Carta-Apoio-AMC.pdf na que persoas e entidades, organizacións etc. poden mostrar o seu apoio ao proxecto dotándoo do consenso social necesario para poder levalo adiante.

Consulta pública á cidadanía

E, xa, por último, a través dun proceso electrónico que se abrirá na páxina Web da Área Metropolitana www.coruna.gal/estratexia-metropolitana-amac/gl/ , realizarase unha consulta pública á cidadanía que terá lugar entre o 20 de novembro e o 20 de decembro de este ano.

Esta consulta pública responde ao previsto no artigo 133 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e que ten por obxectivo integrar a participación cidadá no procedemento de elaboración de normas. A consulta faise con cárter previo á elaboración do proxecto ou anteproxecto de lei ou regulamento. Nela vanse abordar os problemas que se pretenden solucionar coa creación da AMAC, as necesidades e oportunidades que supón, os obxectivos da norma así como as posibles solucións que abordará a AMAC.

Neste espazo dixital as persoas poderán facer as súas achegas e expresar as súas necesidades en relación ao proxecto metropolitano.

Máis información

>> INFORMACIÓN SOBRE A ESTRATEXIA DA ÁREA METROPOLITANA DA CORUÑA (acceso á información xeral)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión