Concello da Coruña

Concello da Coruña

Adecuación de espazos urbanos para a implementación de zonas e itinerarios peonís e mellora da accesibilidade

Actuación 6_Os itinerarios pretenden a peonalización e ampliación do espazo peonil de catro rúas da cidade situadas na Zona de Baixas Emisións; todas elas forman parte dunha rolda peonil incluída no proxecto "Coruña Camiña" concibido como unha rede peonil planificada, funcional e conectada, cuxo deseño pretende a unión de barrios a través de diversas peonalizacións e itinerarios de zonas máis poboadas e centros de interese (colexios).

O obxectivo é mellorar as condicións urbanas do espazo público rexenerando o tecido urbano con zonas de esparexemento, paseo e descando, potenciando o comercio local ao liberar o espazo de vehículos e fomentar a mobilidade peonil a través da xeración dunha contorna segura para os peóns e as peoas.

Desenvólvese a actuación nunha contorna de poboación afectada por niveis de contaminación acústica que superan os obxectivos de calidade, así como nunha zona potencial de conflito por mala calidade do aire.

As actuacións previstas no Plan de acción contra o ruído e no Plan de fomento da mobilidade peonil incluído no PMUS aprobado polo Concello no ano 2013, eliminan o tráfico privado e implican a caída dos niveis de ruído por esta causa e as correspondentes emisións atmosféricas.

No deseño dos proxectos tivéronse en conta a accesibilidade universal e a non discriminación de persoas con discapacidade, procurando infraestruturas funcionais, seguras, cómodas e atractivas, adaptándoas á climatoloxía da cidade.

Respecto da mellora de accesibilidade vertical, preténdese mellorar a accesibilidade ao transporte público e minimizar o uso de medios de transporte privados, nunha zona de potencial conflito por mala calidade do aire. A actuación tamén ten como obxectivo o fomento da intermodalidade, pois lévase a cabo nunha parada de transporte público urbano e metropolitano.

Está composta dos seguintes 5 contratos:

1.-Peonalización das rúas Alcalde Marchesi e Primavera. Proponse a peonalización das rúas na área de intervención e mellorar as condicións urbanas do espazo público como rexenerar o tecido urbano, con zonas de esparexemento, paseo e descanso, e potenciando o comercio local mellorando a mobilidade peonil a través da xeración dunha contorna segura para peóns/peoas. As obras xa están totalmente executadas.

2.-Peonalización da rúa Compostela e a súa contorna. Peonalízase a rúa Compostela, amplíase á calzada o enlousado que actualmente existe nas beirarrúas, cun novo paquete de firme. Tamén se peonaliza a praza de Lugo entre as rúas Compostela e Ferrol, en similares condicións ás anteriormente descritas, coa única diferenza no pavimento consistente no lastrado da zona central pola que transcorrerá o tráfico restrinxido. Renovarase a totalidade da superficie do leito da rúa Ferrol ata a intersección coa rúa Rosalía de Castro. As beirarrúas ampliarán a súa anchura con respecto ao estado actual, adoptando a solución do lousado dos anteriores treitos. A calzada central e a liña de aparcamento ao seu lado quedará executada en laxa de formigón armado. As obras xa finalizaron.

3.-Mellora de accesibilidade no barrio dos Castros mediante elementos electromecánicos

Na actualidade existe un problema de accesibilidade para os peóns e as peoas que dende a rúa Ortigueira ou Vila de Padrón queiran acceder á parada de autobús existente na avenida da Pasaxe, pois o acceso máis directo sería a través da avenida da Concordia, que posúe unha pendente do 15%. Tamén se podería acceder a través da rúa Ángela Blanco de Soto, que quedaría máis afastada e ten unha pendente do 12%. Por tanto, a comunicación da rúa Vila de Padrón e rúa Ortigueira coa avenida da Pasaxe supón un problema de accesibilidade e mobilidade.

Conclúese que a mellor opción é a de instalar un ascensor con cabida para 12 persoas que salve a diferenza de cota existente entre a avenida da Pasaxe e a confluencia da rúa Ortigueira coa rúa Vila de Padrón. O acceso ao ascensor realizarase a través dunha pasarela elevada á que se chega subindo uns chanzos desde a rúa Ortigueira ou a través dunha rampla de acceso, de case 1 1m de lonxitude e cunha pendente do 4,43%, que ten a súa orixe na rúa Vila de Padrón. O ascensor desembarcará directamente nunha ampla marquesiña que substituirá as que actualmente existen.

As obras xa se executaron na súa totalidade.

4.-Rolda peonil no tramo do Centro Comercial Catro Camiños

A intervención planea unha redución da superficie do espazo público dedicado ao tráfico rodado. En xeral redúcese superficie de calzada e amplíanse as zonas de uso peonil exclusivo e xérase espazo de pacificación, uso mixto vehículo-peón, con prioridade para este último.

Expuxéronse as seguintes necesidades para satisfacer:

  • Encaixe en sección semipeonil que permita o tráfico mantendo o sentido de entrada desde Ramón y Cajal.
  • Garantir unha zona de carga e descarga maior que a existente
  • Repavimentación de beirarrúas e calzada
  • Adaptación á normativa de accesibilidade
  • Renovación da iluminación pública
  • Renovación dos servizos de evacuación de augas
  • Dotación de mobiliario urbano, arboredo e plantacións
  • Sinalización viaria
  • Consecución dun espazo público vivible e non unicamente de circulación e aparcadoiro
  • Reconectar a memoria da cidade cos espazos de vida social
  • Mellora estética
  • Sostibilidade económica e ecolóxica

Tendo en conta que o soporte e as necesidades son tan variadas, optouse por unha solución formal de certa uniformidade para achegar orde ao ámbito, aínda que se singularizaron de maneira sutil os puntos especiais como as conexións entre rúas.

As obras iniciáronse en outubro do ano 2022 e prevese a súa finalización na primavera de 2023, previsiblemente no mes de maio de 2023.

5.Remodelación da rúa Ramón Cabanillas. O ámbito de actuación sitúase no barrio dos Mallos, concretamente na rúa Ramón Cabanillas, entre os números 6 e 30, incluíndo a intersección coa avenida dos Mallos e coa rúa Río Traba. O obxectivo principal da actuación é adaptar o dito tramo da rúa ás actuacións de peonalización executadas recentemente na zona do mercado, logrando así a mellora e humanización dos espazos e proporcionando así, en todo o ámbito, preferencia ás persoas viandantes.

Coas actuacións incluídas no presente proxecto, preténdese acometer a reurbanización da rúa para satisfacer as seguintes necesidades:

  • Humanización e mellora da mobilidade peonil da rúa. Renovación do pavimento de calzada e beirarrúas. Cumprimento da normativa de accesibilidade. Redistribución das áreas destinadas ao tránsito peonil e de lecer, tránsito rodado e estacionamento de vehículos. Estudo das interseccións existentes. Renovación da rede de pluviais e fecais. Dotación á nova infraestrutura da canalización municipal por ambas as marxes da calzada. Renovación da iluminación pública. Axuste de rasantes, remates de pavimentos e sinalización viaria na contorna para unha conexión correcta dos espazos. Dotación de mobiliario urbano e potenciación de zonas arborizadas. Mellora estética xeral da rúa.

A alternativa seleccionada dá resposta a todas as necesidades que cómpre satisfacer, cumpre coa normativa de accesibilidade e reduce notablemente o espazo dedicado aos vehículos en beneficio do espazo de tránsito peonil. Así, continúase coa dinámica da contorna, creando unha rúa peonil na que só se permite o tráfico de vehículos autorizados e para o acceso a garaxes. Así mesmo, lógrase unha mellora estética da rúa co cambio de pavimentación e a distribución de mobiliario urbano e arboredo. Con todo iso, poténciase o carácter peonil da zona, e favorécese a creación dunha rolda peonil que una o parque de San Diego coa Agra do Orzán, aproveitando o espazo existente entre as dúas grandes roldas da cidade (Ronda de Nelle e Rolda de Outeiro).

As obras iniciáronse no mes de agosto de 2022 e prevese a súa finalización no mes de maio de 2023.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión