Un ano máis, como non podía ser doutra maneira, dende a Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade está a organizarse a celebración da Semana Europea da Mobilidade que coordina o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Este ano o tema elixido pola Comisión Europea é "Espazo público compartido", e o lema da iniciativa "Combina e móvete".
Dende o Concello da Coruña estase promovendo a realización de múltiples iniciativas co fin de que os espazos públicos sexan un lugar de convivencia con máis equidade social, con máis seguridade viaria, menos ruído, menos contaminación e, en definitiva, que impliquen unha mellor calidade de vida.
Esta semana de divulgación e participación convídanos a compartir o espazo público onde as persoas poidamos convivir de modo seguro e agradable, sexamos peóns e peoas ou ciclistas.
INAUGURACIÓN
O luns 16 de setembro ás 13.00 horas, inaugurarase a SEM2024 no Obelisco dos Cantóns, que será o centro neurálxico de exposicións e obradoiros relacionados coa mobilidade.
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA "A Coruña antes e agora"
Expoñeranse 12 paneis nos que viaxaremos a través da evolución das rúas da cidade cara a unha contorna compartida e accesible. Evolución da peonalización ao longo dos anos.
O OBELISCO DA MOBILIDADE
Neste ano 2024, situaranse 6 postos temáticos, que conterán distintos motivos relacionados coa mobilidade, así contaremos con exposición de elementos propios da Policía Local, con pantallas que reflectirán a calidade do aire (Servizo de Medio Ambiente), con exposición do CIMOB do Servizo de Mobilidade.
Expoñeranse novamente os planos ortofotos da cidade, onde se poderá observar a evolución do termo municipal. Este ano contamos cunha nova actualización que se reflicte na ortofoto do ano 2022 que poderá compararse coa do ano 1997. Na ortofoto do ano 2022 ademais están reflectidas as vías ciclables, estacións de bicicletas, senda peonil etc.
Colaboran tamén empresas como: Gestión Semafórica, BiciCoruña e Compañía de Tranvías que ofrecerán información nos seus propios postos.
Noutra carpa multiusos estarán ao longo da semana colaborando con diversos cursos e talleres a DXT, Galicia Rollers, Grumico, Mobi-Liza e Stop Accidentes.
XORNADA DE DEBATE SOBRE ESPAZO PÚBLICO COMPARTIDO
Terá lugar na DOMUS o xoves día 19 de setembro de 2024 e estará moderada por Silvia Carrosán Martos, secretaria xeral de RedBici.org
Participarán Margarita Novales da Universidade da Coruña, Fran Carreira de Grumico, MobiLiza, Bici Coruña, Stop Accidentes e Persoal Técnico Municipal.
DÍA EUROPEO SEN COCHES
O vindeiro domingo 22 de setembro clausúrase a SEM2024 e ademais celébrase o Día Europeo sen Coches, que se desenvolverá na rúa Manuel Murguía con diversas actividades de concienciación para unha mobilidade participativa, inclusiva e saudable.
RUTAS DIDÁCTICAS
Organízaas Mobi-Liza a partir das 17.00 horas da tarde para as persoas usuarias de Bicicoruña e público en xeral, dende os postos da SEM2024 no Obelisco. Terán lugar o luns 16, mércores 18 e venres 20, logo da inscrición previa na ligazón https://adtghrz60qd.typeform.com/to/akhIi0ee enchendo o formulario para o efecto. Ata un máximo de 10 participantes por ruta. Bicicoruña achegará as bicicletas. O martes 17, mércores 18 e xoves 19 tamén haberá obradoiros de ergonomía e normas de circulación nos que se poderán inscribir do mesmo xeito.
Esta é unha campaña inspirada no clásico temazo "Calle Melancolía", unha canción intimista de Joaquín Sabina, quen sitúa o seu optimismo vital no "Barrio de Alegría."
Máis aló do ton poético e moi persoal do fermoso poema cantado, chegamos cunha interesante transcrición ao espazo urbano: temos que superar as rúas melancolía, deixando atrás as angustias que nos impiden recuperar a esencia do que somos e proxectar que
queremos ser.
Os coches eran o amor das cidades ata hai pouco. Agora, ese amor tornouse tóxico, incómodo e insalubre. Por moito que nos apeguemos a un pasado fermoso, necesitamos construír un futuro cheo de vida e de boas vibracións urbanas.
Movéndose ao barrio da alegría. Converter moitas das nosas rúas en "Rúas da Alegría".
Podedes consultar a Campaña no enlace
https://ciudadesquecaminan.org/wp-content/uploads/2024/08/Dossier-sem24.pdf
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible