14 de xuño de 2009
I Xornada do deporte feminino na rúa
A Coruña, 14 de xuño de 2009- Os Xardíns de Méndez Núñez acolleron durante toda a mañá do domingo a realización da I Xornada do Deporte Feminino na Rúa, impulsada polas concellarías de Igualdade e Participación Cidadá, que dirixe Margarida Vázquez, e Deportes, dirixida por Xan Caxigal, en colaboración con MUDEGA (Mulleres Deportistas Galegas).
Unha xornada que contou cunha participación multitudinaria tanto de participantes como de espectadores que puideron gozar de exhibicións e encontros deportivos dunha gran variedade de disciplinas deportivas como judo, taekwondo, baloncesto, balonmán, voleibol, fútbol-sala, duatlón, boxeo, rubgy...
As distintas exhibicións deportivas correron a cargo de mulleres deportistas galegas de clubs como Calasancias, Zalaeta, Marineda, Orzán, Amarelle, Rugby da UdC, Balonmán Coruña ou Breogán, así como as diferentes federacións galegas de judo, taekwondo, triatlón e pentatlón, boxeo e halterofilia e contaron con participacións destacadas como a da ciclista Eva Castro.
Todas estas disciplinas contaban co seu espazo propio de exhibición, ao dividir os organizadores a explanada dos Xardíns en seis zonas de actividade, entre as que se encontra a Zona 5: unha Xaima pensada para gozar dunha exposición fotográfica titulada “Deportistas Coruñesas” e de varios vídeos sobre deporte feminino.
Durante esta primeira xornada de deporte feminino entregáronse ademais os primeiros cinco trofeos “Pioneiras do Deporte Coruñés” que foron entregados polo alcalde, Javier Losada, o primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, a concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, Margarida Vázquez Veras, o concelleiro de Deportes, Xan Martínez Caxigal, xunto coas representantes da xunta directiva de MUDEGA.
As galardoadas foron: Ángela Rodríguez Piñón (baloncesto); Mari Carmen Rubio (hóckei herba e sala); Lis Franco (fútbol e fútbol sala); Ángeles Barreiro (atletismo-lanzadora); e María Vieites (balonmán).
Esta I Xornada de Deporte Feminino serviu tamén para apoiar a candidatura da Torre de Hércules a patrimonio da humanidade con reparto de camisetas co lema ‘Eu apoio’ ademais de camisetas conmemorativas do acontecemento coas que se agasallou a todos os participantes.
Trofeos “Pioneiras do Deporte Coruñés”
· ANGELA RODRÍGUEZ PIÑÓN (BALONCESTO)
Xogadora dos 3 clubs que tivo A Coruña en División de Honra. (Medina, Tabacalera e Autopistas Compañía de María).
· Mellor Xogadora Provincial. Temporada 1984/85.
Adestradora Autopistas División de Honra Feminina.
Adestradora "Programa Infantil Feminino". FEB. 1991/92.
Mellor Deportista Galega. Temporada 1993.
Medalla de Ouro, campioa de Europa coa Selección Española Absoluta. Perugia (Italia). 1993.
Medalla de Prata, campioa de Europa coa Selección Española Júnior. Bulgaria. 1994.
Adestradora Selección Sénior Promesas. Biescas. (Huesca). 1995.
· MARI CARMEN RUBIO (HÓCKEI HERBA E SALA)
· Xogadora-porteira do Santa Lucía de hóckei herba e sala.
· 5 veces campioa de España
· 3 veces subcampioa
· Seleccionadora galega sub-18 masculina
· Seleccionadora galega sub-16 feminina
· Adestradora do Hércules e Adaxe masculino e feminino
· LIS FRANCO (FÚTBOL E FÚTBOL SALA)
· Xogadora e máxima goleadora do Karbo Deportivo
· 5 veces campioa de España
· Internacional Absoluta
· Seleccionadora galega de fútbol sala feminino
· Campioa da Copa da Raíña de fútbol sala feminino
· Xornalista deportiva
· ÁNGELES BARREIRO (ATLETISMO-LANZADORA)
· Campioa de España de lanzamento de disco entre os anos 1982 e 1993 ininterrompidamente
· En 1992 logra a que aínda hoxe é a mellor marca española, 60.56 metros.
· Mundialista en Tokio 91
· Olímpica en Barcelona 92
· Participou en 8 Xogos Iberoamericanos
· 40 veces internacional absoluta
· MARIA VIEITES (BALONMÁN)
· Xogadora do Medina provincial 71-74
· Xogadora do Medina Nacional de División de Honra de 1974 a 1982
· Xogadora do Oar Ciudad de División de Honra 82-83
· Mellor xogadora provincial os anos 76 e 77
· Ouro nos Xogos do Cantábrico
· 10 veces internacional absoluta
Álbum de fotos de MUDEGA sobre a Xornada
Ata a próxima!
Novas relacionadas
Enlaces relacionados
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible