Concello da Coruña

Concello da Coruña

45 aniversario da Estación de Autobuses da Coruña

O día 20 de agosto de 1975 o ministro de Obras Públicas, Antonio Valdés González-Roldán, inaugurou a Estación de Autobuses da Coruña, sendo alcalde Jaime Hervada y Fernández-España.

A política establecida polo Ministerio de Obras Públicas a principio da década 1970/1980, en relación cos transportes de persoas viaxeiras, estaba orientada a conseguir que o tráfico de autobuses para o dito transporte non implicase un impedimento para a circulación rodada dentro das cidades.

Iniciouse a construción da estación nunha parcela de 24.000 m2 , antiga Estación do Norte de Ferrocarril, entre as avdas. de Salgado Torres e Fernández Latorre. Esa localización evitaba o tránsito de autobuses polo centro urbano da Coruña e permitía que as persoas viaxeiras dispuxesen de instalacións nun recinto cerrado con espazos confortables para a espera, chegada e saída.

Construción da Estación

De todas as estacións construídas ata ese momento a Estación de Autobuses foi considerada unha das máis avanzadas porque na súa execución aplicáronse as técnicas máis modernas da época, o que unido á súa boa localización permitiu lograr un conxunto arquitectónico sumanente harmónico e funcional. A construción comprende tres seccións diferenciadas polas súas características e usos; as obras xerais, o edificio de persoas viaxeiras e a dársena de autobuses. Nas reportaxes desa época descríbese o funcionamento da estación da seguinte maneira:

As viaxeiras e viaxeiros entran á estación polo vestíbulo principal, ao que chegan polo patio de viaxeiras/os contiguo á rúa Caballeros. Atópanse naquel os despachos de billetes, información, teléfonos, aseos, librería e estanco. Ten acceso directo á cafetería, restaurante e oficinas de empresa, así como ás perruquerías. Con similar percorrido, pero en sentido inverso, e totalmente independente do anterior, as persoas viaxeiras que chegan ascenden ata o vestíbulo interior, onde retiran a súa equipaxe e saen ao patio de viaxeiras/os por portas independentes das de chegada.

As equipaxes das persoas viaxeiras, entregadas no vestíbulo interior, lévanse en montacargas á planta inferior; alí clasifícanse e logo en carretillas mecánicas transpórtanse á plataforma superior da dársena de saída, desde onde se cargan directamente, ben na baca superior do autobús, ou ben por montacargas, baixan á plataforma para o seu embarque. Inversamente, as equipaxes de chegada cárganse en carretillas na plataforma, elévanse por montacargas á plataforma superior, ou ben desde a baca mediante carretillas. Desde esta plataforma pasan á oficina de clasificación, da que por montacargas se soben á planta do vestíbulo interior e se lle entregan ás persoas viaxeiras.

Os autobuses entran ou saen da estación pola Avda. de Fernández Latorre. O autobús que chega, unha vez estacionado na súa dársena e descargado de persoas viaxeiras, mercadorías e equipaxes, pasa á dársena de saída, se a súa marcha é inmediata, ou ben se estaciona nos aparcadoiros, cubertos ou descubertos, previstos para iso dentro do recinto da estación. O autobús que sae, previamente estacionouse na dársena de saída para cargue viaxeiras/os e mercadorías. As dársenas para ocupar por cada autobús fíxanse por megafonía desde a oficina de control. A circulación dos autobuses dentro do patio de estacionamento efectúanse sen que se produzan interferencias entre as chegadas e saídas.

A Estación de Autobuses na Actualidade

A evolución dos medios de transporte e o paso dos anos, aínda mantendo a súa fisonomía, fai que a Estación de Autobuses sufrise cambios e incorporase novos usos non previstos cando se construíu.

A construción dunha gran porta de entrada e saída no centro da fachada principal é o máis destacable visualmente. Ademais renovouse o pavimento da dársena de autobuses e demais zonas construtivas.

Nas instalacións da estación renováronse os servizos e usos. Mantense a xestión de persoas viaxeiras e viaxes interurbanas, a xestión de locais concesionais, a facturación de mercadorías e as relacións coas empresas transportistas.

O desenvolvemento da mobilidade como factor fundamental no desenvolvemento urbano motivou que nas instalacións da estación se situase a Sala de Control de Tráfico da Cidade, o Servizo Municipal de Mobilidade e a Tarxeta Millennium A Coruña. A desaparición da cafetería permitiu que os seus locais sexan ocupados actualmente polo Servizo Municipal de Rehabilitación e Vivenda.

Tras 45 anos de historia na Estación de Autobuses séguense realizando diariamente 800 expedicións de transporte de persoas viaxeiras. As fins de semana as expedicións baixan a 400.

A próxima construción da Estación Intermodal nos terreos da estación do tren condicionará o futuro da parcela e edificio da que foi considerada no seu día como "a mellor Estación de Autobuses de España".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión