13 de abril de 2010
Imaxe feminina nas revistas dirixidas a rapazas novas
O proxecto DESENFOCADAS nace como unha exposición itinerante que ten como obxectivo central incitar á reflexión e ao debate sobre os contidos das revistas chamadas "femininas", dende aquelas dirixidas a primeiras lectoras (entre 6 e 7 anos) ata a fronteira da maioría de idade, moi sinaladamente no que se refire á pervivencia e sobreexposición a determinados roles e estereotipos co obxecto de estimular un consumismo extremo ao abeiro de sentimentos como a inseguridade, o medo, o acomplexamento ou a angustia.
O proxecto DESENFOCADAS ten dous públicos potenciais: por unha banda os pais, nais e educadores/as. Por outra banda, e máis centralmente, a propia comunidade adolescente, polo que é a nosa intención que esta exposición chegue ao máximo número de centros de ensino secundario entre os meses de abril e maio introducíndoa no espazo que o centro considere máis axeitado (recibidor, corredores, salón de actos...) e posibilitando, desde a propia Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá, a realización de mesas redondas, conferencias e proxeccións.
O proxecto DESENFOCADAS conta cunha estrutura moi similar á dos paneis que os diferente cursos preparan sobre temáticas referidas á historia, o medioambiente, a saúde ou diferentes conmemoracións como o Día das Letras Galegas. Trátase así de provocar a interrelación e facilitarlles aos centros a sua introdución no currículo educativo. O obxectivo final é a realización dunha unidade didáctica a partir tanto das opinións extraídas nas actividades paralelas como da propia experiencia nos centros de ensino.
Para a realización deste proxecto contamos con informes realizados polo Instituto Asturiano de la Mujer, a Asociación Psicolóxica Americana ou un informe emitido en marzo de 2002 pola Comisión Europea para a Igualdade de Oportunidades para as mulleres e homes, se ben decidimos explorar as posibilidades do debate antes que ditar sentenzas ou emitir prexuízos.
O proxecto DESENFOCADAS comezou a súa andaina os días 11, 12, 13, 14 e 15 de marzo de 2008 no recibidor do Fórum Metropolitano. Foi o momento en que a comunidade educativa puido coñecer de primeira man a totalidade do proxecto. Entre o 24 e o 31 do mesmo mes puidemos acompañala ata o CIM-Centro Municipal da Muller no barrio das Flores, sendo alí visitado por colectivos e entidades diversas.
Actualmente, forma parte dos programas educativos da nosa concellaría dentro do macro-programa "Aprender en Coruña" para centros de ensino da nosa cidade.
Por último, é de salientar que diferentes administracións amosaron o seu interese en acoller este proxecto antes de ver o seu resultado definitivo, polo que entendemos que este traballo é sentido en amplos sectores como algo que había que facer. Quedades tod@s convidad@s.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible