Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xullo de 2009

Mulleres e ciencia: "Ciencia Ex-Aequo"

Unha exposición de Margarita Cimadevila

A Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá inaugurou o xoves 16 de xullo, nas instalacións do Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes), a exposición “Ciencia Ex Aequo”, da que é autora a artista coruñesa Margarita Cimadevila.

Margarida Vázquez Veras, Concelleira de Igualdade e Participación Cidadá, quen estivo acompañada neste acto pola artista e científica Margarita Cimadevila, animou a todas as coruñesas e coruñeses a achegarse a un conxunto artístico que rende homenaxe ás mulleres científicas que, a pesar de realizaren descubrimentos de suma importancia para o progreso da humanidade, foron ignoradas, esquecidas ou relegadas a un segundo plano a favor dos seus superiores, colegas, competidores ou compañeiros, todos eles homes que non tiveron reparo en atribuírse os seus traballos.

A selección das científicas centrouse no século pasado nos campos da física, química, bioloxía, matemáticas e astronomía. Isto concretouse en doce propostas plásticas.

Durante o acto, presentouse ademais o catálogo desta exposición editado pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá.

Os cidadáns e cidadás da Coruña, así como as persoas que nos visitaron ao longo do pasado verán, puideron gozar desta obra conceptual, reivindicativa, colorista, imaxinativa e mesmo pedagóxica a partir do propio 16 de xullo ata o 30 de agosto de 2009.

 

PRÓLOGO DE MARGARIDA VÁZQUEZ PARA A EDICIÓN DO CATÁLOGO

"A primeira vez que escoitei falar de Margarita Cimadevila non podía dar creto ao que me estaban a contar. Corría o mes de novembro de 2008. Andabamos moi atarefados na Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá con todo o relativo á organización do I Festival Arte+Parte. Tratábase de reivindicar o papel protagonista feminino no mundo das artes. A única crítica que recibimos tivo que ver coa ausencia das artes plásticas, a pintura, en concreto, deste Festival polivalente. A queixa estaba xustificada, xa que, no coruñés barrio dos Mallos, unha muller procedente do ensino, directora na actualidade do I.E.S. Urbano Lugrís da Coruña, licenciada en Químicas, ofertábanos unha proposta do máis innovadora: conxugar nuns lenzos a reivindicación do papel que xogaron mulleres científicas de renome e transcendencia mundial coa reinterpretación artística das fórmulas físicas e químicas que lles deron un posto eterno na historia da ciencia.

A primeira colaboración directa entre esta concellaría e Margarita concretouse no mes de marzo de 2009, de cara á campaña arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Margarita realizou un cadro-homenaxe ás coruñesas e os seus traballos fóra do fogar, os remunerados, que tivo un impacto positivo inmediato. O cadro “Coruñesas” deu perfecta cobertura ao conxunto de actividades relativas a esta celebración, moi sinaladamente no relativo á exposición “O Traballo Visible das Coruñesas nos Documentos do Arquivo Municipal ( séculos XVIII- 1ª metade do XX ), que se puido visitar na Sala de Exposicións do Palacio de María Pita entre os días 17 de marzo e 17 de maio. Á entrada desta, excitando o interese das cidadás e dos cidadáns por visitar esta exposición, o cadro “Coruñesas” formou parte, tamén, desa homenaxe pendente ao papel histórico de milleiros de coruñesas anónimas que fixeron cidade.

Congratúlome en presentarlles este catálogo de aproximación á obra de Margarita Cimadevila que leva por título “Ciencia ex aequo”. Nesta obra, que todas as coruñesas e os coruñeses poderán ver no Aquarium Finisterrae “Casa dos Peixes”, a autora rescata do esquecemento estas figuras femininas silenciadas, ben pola presenza nos seus equipos de compañeiros masculinos que levaron o mérito social do momento, ben por maridos aos que se lles atribuíu o esforzo e o achado. Este catálogo é, para nós, unha ferramenta necesaria para a visualización do papel feminino na historia do conxunto da humanidade, como o foi, sen ningunha dúbida, a exposición “O Traballo Visible das Coruñesas” para a pequena pero singular historia da nosa cidade da Coruña.

Agardamos que sexa do seu agrado, como o foi do noso".

 

A AUTORA

Margarita Cimadevila, natural de Sada, A Coruña, licenciouse en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como profesora de Física e Química en distintos institutos de Galicia. Actualmente imparte docencia no IES Urbano Lugrís da Coruña, do que é directora. Paralelamente ao seu labor como docente, realizou distintos estudos e cursos relacionados coa arte. A súa obra pictórica primeira está fortemente influenciada polas raíces da súa terra, sendo unha das súas temáticas recorrentes as cunchas mariñas, interesándose tamén polos petróglifos galegos e as culturas antigas.

A raíz da súa participación na HST03, escola de profesores do laboratorio europeo de investigación nuclear, CERN, en Xenebra, a súa obra sofre un cambio radical e céntrase en unir os seus dous mundos, presentando una proposta na que Ciencia e Arte se mesturan e entrelazan, o que plasmou en distintas series que teñen un carácter artístico, divulgativo e didáctico.

Enderezo:

Aquarium Finisterrae.

Documentos relacionados

  • Portada do catálogo "Ciencia ex-aequo" (114 KB)
  • Catálogo da exposición "Ciencia ex-aequo" (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión