Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de abril de 2010

Foro de participación cidadá da Coruña

Cultura de participación

O Concello da Coruña iniciaba en abril do ano 2008 un proceso de diálogo que pretendía integrar o conxunto das asociacións do municipio, a propia institución municipal, e a calquera persoa interesada, na identificación de propostas cara á promoción da participación cidadá e o papel das asociacións.

Con este obxecto, o traballo centrouse na formulación de propostas para a actualización do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello; e na identificación de posibles actuacións que, promovidas dende a Institución Municipal ou dende o tecido asociativo, poderían abrir novas potencialidades de intercooperación ou poderían promover a participación da cidadanía.

Este proceso baseouse no desenvolvemento de distintos formatos que posibilitasen o debate participativo. Cómpre destacar que non se pretendía tanto acadar unha representatividade estatística do tecido asociativo, sempre difícil nun marco no que non existe unha estrutura institucional que o favoreza, como unha representatividade estrutural ou de perfís; de xeito que as ideas que se recollesen como conclusión representasen as diferentes perspectivas presentes nas asociacións do municipio e, deste xeito, fixesen asequible a súa aceptación xeneralizada.

Estrutura do proceso:

Dispositivo I. Realización do I Foro participativo:

O proceso arrincaba os días 25 e 26 de abril de 2008, coa celebración das I Xornadas de Encontro e Debate co Tecido Asociativo coruñés, ás que foron convocadas o conxunto das asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello.

O traballo nesta ocasión foi introducido por un relatorio a cargo de D. Tomás Rodríguez Villasante, profesor titular no Dpto. de Ecoloxía Humana da Facultade de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid; que proporcionou unha perspectiva xeral da implementación de políticas participativas en distintos ámbitos e realidades locais. Posteriormente, abriuse unha quenda de preguntas e debate en plenario entre o conxunto das persoas asistentes.

A continuación, as persoas que asistiron a elas realizaron unha reflexión diagnóstica compartida ao respecto da situación da participación cidadá e asociativa no municipio, distribuíndose en pequenos grupos de traballo.

Esta reflexión pretendía conformar un marco valorativo que contextualizase e favorecese a formulación de propostas para a mellora desta situación. Do mesmo xeito, permitiu que as persoas asistentes a este Foro acordasen a constitución de tres Mesas de debate que darían continuidade ao proceso.

Dispositivo II. Organización de Mesas de debate participativo:

Foi con este obxectivo que se procedeu a organizar tres Mesas de debate participativo, abertas, de igual xeito, ao tecido asociativo local e a calquera persoa interesada.

Cada unha destas Mesas mantivo un total de 3 xuntanzas ao longo do período que vai entre maio e novembro de 2008. En cada caso, desenvolvíase unha temática concreta e específica, partindo das conclusións formuladas dende as I Xornadas. Estas temáticas eran, en concreto:

Mesa I. Centrada na actualización do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá e na procura de canles para unha comunicación máis eficaz entre o tecido asociativo e a Administración Local.

Mesa II. Centrada na busca de posibles estratexias de cooperación e traballo en rede entre as entidades asociativas.

Mesa III. Centrada na procura de posibilidades para promover un proxecto conxunto de participación cidadá e fomento da consciencia sociocomunitaria.

A 1ª xuntanza en cada unha das Mesas tiña como obxectivo definir criterios xerais, que orientasen a formulación de propostas máis específicas de actuación para a súa temática en posteriores xuntanzas. Na 2ª xuntanza abordouse, polo tanto, a definición conxunta de propostas concretas para a promoción da participación. A 3ª volta tiña como obxectivo o contraste das propostas finais e o establecemento de bases de consenso cara a súa presentación no II Foro de participación.

En todos os casos, a metodoloxía de traballo aplicada consistiu nun debate colectivo que combinaba o pequeno e o gran grupo.

Dispositivo III. Desenvolvemento de contactos co tecido asociativo:

Tanto no inicio do proceso, como ao longo del foron realizadas distintas entrevistas, individuais ou grupais, con persoas que eran membros ou representantes de distintas entidades asociativas.

Estes contactos atenderon moi especialmente a favorecer a comunicación coas federacións que no municipio agrupan o tecido asociativo. En concreto, mantivéronse varias sesións de información e contraste con membros da Xunta Directiva da Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos de Coruña, coa Xunta Directiva da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana e con membros da Federación de Asociacións Veciñais Salvador de Madariaga.

O obxectivo dos contactos mantidos foi o de reforzar a súa implicación no proceso, e favorecer puntos de interese ou consenso que apoiasen o desenvolvemento dos Foros ou as Mesas de debate.

Así mesmo, e co obxectivo de achegarlles o desenvolvemento do proceso e favorecer que tivesen coñecemento das súas conclusións, mantivéronse xuntanzas periódicas con representantes de diferentes grupos políticos presentes na Corporación Local.

Dispositivo IV. Realización do II Foro participativo:

Unha vez definidas un conxunto de propostas a partir dos espazos de debate anteriormente descritos, o proceso tivo o seu peche o día 17 de xaneiro de 2009, coa realización das II Xornadas de Encontro e Debate co Tecido Asociativo coruñés abertas ao conxunto do tecido asociativo e a calquera persoa interesada.

Co obxectivo de proporcionar un elemento de contraste, e facilitar así o debate, o Foro abriuse coa presentación da experiencia e resultados de diferentes mecanismos de participación cidadá aplicados no Concello de Córdoba; entre outros, Regulamento de Participación Cidadá e Orzamentos Participativos. A exposición foi realizada por Dª. Rocío López Lozano, xefa do Departamento de Participación Cidadá do Concello de Córdoba; e Dª. Teresa Caballero Luque, Presidenta da AVV “El Islam” da “Colonia de la Paz”, e vicepresidenta do Consello do Distrito Noroeste así como do Consello do Movemento Cidadán. Posteriormente, abriuse unha quenda de preguntas e debate en plenario entre o conxunto das persoas asistentes.

A continuación, as entidades e persoas asistentes tiveron devolución detallada do resultado e operativización final dos debates realizados ao longo do proceso; en concreto, presentáronse as propostas formuladas para a actualización do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, e cara á promoción da cooperación asociativa e o papel das asociacións como axentes de participación.

O resultado final destas Xornadas foi, polo tanto, o contraste e a validación final das conclusións e propostas presentadas.

Enderezo:

Centro Cívico de Labañou s/n. uña

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión