12 de abril de 2010
Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña
É conveniente que calquera asociación ou entidade sen ánimo de lucro, legalmente constituída e que teña o seu ámbito de actividade dentro da cidade da Coruña se inscriba no Rexistro do Concello de cara ao seu pleno recoñecemento a nivel municipal.
A inscrición neste rexistro é, ademais, un requisito para o acceso a determinadas subvencións e axudas convocadas pola Administración Local.
Neste momento figuran inscritas no REMAC un total de 234 entidades que desenvolven a súa actividade en diferentes ámbitos: veciñal, deportivo, cultural, social, benéfico etc.
No Artigo 13 do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello da Coruña regúlase o Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC), que ten por obxecto coñecer as entidades existentes no municipio, as súas características, fins e representatividade, para posibilitar unha correcta política municipal acerca do asociacionismo veciñal.
Este Rexistro Municipal é independente dos Rexistros Nacional e Autonómico establecidos na Lei 1/2002, do 22 de marzo, nos que deben figurar inscritas para poder acceder ao REMAC.
Para formalizar a inscrición no REMAC, a entidade debe realizar unha solicitude no Rexistro Xeral do Concello e presentala acompañada da seguinte documentación:
1. Estatutos da asociación.
2. Número de inscrición no Rexistro Nacional ou no Autonómico de asociacións.
3. Nome das persoas que ocupen os cargos directivos.
4. Domicilio social, número de teléfono, fax, páxina web e enderezo electrónico.
5. Orzamento do ano en curso.
6. Programa de actividades do ano en curso.
7. Certificación do número de socios.
8. Forma en que se queren recibir as notificacións e a información procedente do Concello, preferentemente a través de medios telemáticos. Igualmente, poderán indicar o seu desexo de enviar ao Concello por vía telemática a documentación da asociación.
No prazo de quince días desde a solicitude de inscrición, e salvo que este se tivese que interromper pola necesidade de achegar documentación non incluída inicialmente, o Concello notificaralle á asociación o seu número de inscrición e, a partir dese momento considerarase de alta para todos os efectos.
Novas relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible