Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Estratexia da Coruña

A loita contra o cambio climático xa non é unha cuestión doutros. As cidades teñen que xogar un papel esencial na posta en marcha dunha serie de medidas, ou a consolidación das xa iniciadas, que fixen o camiño adecuado para reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro que contribúen a empeorar a situación de calidade ambiental a nivel local. Por este motivo, o Concello da Coruña uniuse á Unión Europea para conseguir os obxectivos das “2 veces 20” mediante a posta en marcha dunha Estratexia Contra o Cambio Climático e contribuír aos fins marcados a nivel global.

Volver a menú

Fundamentos

A Estratexia Contra o Cambio Climático da Coruña é un proxecto único en Galicia, que pretende estudar medidas e plans de acción para frear as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera dende a nosa cidade. Trátase dun ambicioso programa enmarcado no desenvolvemento sostible e o convencemento de que dende a nosa cidade contribúe á redución de emisións contaminantes.

Volver a menú

Obxectivos

A Estratexia contra o cambio climático da cidade da Coruña é, polo tanto, un instrumento estratéxico de planificación e coordinación que define os obxectivos e deseña as actuacións para a súa completa execución para o 2020 para a redución de gases de efecto invernadoiro. O cumprimento dos obxectivos marcados posibilita a participación do Concello da Coruña no Pacto dos Alcaldes cos compromisos cumpridos.

Cabe destacar que na elaboración da Estratexia colaboraron os principais departamentos do Concello da Coruña con implicacións en materia de cambio climático, así como coa participación cidadá no seo da Rede de Enerxía Sustentable.

Os obxectivos poderíanse resumir en:

  1. Establecer mecanismos fronte á correcta xestión, control e cálculo das emisións de gases efecto invernadoiro.
  2. Reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro causados pola actividade municipal e sobre todo, por aquelas actividades, instalacións ou situacións de competencia municipal.
  3. Ampliar ou mellorar a acción das formacións vexetais existentes no municipio como sumidoiros de gases de efecto invernadoiro.
  4. Incentivar o uso de tecnoloxías máis eficientes ou innovadoras no ámbito do consumo enerxético.
  5. Mitigar os efectos do cambio climático mediante mecanismos de adaptación.
  6. Aumentar a concienciación e sensibilización da poboación polas causas e consecuencias do cambio climático.
  7. Xerar emprego en sectores económicos relacionados co medio ambiente.

Volver a menú

Inventario de GEI

Na imaxe móstranse os valores das emisións de CO2e nos distintos sectores

O Inventario de Emisións do Concello da Coruña realizouse de acordo coa metodoloxía GHG Protocol, calculando o CO2e. O Protocolo de Gases de Efecto Invernadoiro (GHG Protocol) é a ferramenta máis utilizada internacionalmente para cuantificar e xestionar as emisións de gases de efecto invernadoiro para administracións e organizacións. Esta metodoloxía permite cuantificar as emisións de cada tipo de fonte emisora a partir de datos cuantificables, como o consumo rexistrado de combustibles ou materias primas.

Así mesmo, para o cálculo das emisións de CO2 equivalentes seguíronse as directrices establecidas polo Parlamento Europeo para o seguimento e notificación das emisións de gases efecto invernadoiro de conformidade coa Directiva 2003/87/CE. Esta directiva establece a metodoloxía de cálculo necesaria para obter a cuantificación das emisións de CO2 a partir do tipo de combustible consumido.

Na redución das emisións derivadas da actividade industrial, o Concello non pode exercer unha acción directa. Deste xeito, o papel municipal consiste en desenvolver medidas de sensibilización e fomento da redución das emisións de CO2 no sector industrial xa que as emisións derivadas desta actividade supoñen aproximadamente un 71% do total.

Volver a menú

Plans e programas

A Estratexia contra o cambio climático da cidade da Coruña reúne un completo programa composto de multitude de accións distribuídas en 52 medidas e integradas en oito plans temáticos:

1. Medidas transversais

Este primeiro plan compóñeno medidas de carácter transversal para apoiar a execución das accións e o seu seguimento posterior, tendo en conta o carácter igualmente transversal que teñen as políticas de loita contra o cambio climático. Para iso crearase unha Oficina Contra o Cambio Climático, como organismo de coordinación e levarase a cabo a cuantificación das emisións de CO2 dos plans municipais e a súa influencia no cumprimento dos obxectivos da estratexia. Como apoio a estas medidas, formúlase un regulamento municipal de loita contra o cambio climático e outro de compra verde, que permita potenciar todas aquelas prácticas que minimicen recursos, fomenten a equidade e a igualdade de oportunidades e propoñan beneficios para aqueles que opten por un camiño máis sostible.

2. Mobilidade sustentable

O segundo plan aborda a mobilidade sustentable e céntrase na próxima presentación dun Plan de Mobilidade como documento de referencia que integrará medidas como a intermodalidade do transporte, a priorización dos desprazamentos non motorizados, as medidas de fomento do transporte colectivo, a mellora da eficiencia e a proximidade aos servizos básicos. Estas medidas propóñense a partir da reordenación dos sistemas existentes para lograr as estimacións de redución expostas na estratexia.

3. Xestión da enerxía

En terceiro lugar, dado que a xestión da enerxía no ámbito municipal é un paso previo ás iniciativas que se poidan poñer en marcha noutros sectores, como o residencial, o comercial ou o industrial, actúase a través dun Plan de Implantación de enerxías renovables en instalacións e servizos municipais. A optimización dos sistemas que integran o ciclo hidrolóxico municipal; a optimización da iluminación pública ou a mellora das envolventes dos edificios, con accións xa executadas; e a procura de novas alternativas -como as cubertas verdes- de cara a conseguir a máis alta cualificación enerxética do noso patrimonio inmobiliario, son outras accións que se combinarán cunha xestión centralizada da enerxía. A estratexia non deixa de lado os eventos municipais, tan abundantes ao longo do ano e consumidores tamén de recursos. O obxectivo é que todos eles sexan neutros en CO2.

4. Edificación e planificación urbana

O novo Plan Xeral de Ordenación Urbana, en fase de revisión, contempla a sostenibilidade como un parámetro clave para o seu desenvolvemento. Na Estratexia contémplanse medidas destinadas a conseguir contornas urbanas sostibles, a rehabilitación de áreas consolidadas baixo criterios de arquitectura sostible e o incremento dos sumidoiros de CO2 na nosa cidade, considerando tamén a capacidade de absorción de carbono da nosa costa, unha contorna litoral privilexiada na que seguiremos traballando para a súa preservación. Así mesmo promoverase a arquitectura bioclimática na cidade, como alternativa viable para impulsar o sector da construción hoxe en crise; potenciarase a certificación enerxética nos edificios privados e traballarase para que os fogares sexan pezas clave para mellorar hábitos de conduta en relación co consumo eficiente e intelixente da enerxía.

5. Xestión de residuos

A área de tratamento dos residuos está soportada polo Plan de Xestión de Residuos Municipal e a optimización das diferentes fases que a compoñen: a xeración, a recollida e o transporte, a reutilización e a reciclaxe, a valorización e o tratamento, potenciando o aproveitamento do biogás para a redución de forma drástica das emisións de gases de efecto invernadoiro.

6. Participación e sensibilización cidadá

Co Plan de Participación preténdese aproveitar o éxito da experiencia do proxecto Practise Energy, potenciando a Rede de Enerxía Sustentable como un órgano con capacidade para a atracción de fondos para o desenvolvemento de proxectos de grande envergadura no ámbito do I+D+i de tecnoloxías menos contaminantes, especialmente para aqueles sectores que máis contribúen ao cambio climático. Preténdese tamén conseguir a participación e a implicación social na loita contra o cambio climático e continuar cos labores de formación en todos os sectores implicados, e en especial mediante a coordinación coas autoridades educativas, para conseguir xeracións futuras involucradas nesta loita.

7. Cooperación ao desenvolvemento

A cooperación ao desenvolvemento, grazas á posta en marcha de proxectos en países desfavorecidos, é unha das prioridades nesta estratexia, que non se esquece dos que máis padecen as consecuencias do cambio climático.

8. Outros plans: accións dirixidas aos sectores industrial e comercial

Tamén se inclúe un plan dirixido especificamente aos sectores económicos da cidade, tanto aqueles sobre os que se pode actuar de forma directa, como aqueloutros que están suxeitos a normas reguladoras nas que son as administracións autonómica e central as que dispoñen da batuta que dirixe as súas políticas de redución de emisións, como é o caso da industria. O Concello, a través da Rede de Enerxía Sustentable busca acordos voluntarios de redución, promoción das enerxías renovables en polígonos industriais; fomenta a eficiencia enerxética na industria e no comercio; incentiva programas de auditorías enerxéticas e aplicación de criterios de eficiencia enerxética nas novas actividades que incrementen a súa viabilidade económica e ambiental.

Volver a menú

Escenario tendencial de emisións 2009-2020

Coa aplicación das medidas e liñas de actuación descritas no apartado seguinte, encamiñadas en tres vertentes, a redución de emisións, xeración de enerxías renovables e a potenciación do efecto sumidoiro, constrúese o escenario plan. Este escenario final pretende acadar unhas emisións netas de 600.746 tCO2e para o ano 2020, cumprindo así cos obxectivos estratéxicos de redución de emisións e xestión de sumidoiros, reducindo nun 20% as emisións do ano base (2009) que son de 750.933 tCO2e.

As conclusións dos exercicios de simulación que se presentan na seguinte gráfica sitúan A Coruña no escenario de medidas cunhas emisións estabilizadas de arredor de 600.746 tCO2e para o ano 2020. O escenario sen medidas levaría a unha posición de crecemento continuado, con valores próximos aos 860.000 tCO2e.

Volver a menú

Contribución (MtCO2e) de cada Plan ao obxectivo global da Estratexia

As liñas de actuación enunciadas en cada plan e programa teñen un dobre propósito. Por unha banda, reforzar as iniciativas xa postas en marcha polo Concello da Coruña e, polo outro, desenvolver áreas novas de acción alí onde aquelas non resultan suficientes. A continuación móstrase a contribución de cada plan de actuación ao obxectivo global da Estratexia de redución do 20% de emisións sobre o ano base (2009).

 

DESCARGA A ÚLTIMA VERSIÓN DA ESTRATEXIA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

Volver a menú

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión