Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Días e semanas internacionais

Hora do Planeta

Cada ano, o Concello da Coruña súmase á iniciativa promovida por WWF "A Hora do Planeta" para levar a cabo un acto simbólico de renuncia ao consumo enerxético durante unha hora do día. O día da celebración adoita coincidir coa noite do último sábado de marzo.

Moitos son os xestos cos que o Concello da Coruña dá mostra do camiño tomado, sendo quizais os máis visibles os organizados a nivel mundial. Este compromiso levouse a cabo en todo o mundo á mesma hora para crear unha conciencia planetaria para a solución do problema do cambio climático.

Na Coruña celebrámolo cada ano apagando algúns dos principais monumentos como a Torre de Hércules ou a Domus mentres que na praza de María realízanse actividades para todas as idades e acéndese durante o apagamento o símbolo da Hora do Planeta construído mediante candeas.

Volver a menú

Día dos Bosques

Día da Árbore

Cada 21 de marzo celébrase o Día dos Bosques en todo o mundo. O que no seu momento foi coñecido como Día da Árbore e posteriormente Día Forestal Mundial, cambia a súa denominación na Asemblea Xeral das Nacións Unidas do 2012, para dotalo dun sentido máis global que pretende sensibilizar sobre a importancia da preservación dos bosques como sustento de boa parte da biodiversidade mundial e como elemento fundamental no mantemento dunhas condicións climáticas óptimas para a pervivencia da especie humana, promovendo para iso a realización de actividades de concienciación a escala planetaria.

O aire que respiramos depende en boa medida dos bosques pluviais, nos que se produce máis do 40 por cento do osíxeno do mundo, contribuíndo ademais ao equilibrio do osíxeno, do dióxido de carbono e de humidade no aire.

Os bosques liberan entre 8 e 10 veces máis humidade na atmosfera que a área equivalente no océano, hospedan máis do 80% da biodiversidade terrestre e contribúen na loita contra a degradación da terra e a desertificación, constituíndo unha parte esencial para a solución do cambio climático.

O carbono nos bosques excede a cantidade de carbono actualmente presente na atmosfera. Estímase que os bosques do mundo almacenan 289 xigatoneladas (Gt) de carbono só na súa biomasa, sendo o medio máis rápido, máis rendible e máis grande de redución das emisións mundiais. O 17,4% das emisións de gases de efecto invernadoiro deriva da deforestación e a degradación dos bosques.

Nos bosques tropicais encóntrase unha vasta selección de plantas medicinais empregadas en medicamentos e a asistencia sanitaria. Máis dunha cuarta parte das medicinas modernas proceden das plantas dos bosques tropicais.

Os bosques son tamén o medio de vida de 1600 millóns de persoas en todo o mundo, dos que dependen para a consecución dos medios de vida e as necesidades diarias de subsistencia.

Na Coruña, tamén o celebramos

Transmitir a importancia dos bosques ás xeracións futuras é o obxecto central das actividades que celebraremos cada ano na nosa cidade dentro do Programa de educación ambiental municipal. As actividades desenvólvense, en diferentes contornas naturais nas que se levan a cabo plantacións simbólicas de árbores na que participan os centros educativos da cidade.

Ademais das plantacións desenvólvense diversas actividades baixo cuberta. Unha das actividades que máis público atrae é "Un bosque de ilusión", no que se utiliza un bosque recreado sobre o que os nenos depositan as súas mensaxes para convencer a quen as lea que entre todos podemos construír un mondo máis sustentable. Ao terminar, cada escolar planta unha semente de árbore que xerminará nun enxeñoso invernadoiro realizado a partir dunha botella de auga baleira.

Volver a menú

Día da Auga

ImagenSinAlt

A declaración do día 22 de marzo de cada ano como “Día Mundial da Auga” foi realizada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o 22 de decembro do 1992, como consecuencia da Conferencia das Nacións Unidas e o Desenvolvemento realizada ese mesmo ano en Río de Janeiro.

O Día Mundial da Auga é unha invitación a todas as nacións do mundo á posta en marcha de actividades destinadas á preservación e o desenvolvemento dos recursos hídricos, un ben escaso do que depende de forma directa a vida no noso planeta.

No planeta existen 7.000 millóns de persoas que alimentar e prevese que para o ano 2050 esa cifra chegue aos 9000 millóns. Garantir a dispoñibilidade de auga é fundamental para poder garantir igualmente a dispoñibilidade de alimento. A falta de auga é unha das principais causas de fames negras e malnutrición, especialmente onde a alimentación e os ingresos dependen da agricultura local.

Mentres que o consumo de auga por persoa é de 2 a 4 litros, precísanse enormes cantidades de auga para a produción de alimentos, o que condiciona totalmente o acceso a eles por unha boa parte da poboación mundial. A modo de exemplo, a produción de 1 Kg de trigo precisa 1500 litros de auga mentres que se falamos de 1Kg de carne de vacún esta cifra habería que multiplicala por dez. Isto implica que para producir os alimentos diarios dunha persoa se requiran de 2000 a 5000 litros de auga, de aí a súa importancia na erradicación da fame no mundo.

Dende todos os ámbitos é moi importante transmitir a importancia da auga no desenvolvemento humano e como é posible, cun cambio de políticas e de hábitos en todas as etapas da cadea de subministración, conseguir grandes avances na solución deste problema. Consumir produtos que fagan un uso menos intensivo da auga ou reducir o desperdicio de alimentos, dende a súa produción ao consumidor final, permitiría reducir inxentes cantidades de auga no planeta. En definitiva producir máis alimentos de mellor calidade con menos auga son algúns dos obxectivos clave que se expoñen para a xestión sustentable deste recurso.

Cada ano na Coruña celebramos o Día Mundial da Auga con algunhas actividades dirixidas aos nenos e nenas da nosa cidade, estes son algúns exemplos:

Auga potable vai!

Ficha da actividade
Duración
45 min
Guías 1 por grupo
Máximo de participantes 25 por grupo

Contido:

- Auga
- Proceso de potabilización
- Reutilización de residuos

Materiais:

- Botellas de plástico (mellor achegadas polo centro para reforzar o concepto de reutilización)
- Filtros
- Area, grava, algodón…
- Tesoiras
- Maquetas da potabilizadora da Telva da Casa da Auga.

Desenvolvemento da actividade:

Divídense os participantes en 5 grupos e a cada un dáselle o material necesario para construír unha minipotabilizadora.

A actividade está guiada en todo momento polo educador, que lles irá indicando os pasos que deben dar. Unha vez construída poñerémola a proba cunha mostra de auga “sucia”.

As maquetas expositivas da potabilizadora da Telva presentes no vestíbulo da Casa da Auga serán o complemento perfecto para realizar a comparación entre o noso experimento e os procesos de potabilización que sofre a auga para chegar á nosa casas.

Os nenos do barrio do Calvario O Portiño

O barrio do Portiño é un dos que máis padeceu e padece a situación de crise económica. Por esa razón, dende María Pita destináronse recursos especiais para favorecer actividades que teñan a súa base no apoio educativo dos nenos da zona. Un exemplo máis son as actividades que nesta xornada se desenvolveron no seu centro asociativo. En dous grupos, o dos máis pequenos entre os catro e ata os sete anos, e o dos maiores, entre os oito e os doce, realizaron dúas actividades respectivamente destinadas a que coñezan como funciona o ciclo natural e o ciclo urbano da auga.

Para os primeiros o protagonista foi un cómic presentado a través dun audiovisual seguido dun taller de artes plásticas. Os maiores tamén tiveron o seu audiovisual sobre o ciclo da auga urbano e, no seu caso, o taller reproduciu unha potabilizadora. Ambas as actividades tiveron moi boa acollida.

Volver a menú

Día Mundial da Educación Ambiental

Día Mundial da Educación Ambiental

O día 26 de xaneiro de cada ano celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente conmemorando a data da Declaración da Conferencia de Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente Humano, realizada en Estocolmo no ano 1972. Naquela reunión puxéronse os piares e principios comúns que deberían inspirar a mellora do medio ambiente dende o ámbito educativo.

Con motivo desta conmemoración desenvolveranse diversas actividades tan atractivas como o sendeirismo, a observación ou o anelamento científico de aves son algunhas das que o novo plan de educación ambiental contempla destinadas aos distintos colectivos interesados. Igualmente desenvólvense xornadas de portas abertas para a prensa nas actividades de educación ambiental.

Convídanse os xornalistas de diferentes medios a que compartan con escolares, profesores e monitores estas actividades, e facilitaráselles a posibilidade de facer entrevistas ás persoas participantes.

Volver a menú

Día Internacional dos Mundial dos Humidais

Humidais

O día 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humidais. Ata fai non demasiados anos, estes ecosistemas eran considerados como lugares infectos, perigosos para a saúde pública por acubillar a insectos e outras especies animais condutoras de enfermidades. Hoxe sabemos que os humidais se achan entre os lugares máis ricos en vida vexetal e animal do planeta, e que o futuro de millóns de persoas en todo o mundo depende da súa conservación e fortalecemento. Este é o motivo que decidiu ás autoridades mundiais en conservación a dedicar un día ao ano para reflexionar acerca da súa importancia crucial

O programa de Educación Ambiental da área de Medio Ambiente do Concello da Coruña celebrará esta xornada achegando o coñecemento sobre estes valiosos ecosistemas aos alumnos dos colexios da cidad.

Os alumnos terán a oportunidade de recoñecer a través da charla que se impartirá no seu instituto os valores destes lugares, auténticos enclaves valiosísimos para a conservación. Na nosa cidade e contorna, a charla centrarase nos valores do Encoro de Cecebre e a ría do Burgo. Ambos os espazos, de gran interese polos seus valores faunísticos e florísticos, son destacados exemplos duns espazos naturais moi próximos aos cidadáns que merecen ser preservados.

¿Que é un humidal?

O Convenio internacional de Ramsar, que vela pola protección dos humidais a nivel global, conta cunha longa definición para describir estes ecosistemas. Simplificando ao máximo, poderiamos dicir que agrupa tanto unha baía mariña de pouca profundidade como un encoro construído polos humanos. Por tanto, hai moitos tipos de humidais diferentes: estuarios, beiras de ríos, acuíferos subterráneos, lagos e lagoas, marismas, pantanos...

Valores e funcións dos humidais

1.- Retención de augas e control de inundacións.

Os humidais "reteñen" as precipitacións fortes, evitando posibles inundacións. A vexetación dos humidais desempeña ademais unha función moi importante ao reducir a velocidade de circulación das augas de crecida.

2.- Reposición dos acuíferos subterráneos.

Un acuífero é un manto rochoso que contén auga. Os acuíferos subterráneos almacenan a 97% da auga doce non conxelada do mundo, e achegan auga potable a case un terzo da poboación.

3.- Estabilización de costas e defensa ante temporais.

Os humidais contribúen a reducir ao mínimo o impacto da acción do vento, así como das ondas e correntes, en tanto que as raíces das plantas contribúen a reter os nutrientes.

4.- Retención e "exportación" de chans e nutrientes.

En moitas zonas do mundo, os limos traídos polos ríos e acumulados nas súas beiras son convertidas durante a tempada seca extraordinarias zonas de cultivo.

5.- Depuradoras naturais.

Os humidais eliminan eficazmente as altas concentracións de nutrientes como o nitróxeno e o fósforo, asociados comunmente á escorrentía agrícola. Isto é importante para previr a eutrofización.

6.- Reservas para a biodiversidade.

A pesar de que os ecosistemas de auga doce só cobren o 1% da superficie da Terra, aloxan a máis do 40% das especies do mundo e ao 12% de todas as especies animais. Na fronte mariña, os arrecifes de coral figuran entre os ecosistemas de maior diversidade biolóxica do planeta e rivalizan cos bosques húmidos tropicais, que son os ecosistemas terrestres de maior diversidade. A biodiversidade dos humidais é valiosa tamén como reserva de xenes.

7.- Orixe de produtos de gran importancia económica.

A lista é case infinita: froita, peixe, marisco, carne, forraxe para animais, etc. O peixe, quizá o produto máis importante a escala mundial, é a principal fonte de proteína de case 1.000 millóns de persoas.

8.- Base dunha florecente industria do lecer.

A beleza natural, así como a diversidade da vida animal e vexetal de moitos humidais fan que sexan lugares de destino turístico ideais.

9.- Valor cultural.

Esta función dos humidais está relativamente mal documentada, pero son moitos os casos de humidais con importantes valores relixiosos, históricos, arqueolóxicos, e outros valores culturais, para as comunidades locais, que representan unha parte do patrimonio da nación.

10.- Mitigar o cambio climático.

Os humidais son capaces de absorber importantes cantidades de carbono. A súa destrución, por tanto, liberará un gas de efecto invernadoiro, o dióxido de carbono, mentres que a súa restauración e creación traducirase na retención de máis carbono.

Volver a menú

A Semana Europea da Enerxía Sostible vense celebrando dende o 2005 coa idea de informar sobre a importancia de lograr que a enerxía e o uso dela sexa máis sostible. Durante este evento, as institucións europeas queren demostrarlles a representantes da industria, científicos, expertos, persoas que poden tomar decisións e ao público en xeral que as tecnoloxías das enerxías sostibles son viables, rendibles e boas para o medio ambiente.

O Concello da Coruña sumouse no 2012 á realización desta semana mediante actividades cos asistentes ao campus de verán do Club Basquet Coruña.

Entre os obxectivos desta iniciativa destacan, por exemplo, o facerlles reflexionar aos máis pequenos sobre o cambio climático, sobre cómo ser máis respectuosos co planeta e a nosa incidencia no consumo enerxético; tamén dar a coñecer as accións que leva a cabo o Concello en materia de tratamento de residuos e motivar os nenos e nenas para que participen activamente no proceso.

Participaron 192 nenos e nenas en dous grupos por idades:

Para nenos de entre 10 e 15 anos.

Charla introdutoria sobre as enerxías renovables (45 minutos):

A sostenibilidade e o desenvolvemento non están rifados. Na actualidade, a tecnoloxía permítenos alcanzar cotas de benestar impensables noutras décadas, se non era incorrendo a pesadas cargas para o planeta. Nesta charla abordaranse conceptos como os seguintes:

  • O cambio climático
  • A dependencia actual das enerxías procedentes de xacementos fósiles
  • A oportunidade das enerxías renovables
  • España e as súas oportunidades neste sector: o vento, o sol, etc
  • A eficiencia, a moderación no consumo e o obxectivo de limitar a nosa incidencia no planeta
  • A pegada ecolóxica
  • Introdución ao taller

Taller: o meu pequeno invernadoiro (45 minutos):

Con este taller reforzaremos os conceptos vistos durante a charla, como efecto invernadoiro, cambio climático... Trátase de elaborar un sinxelo invernadoiro cunha botella de plástico, na que botarán terra e plantarán unha semente.

Taller de construción dunha cociña solar (1 hora e 30 minutos):

As cociñas e fornos solares son, en opinión de moitos expertos, unha grande oportunidade de cociñar san en países empobrecidos, nos que o acceso a fontes enerxéticas é difícil ou, en moitos casos, devastador para os bosques destes lugares. A miúdo a súa única maneira de acceder a potencia calorífica é queimar madeira.

De todos os xeitos, en moitos fogares do mundo desenvolvido, en particular en países con potente insolación, as cociñas solares experimentaron un grande auxe. Pola satisfacción que supón cociñar coa enerxía da natureza, sen máis, e tamén polo aforro económico e de consumo ou en persoas sensibilizadas polo medio ambiente.

No taller tocaranse os seguintes temas:

  • Os planos dunha cociña solar
  • Os materiais para a construción dunha cociña solar. A simplicidade ao servizo dun traballo ben feito
  • Conceptos básicos para a mellor eficacia dela: orientación, enxoval, etc
  • Construíla. A nosa cociña solar!

Para nenos de entre 5 e 9 anos

Charla introdutoria sobre os residuos urbanos (45 minutos):

Na sociedade actual a xeración de residuos segue sendo un grave problema ambiental. Familiarizarse cos diferentes tipos de residuos que se xeran na nosa casa, cómo separalos e o seu posterior tratamento son os obxectivos claras desta charla. A súa dinámica será atractiva e motivadora para os participantes. Os conceptos que se abordarán son os seguintes:

  • Os residuos na nosa casa
  • Os diferentes colectores da nosa cidade
  • A redución e a reutilización dos residuos

Taller: Como separar? Imáns para a neveira (45 minutos):

Neste taller os participantes realizarán uns divertidos imáns que lles lembrarán cómo separar os residuos no seu fogar. Serán catro e corresponderán aos catro colectores presentes no noso concello (verde, amarelo, de vidro e de papel).

Taller de reciclaxe (1 hora e 30 minutos):

Trátase dun taller lúdico moi manipulativo onde os nenos terán a oportunidade de realizar os seus propios xoguetes e outros utensilios con materiais que estaban destinados a ser un residuo. Aprenderán dunha maneira activa o concepto de reutilización ao mesmo tempo que se divirten.

Volver a menú

A Semana Europea da Mobilidade é unha iniciativa da Unión Europea que ten como obxectivo demostrarlles á cidadanía, ás autoridades locais e a outros sectores da sociedade que poden contribuír á loita contra o quecemento global fomentando o uso de medios de transporte sostible. A Semana Europea da Mobilidade desenvólvese na segunda quincena de setembro.

O Concello da Coruña leva varios anos sumándose a esta iniciativa desenvolvendo actividades diferentes en cada unha das edicións, como presentacións de sistemas de transporte eficientes dende o punto de vista enerxético, bicicletas, motos, automóbiles eléctricos e as últimas incorporacións á frota municipal de vehículos menos contaminantes.

Ademais, grazas ás exposicións levadas a cabo déronse a coñecer os últimos avances no sector das enerxías renovables e unha ampla variedade de consellos para utilizar a enerxía dunha forma responsable e intelixente.

Volver a menú

Día da Concienciación fronte ao Ruído

Tráfico

O Día Internacional de Concienciación sobre o Ruído celebrouse por primeira vez o 24 de abril de 1996, como parte dunha conferencia local organizada pola “Liga de Persoas con Problemas Auditivos” en Nova York. Na actualidade integra un programa internacional no que participan cidades dos Estados Unidos, Canadá, Europa e Asia. En España está promovido pola Sociedade Española de Acústica, e celébrase o último mércores de abril de cada ano, como unha forma de chamar a atención da cidadanía sobre a importancia do silencio e o cada vez máis grave problema da contaminación acústica.

Son causas desta o abuso dos vehículos de motor, o crecente fluxo de vehículos en autoestradas próximas a vivendas, as radios e televisores a altos volumes en lugares públicos (autobuses, cafés, salas de espera…); a proliferación de bares nocturnos en áreas residenciais, as conversas en voz moi alta…

Evitar entre todos a emisión de ruído nese tipo de situacións é protexer a nosa saúde. Son moitos os factores que afectan á nosa capacidade auditiva (xa sexamos pequenos ou maiores) por mor deste tipo de contaminación: música alta a través de altofalantes ou cascos de música, falta de protección auditiva no traballo… É importante lembrar que ante o menor síntoma de perda de oído hai que visitar un especialista.

A cidade da Coruña conta dende o 21 de xullo do 2014 coa súa propia “Ordenanza Municipal de Protección Contra a Contaminación Acústica”, que é unha adaptación ao ámbito local da normativa estatal reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións. Publicada no BOP número 151 de 11/8/2014, regula aspectos como os niveis de contaminación acústica e a prevención desta, a creación de Zonas de Protección Acústica Especial, as condicións e medidas de protección esixibles tanto para actividades comerciais como para vehículos, obras ou eventos populares, así como os sistemas de inspección e o réxime sancionador.

Con obxecto de determinar ademais o grao de contaminación acústica das diferentes áreas da cidade, o Concello elaborou un Mapa de Ruído que identifica barrio por barrio as áreas máis afectadas por este problema co fin de solucionar as súas causas.

Colexio Maristas

Este ano, a través do Programa municipal de Educación Ambiental, os destinatarios das actividades con escolares conmemorando esta xornada serán os alumnos do colexio Maristas. Dende o seu propio centro, os alumnos de segundo da ESO desenvolveron unha iniciativa relacionada coa contaminación acústica. Coa implicación dos seus docentes levaron a cabo unha actividade moi interesante e concienciadora: elaboraron o seu propio mapa de ruído nas instalacións do seu centro e tomaron uns puntos de control na cidade. A través desta interesante actividade e o seu posterior diagnóstico, elevaron as súas propostas á Área de Medio Ambiente municipal.

De primeira man puideron comprobar que a contaminación acústica, a miúdo minusvalorada fronte a outros axentes contaminantes presentes nas sociedades desenvolvidas (a pesar de que no noso país é singularmente relevante) inflúe na calidade de vida de todos. Unha redución das emisións será imperativa nos ambientes urbanos nos próximos anos.

Na xornada nas súas aulas, un educador mostraralles a metodoloxía desenvolvida para a elaboración do mapa de ruído municipal, as iniciativas para a redución destas emisións e realizarán algunhas experiencias con sons da natureza, urbanos, mariños (mesmo das profundidades), etc.

Volver a menú

Día Mundial do Medio Ambiente

Día Mundial do Medio Ambiente

Cada 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, auspiciado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente PNUMA).

O Día Mundial do Medio Ambiente é, posiblemente, a celebración máis importante das que ao longo do ano se dedican á sostenibilidade, e cunha das maiores difusións a nivel mediático. Todo tipo de institucións, asociacións, Ong, etc., dedican ese día á difusión dunha nova conciencia planetaria e a facer visibles novos comportamentos que lle permitan ao noso planeta unha pervivencia en condicións adecuadas para todos as especies que nel habitamos.

O Concello da Coruña súmase cada ano á celebración deste día con diversas actividades destinadas principalmente ás xeracións máis novas, utilizando para iso diferentes sedes da nosa cidade.

Exposicións sobre sostenibilidade, actividades cos nenos utilizando unha ortofoto da cidade de case 200 m2, o bosque dos desexos ou campañas nos medios de difusión son algunhas das que tiveron máis éxito entre o público.

Volver a menú

Material días internacionais

Inicio / 

TipoNomeDataTamaño
 Día del Árbol  
 Día del Mar  
 Día del Medio Ambiente  
 La hora del Planeta  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión