O Concello da Coruña, consecuente co compromiso de establecer un modelo de desenvolvemento que sexa sustentable, tomou, entre outras iniciativas, a de establecer un Sistema de Xestión Ambiental que inclúa algunhas das actividades levadas a cabo polo Servizo de Medio Ambiente, como a xestión das praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, San Amaro e Oza, así como das oficinas e dos vehículos do servizo, todo iso conforme aos requisitos da norma internacional UNE-NISO 14001:2015.
Nos seguintes apartados desenvólvese en parte o alcance para cada unha destas actividades.
A ISO 14001 inclúe dentro do seu alcance o mantemento das infraestruturas asociadas ao Servizo de Medio Ambiente, como son as oficinas e os vehículos.
O procedemento asociado a estes labores inclúe todas aquelas tarefas que permitan evitar que a falta de mantemento das infraestruturas asignadas ao Servizo de Medio Ambiente e Sanidade poida derivar en incidentes ou accidentes con repercusión ambiental, para o que é necesario a realización de actividades de mantemento preventivo sobre as devanditas infraestruturas.
Tamén se inclúen as xestións pertinentes cos distintos provedores/empresas concesionarias que se van ocupar de realizar as tarefas de mantemento, co fin de que se axusten á periodicidade establecida no Plan Anual e que se leve a cabo unha correcta xestión dos residuos xerados por estas.
A Coruña foi a primeira cidade de Galicia e unha das primeiras de España que certificou a calidade das súas praias coa norma ISO 14001.
Aínda que os principais areais da cidade contan xa co distintivo de Bandeira Azul, o Concello quixo ir máis alá e conseguiu unha certificación externa, igualmente recoñecida en todo o mundo. Foi a primeira certificación ambiental que logrou no seu momento un servizo municipal, neste caso os areais de Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro e Oza. Neste sentido, cómpre sinalar que os procedementos estandarizados que impón a norma ISO 14001, dedicada exclusivamente a cuestións ambientais, son moito máis esixentes que a Bandeira Azul, pois implican a adopción de rigorosos procedementos de carácter estritamente ambientais e garanten a debida preservación do litoral.
Entre outros condicionantes, con esta norma, o Concello obrígase a unha correcta xestión dos residuos; a un estrito control da calidade das augas de baño e da area; ao debido respecto e preservación ambiental da costa con ocasión da realización de actividades; á adopción dos plans de emerxencia; a minimizar e corrixir os posibles danos ambientais derivados da contaminación atmosférica ou por ruído e vibracións, consumos de recursos naturais, contaminación do solo e preservación da paisaxe e da biodiversidade.
Ademais da calidade, o Concello dá un paso máis cara ao obrigado e necesario desenvolvemento sostible da cidade salientando a necesidade dun obrigado control ambiental dos procesos e servizos que nela se realizan.
Na actualidade, todas as empresas e organismos que realizan algunha actuación no litoral están a actuar xa con estes protocolos, baixo a supervisión da Área de Medio Ambiente, co que se garante a preservación da calidade en todos os sentidos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible