9 de abril de 2025
Representantes veciñais dos tres barrios visitaron xunto á concelleira de Medio Ambiente a instalación de Novo Mesoiro
O Concello ten todo preparado para a instalación de tres novos composteiros comunitarios que darán servizo aos barrios do Castrillón, Eirís e Monte Alto. Estas tres novas instalacións súmanse ao composteiro que xa funciona en Novo Mesoiro desde finais de 2023, cunha excelente acollida entre a veciñanza.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, visitou onte a instalación de Novo Mesoiro acompañada de representantes veciñais dos tres barrios que contarán proximamente con composteiros. Durante a visita, técnicos ambientais e veciños do barrio achegaron a súa experiencia e resolveron as dúbidas das persoas asistentes.
"A entrada en funcionamento dos tres novos composteiros é un paso máis da aposta do Concello polo respecto ao medio ambiente, o coidado da contorna urbana e a economía circular", sinalou Neira. A partir deste mes, tres barrios máis da cidade disporán destes equipamentos, nos que a cidadanía poderá depositar os seus residuos orgánicos para transformalos en compost. O produto resultante poderá ser utilizado pola propia veciñanza, polas persoas adxudicatarias das hortas urbanas ou como abono para zonas verdes municipais.
Esta iniciativa insírese no marco das políticas ambientais impulsadas polo Goberno de Inés Rey, que leva anos traballando para avanzar cara a unha cidade máis sostible e comprometida coa transición ecolóxica, apostando por accións que melloran a calidade de vida nos barrios e fomentan a implicación cidadá.
As soleiras dos novos composteiros xa están instaladas nas seguintes localizacións:
As unidades modulares instalaranse nos vindeiros días.
Ademais, Neira anunciou que "a Concellería de Medio Ambiente organizará a finais de abril sesións informativas nos centros cívicos de cada barrio para que, coa axuda de expertos ambientais, os veciños e veciñas aprendan a empregar correctamente o composteiro comunitario". Tamén se entregarán cubos individuais para facilitar a recollida doméstica dos residuos.
A compostaxe comunitaria permite transformar os residuos orgánicos xerados na casa en compost de calidade preto do fogar. O proceso realízase de maneira controlada, con supervisión de mestres composteiros que garanten o correcto desenvolvemento da compostaxe, vixiando parámetros como humidade, temperatura e aireado.
Os novos centros de compostaxe están formados por unidades modulares dun metro cúbico, onde se desenvolverán as distintas fases do proceso. Xunto a cada instalación, haberá unha caixa con restos de poda do servizo de xardíns para que os usuarios poidan dispoñer da materia seca necesaria para cubrir os seus biorresiduos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible