Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Consulta previa á elaboración da Ordenanza para o uso racional e sostible das praias do Concello da Coruña

As persoas interesadas terán ata o 15 de xullo de 2024 para participar na consulta.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 02/07/2024 ata o 15/07/2024

Xa rematou

Organiza:

Concellería de Medio Ambiente

A Constitución Española establece a obriga dos poderes públicos de facilitar a participación da cidadanía na vida pública, así coma o seu dereito a tal participación nos artigos 9.2 e 23.1, respectivamente.

Pola súa parte, o artigo 129.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas (en diante, LPACAP), en aplicación dos principios de boa regulación, senta a obriga das Administracións públicas de posibilitar a participación activa das posibles persoas destinatarias das normas no procedemento de elaboración, garantindo de modo adecuado a audiencia e participación cidadá na elaboración das normas e a avaliación pública do ordenamento.

Neste sentido, e de conformidade co artigo 133.1 da LPACAP, con carácter previo á elaboración do proxecto de Ordenanza para o uso racional e sostible das praias da Coruña, lévase a cabo unha consulta pública a través do portal web do Concello da Coruña, coa finalidade de recoller a opinión cidadá e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma, sobre:

  1. A necesidade e oportunidade da súa aprobación
  2. Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa
  3. Os obxectivos da norma
  4. As posibles solucións alternativas
  1. Necesidade e oportunidade da súa aprobación

No exercicio da súa potestade regulamentaria, recoñecida no artigo 4.1.a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante LRBRL), e no artigo 55 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido de disposicións legais vixentes en materia de réxime local, o Concello da Coruña, dentro da esfera das súas competencias, pode aprobar regulamentos e ordenanzas.

Certamente, o artigo 25.2 da LRBRL non enumera como competencia propia das entidades locais a xestión das praias, no sentido máis amplo da súa expresión. Porén, pode entenderse esta competencia incluída nos apartados relativos a medio ambiente, protección civil, promoción da actividade turística de interese e ámbito local, protección da salubridade pública e ocupación do tempo libre, recollidos no dito artigo.

Neste punto, o réxime xurídico do dominio público marítimo-terrestre vese afectado pola intervención de diferentes poderes públicos: estatal, autonómico e local. Ao respecto, a Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, delimita o ámbito de actuación de un deles e, no artigo 115 detalla as competencias que recaen sobre os municipios, entre elas "Manter as praias e lugares públicos de baño nas debidas condicións de limpeza, hixiene e salubridade, así como vixiar a observancia das normas e instrucións ditadas pola Administración do Estado sobre salvamento e seguridade das vidas humanas".

A teor das competencias que en materia de praias recaen sobre o Concello da Coruña, e dada a ausencia de normativa municipal que regule o correcto uso e desfrute das praias deste termo municipal, resulta imprescindible que se acometa a aprobación dunha Ordenanza municipal reguladora para o seu uso sostible, que serva de instrumento de concienciación, convivencia e xestión das praias, aplicando un réxime racional da súa utilización e respectando o dereito de todas as persoas ao desfrute das praias, conforme a normativa estatal e autonómica na materia.

  1. Problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa

Con esta iniciativa preténdese dar cobertura a diversos problemas que se poden subsumir nos seguintes puntos:

  • Inexistencia de disposición normativa de índole municipal que regule o uso e desfrute das praias do termo municipal da Coruña.
  • Necesidade de regular un uso racional do litoral, en termos acordes coa súa propia natureza, os seus fins e con respecto á paisaxe, ao ambiente, e aos seus valores como recurso natural e turístico de especial importancia.
  • Asegurar a integridade e adecuada conservación do litoral, adoptando, se for o caso, as medidas de protección e restauración necesarias, así como mellorar a súa imaxe turística.
  • Determinación clara dos usos públicos das praias e zonas de baño do termo municipal da Coruña.
  • Concreción dun réxime sancionador específico, adaptado ás actuais circunstancias e orientado á concienciación cidadá e respecto ao ambiente.
  1. Obxectivos da norma

Os obxectivos que se perseguen coa aprobación dunha Ordenanza reguladora do uso racional e sostible das praias son os seguintes:

  • Resolver cada un dos problemas formulados no anterior punto.
  • Servir de ferramenta para o uso racional e sostible das praias da Coruña, así como concienciar sobre a importancia da súa protección.
  1. As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias

Non hai alternativas non regulatorias que permitan atender ás necesidades apuntadas.

En consecuencia, as persoas e organizacións interesadas e potencialmente afectadas por esta futura norma poden remitir as súas opinións e achegas ATA O DÍA 15 DE XULLO DE 2024 (incluído) a través do correo electrónico concellaria.medioambiente@coruna.gal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión