Se a nosa visita coincide cun forte temporal no mar, podemos achegarnos dende o castelo de San Antón ata o dique de abrigo, dende onde con sorte poderemos observar falaropo bicogroso. Coidado entón co vento e coas ondas!
Se imos a pé, a camiñada polo Paseo Marítimo ata a zona de Adormideras pode descubrirnos no mar e nas rochas grupos de corvos mariños e virapedras.
Pode ser do seu interese
Se estamos a facer este percorrido en automóbil, pódese aparcar no polígono de Adormideras para dar un bo paseo ata a contorna da Torre de Hércules. Durante o paso migratorio de primavera é habitual nesta zona o mazarico chiador. Durante todo o ano observaremos chascos e bandos mixtos de liñaceiro e verderolo, e no inverno, con sorte, picapeixe.
Pode ser do seu interese
En Punta Herminia, e fixándonos nas rochas máis próximas ao mar, descubriremos grupos de virapedras, píllara real, pilro común e correlimos escuro. Máis arriba, rabirrubio. Xa entre a vexetación que crece xunto aos carreiros, acharemos na primavera e verán lavandeira marela. No inverno é abundante a pica dos prados, e ocasional a escribenta das neves. Nesta zona tamén se observaron especies tan pouco comúns como pica de Richard ou picafollas asubiador.
Punta Herminia tamén é unha magnífica atalaia dende a que examinar a zona de mar aberto do Golfo Ártabro (o comprendido entre as rías de Ferrol e A Coruña). As especies de aves mariñas máis comúns aquí son as pardelas balear, furabuchos atlántico e cincenta (no verán e outono), o mascato, os corvos mariños grande e cristado, as gaivotas patiamarela, escura e chorona… É durante o paso migratorio de outono, que se estende entre os meses de agosto e decembro, cando a diversidade de especies é maior. Os mellores días son os de vento forte de poñente, mellor se son do noroeste. Entón teñen lugar inxentes movementos de aves cara ao oeste: mobellas, pardelas, mascatos, pentumeiros, gaivotas tridáctilas, palleiras grandes, carráns comúns, alcas e araos…
Pode ser do seu interese
Máis adiante, seguindo cara á Torre de Hércules, atopámonos cun amplo e fresco prado no que durante a primavera crían varias parellas de lavandeira marela e carriza dos xuncos. Nas sebes circundantes fano chascos e merlos e entre o toxo, papuxas do mato. Este é un territorio de caza típico do lagarteiro. Tamén o frecuenta o corvo pequeno. No inverno os grandes grupos de pica dos prados e liñaceiros son parte inseparable da paisaxe. O edificio da sirena de sinais acústicos erixido sobre o cantil é outro bo lugar dende o que gozar da trasfega de aves mariñas. Dende aquí tamén se contemplan dous illotes aos que adoitan acudir os corvos mariños grandes e cristados a descansar se o mar está tranquilo e non golpea con fereza ambas as rochas.
Ao outro lado da Torre, sobre a praia das Lapas, un pequeno cavorco é percorrido por unha fileira de ameneiros que seguen o curso dun regato. Picafollas europeos e verderolos, e no inverno algún úbalo, frecuentan as ramas destas espigadas árbores.
Pode ser do seu interese
Chegou o momento de coller de novo o coche ou de botar a andar polo Paseo Marítimo cara ao corazón da enseada do Orzán. Faremos ben en observar con detemento as ondas, en busca de máis corvos mariños, de gaivotas de varias especies, do carrán cristado ou, se hai temporal duro no mar, de falaropos. Nas praias de Orzán e Riazor atoparemos a lavandeira branca e, no inverno, a lavandeira real. Tamén no inverno, e tanto aquí coma en calquera recuncho da cidade, non é raro toparse coa subespecie británica da primeira, de dorso negro. As rocas albergan máis grupos de virapedras e bilurico das rochas.
Pode ser do seu interese
Tras deixar atrás o obelisco Millennium e unha pronunciada costa, chegamos á base do Monte de San Pedro. Dende o parque que ocupa a súa cima gózase dunha impresionante vista da cidade. Para chegar ata aquí hai que atravesar o polígono dos Rosales. Entre as sebes e macizos podemos atopar paporrubio, azulenta, rula, chasco, papuxa do mato, tordo común,… Nas zonas de herba, máis picas, e sobre nós, aves rapaces como miñato ou lagarteiro. Un pequeno estanque acolle unha colección de patos.
Ao pé do Monte de San Pedro, e seguindo a liña da costa, chegamos fronte ás illas de San Pedro. Ata elas acoden cada noite de inverno a durmir centos de corvos mariños. Veñen do porto, da ría do Burgo… Tamén veremos gabita, e na primavera decenas de parellas de gaivotas entregadas á súa prole. Este é outro lugar estupendo para observar a migración de aves mariñas no outono.
Pode ser do seu interese
Atravesamos así o pequeno porto do Portiño para dirixirnos ao Parque de Bens. Deixaremos á nosa esquerda o selado do antigo vertedoiro e, subindo por calquera dos carreiros alcanzaremos o cume do monte, dende onde teremos aos nosos pés outra formidable vista da Coruña. Ao noso paso atopariamos liñaceiro, chasco, xílgaro, verderolo, pombo torcaz, rula...
Pode ser do seu interese
Comeza na praia de Oza: dende os diques que a cerran gózase unha panorámica da enseada que se abre entre este lugar e as praias de Santa Cristina e Bastiagueiro. Entre outubro e abril, e segundo os anos, é posible observar aquí mobellas e mergullóns. Os máis frecuentes son mobella grande, mobella pequena e mergullón de pescozo negro.
Tamén se observaron nesta zona mobellas árticas, mobellas de bico branco (primeira e única cita ata o momento para a Península Ibérica), mergullón real e mergullón cincento. O pentumeiro, outrora moi numeroso, viu recentemente reducida a súa presenza a un puñado de exemplares. É moi común o corvo mariño grande e menos o corvo mariño cristado. Algúns anos invernan o pentumeiro de ala branca e o mergo cristado, e en máis dunha ocasión observáronse pentumeiro careto, eider común e pato rabeiro. Durante a preamar as rochas non mergulladas son utilizadas como repousadoiros por grupos de gazota, gabita e virapedras.
Outras aves comúns son a gaivota cabecinegra, o albatros olleirudo e o alca. A última hora da tarde este é un bo lugar para observar os grupos de corvo mariño grande e gaivotas escura e chorona que abandonan a ría do Burgo cara aos seus durmidoiros.
Pode ser do seu interese
O noso seguinte obxectivo son os xardíns de Méndez Núñez. Situados en pleno centro da cidade, e creados nunha zona gañada ao mar, contan con numerosas árbores ornamentais entre cuxas ramas é posible achar ferreiriño real e ferreiriño negro, picafollas ibérico, papuxa das amoras, rula turca, pombo torcaz, merlo, pardal ou estorniño pinto. Este último, no inverno, forma á noitiña inmensas bandadas que acoden a durmir a este e outros parques da cidade, de onde parten de novo coas primeiras luces da mañá. É entón cando é posible observar as accións de caza do falcón peregrino. Outros xardíns do centro, como os de Santa Margarita, albergan unha avifauna similar.
Pode ser do seu interese
Faremos a seguinte parada no Castelo de San Antón. O dique flotante de pneumáticos que protexe as embarcacións do Club Náutico da acción das ondas alberga cada noite, ou durante a marea alta, centos de aves que se achegan ata el de toda a contorna: carráns, corvos mariños, gaivotas… Entre estas últimas destacan as cabecinegras, que sumaron máis de 80 exemplares nos últimos invernos. Tamén os grandes gaivotóns, e especies máis escasas como a gaivota cana. O número de pilros comúns que se concentran aquí pasa dos trescentos, e a eles únense outras aves limícolas como pilros gordos e escuros, mazarico rubio ou virapedras. Arredor deste dique flotante pódense observar araos e carolos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible