Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

A resposta sexual é a forma de responder ante os estímulos que provocan o desexo, tanto dende un punto de vista físico, como dende un punto de vista máis íntimo e persoal.
A resposta sexual consta de varias fases. Non son fases "automáticas"; é dicir, só porque te "poñas en marcha" non tes por que chegar ao último paso necesariamente. Requírese un fluxo constante de excitación e estimulación para ir pasando dunha fase a outra.

Fase de desexo

É unha fase "mental". Para excitarse sexualmente hai que estar interesado no sexo: pensar niso, sentir curiosidade e, en xeral, desexalo.

Fase de excitación

Cando te excitaches "mentalmente", o cerebro envía mensaxes que producen certos cambios no corpo, que son involuntarios e indícannos o comezo da excitación. Os máis importantes son:

  • NA MULLER
    • Comeza a lubrificación vaxinal, é dicir, a vaxina humedécese. A parte interna da vaxina expándese.
    • Os beizos maiores ábrense e crecen.
    • Afluencia de sangue aos xenitais, que fai que o clítoris se inche e se achegue ao óso púbico. Cando está excitado, o clítoris é moito máis sensible ao tacto.
    • As mamilas tamén poden incharse e quedar erectas. A respiración acelérase, aumenta o ritmo cardíaco e prodúcese tensión muscular.
  • NO HOME
    • Afluencia de sangue ao pene, provocando a súa erección.
    • Aumento de tamaño dos testículos, que se elevan, quedando pegados ao abdome. Os xenitais escurécense pola afluencia de sangue.
    • Erección das mamilas, aceleración da respiración e do ritmo cardíaco e tensión muscular, igual que na muller.

Meseta

Os cambios da fase anterior alcanzan un máximo e mantéñense así durante un tempo, para logo dar paso a algúns cambios:

  • Na muller o clítoris escóndese e apenas se palpa.
  • No home as glándulas de Cowper segregan un líquido que pode conter espermatozoides, chamado líquido preseminal.

Orgasmo

É a fase na que se liberan todas as tensións sexuais acumuladas. É difícil de describir, porque hai moitos tipos diferentes. Cada persoa é diferente e vive o pracer dunha forma distinta. Aínda que é máis intenso, o orgasmo non dura tanto como as outras fases da excitación, que poden ir duns minutos a unhas horas. Un orgasmo, polo xeral, dura entre 2 e 10 segundos. Sucede cando a tensión muscular e a sensación de plenitude alcanzan o seu punto máximo e libéranse. Como?

  • NA MULLER, a miúdo prodúcense unhas contraccións involuntarias que irradian dende os xenitais, o útero e o ano. Acompáñanse dunha gran sensación de pracer, que cada muller pode vivir e describir de formas distintas: coma unha cambra, coma unha acumulación de tensión e rixidez seguida dunha explosión, coma un alivio, coma unha corrente de sensacións cálidas...
  • NO HOME, expúlsase o seme, grazas ás contraccións dos xenitais internos, acompañadas tamén dunha intensa sensación de pracer. O orgasmo adoita coincidir coa exaculación.

Fase de resolución

Hai unha sensación de relaxación en todo o corpo, que indica a volta ao estado normal. O sangue abandona a área xenital, os xenitais volven ao seu tamaño e posición orixinais, a respiración cálmase e a tensión arterial volve ao seu nivel normal.

  • NO HOME, tras o orgasmo, pasa un tempo (período refractario) durante o cal non é capaz de ter outro orgasmo.
  • A MULLER, en cambio, si pode alcanzar outro orgasmo se volve ser estimulada.

Non perdas

Non perdas

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión