Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

Xuventude Crea

Cos premios do programa Xuventude Crea, a Consellería de de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, trata de favorecer o traballo creativo da xuventude galega, coa finalidade de fomentar a actividade creadora, facilitar a súa promoción e a difusión da súa obra nas especialidades de artes plásticas, arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de contido, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ (disc-jóckey), fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Inscricións:

Dende o 11/09/2024 ata o 10/10/2024

Requisitos:

Poderán solicitar a participación na obtención dos premios nas especialidades do Programa Xuventude Crea 2024 as persoas non profesionais - exceptúase este requisito para a especialidade de teatro, modalidade Pro, nos termos establecidos no capítulo II para esta especialidade - e que cumpran os seguintes requisitos:

  • A. Posuír nacionalidade española, ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude e desenvolver a actividade artística nalgunha das modalidades obxecto destes premios maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia. 
  • B. Ser descendente de persoa emigrante galega ata o terceiro grao ou ter residencia habitual no estranxeiro pero vinculado con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE). 
  • C. Ter unha idade comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2024, agás o establecido no capítulo II para cada especialidade.
  • Aquelas persoas que gañasen o primeiro premio dunha especialidade das convocadas na edición do ano anterior, non poderán participar na mesma especialidade na presente convocatoria.

Remuneración / Custo:

A dotación económica dos premios por cada unha das especialidades é:

  • 1º premio: 2.000 euros
  • 2º premio: 1.500 euros
  • 3º premio: 1.000 euros
  • Un premio especial de 1.000€ para a modalidade de música clásica da especialidade de música.

Ademais dos premios, a convocatoria prevé axudas económicas para as persoas participantes que accedan á fase final de determinadas especialidades e, o que é máis importante, as obras finalistas e premiadas terán a vantaxe de ser obxecto de difusión e promoción de forma que se fará visible o talento e a creatividade das súa persoas autoras.

Páxina web:

xuventude.xunta.es

Contacto:

Consellería de de Cultura, Lingua e Xuventude 

tel: 981 541 689 | 981 545 702

e-correo: xuventudecrea.cps@xunta.gal

Publicación: DOG 10/09/2024

Documentos:

Folleto Xuventude Crea (4 MB)

NOVIDADES

A convocatoria do programa Xuventude Crea 2024 conta coas seguintes principais novidades:

  • Ábrese a convocatoria as persoas descendentes de persoas emigrantes galegas ata o terceiro grao ou persoas galegas que teñan residencia habitual no estranxeiro e que estean vinculadas con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
  • Incorpóranse dúas novas especialidades: DJ (disc-jóckey) e Creación de Contido.
  • Créanse dúas modalidades dentro da especialidade de teatro, cos seus respectivos premios económicos:
    • Amador: para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos de teatro amadores ou escolas municipais de teatro entre outros.
    • Pro: para compañías de teatro de nova creación, profesionais emerxentes, grupos de teatro formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia entre outros.Nesta última modalidade, ademais do premio económico, a Dirección Xeral de Xuventude comprométese a estudar a posible colaboración co Centro Dramático Galego para que, a través das canles xurídicas oportunas, este poida apoiar ás persoas gañadoras do primeiro premio na modalidade PRO impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.
  • As persoas ou grupos das obras gañadoras de todas as especialidades terán a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. Este novo programa contará co apoio do departamento competente en materia de emprendemento e cultura.
  • Se chegasen á fase final dalgunha das categorías persoas galegas residentes no exterior, a Dirección Xeral de Xuventude comprométese a estudar a formalización do oportuno instrumento xurídico para que a Secretaría Xeral de Emigración financie o custo dos billetes de ida e volta das persoas finalistas.

ESPECIALIDADES

As 16 especialidades artísticas que se convocan son as seguintes:

Artes plásticas: Coas modalidades de pintura e escultura. As obras serán orixinais e o tema e as técnicas serán libres.

Arte urbana: As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego. O tema e a técnica serán libres.

Banda deseñada: As obras serán orixinais e inéditas, de temática libre e con textos en galego. A técnica pode ser calquera, en branco e negro ou en cor. A obra presentarase en formato dixital (A4 ou A3) e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas.

Cociña: As receitas poderán ser individuais ou en parella, admitíndose unha receita por participante (sexa individual ou en parella). Pode tratarse dun prato salgado ou doce, e a base da receita será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.

Creación de contido: As obras poderán ser individuais ou en grupo e serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será a marca "Galicia" e debe incluír unha presentación do seu autor.

Creación de videoxogos: As obras poderán ser individuais ou en grupo. Un 25% dos participantes poderá superar os 30 anos de idade. Ningunha persoa participante poderá formar parte de máis dun grupo. As obras consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditas e os textos e o audible en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua. A temática será libre. Os videoxogos deberán dispoñer, como mínimo, de versións para Windows ou Mac OS e deberán ser manexables con teclado e rato.

Danza moderna: Coas disciplinas de danza contemporánea, danza urbana, jazz-lírico e danza experimental. De forma individual ou en grupo (mínimo de 2 persoas e máximo de 30). A duración da actuación non pode superar os cinco minutos e a coreografía debe ser inédita.

Deseño de xoias: A colección, que poderá ser tanto para home como para muller, debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de fornituras compradas.

DJ (Disc-Jockey): As obras poderán ser individuais ou en parella. As sesións poderán ser producidas en calquera formato de vídeo ou en audio e terán unha duración máxima de 20 minutos.

Fotografía: As obras serán orixinais, o tema e as técnicas serán libres. Unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro. As obras orixinais serán requiridas ás persoas  participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición final ou previamente para a avaliación pola comisión de selección, se esta o estima necesario.

Moda: As coleccións deben ser orixinais e coherentes, con 5 modelos de home ou muller. Será necesario definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

Música: Solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea, así como solistas e grupos de música clásica que serán os que poidan optar, ademais, ao premio especial de 1.000 euros. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos.

Novela curta: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema será libre. A ordenador, en tamaño 12, tipografía arial e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200 e as follas estarán numeradas.

Poesía: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema e a técnica serán libres. A obra realizarase a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 50 versos e máxima  de 100 e as follas estarán numeradas.

Teatro: Créanse dúas modalidades dentro da especialidade:

a) Amador: para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos de teatro amadores ou escolas municipais de teatro entre outros.

b) Pro: para compañías de teatro de nova creación, profesionais emerxentes, grupos de teatro formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia entre outros.

Poderán concorrer persoas individualmente ou grupos teatrais, non profesionais, que desenvolvan a súa actividade maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia e o acrediten suficientemente coa oportuna documentación xustificativa, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2024. Un 75% das persoas compoñentes do grupo deberán cumprir os requisitos de idade e traxectoria profesional.

As representacións serán en lingua galega. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira. Poderán presentarse obras orixinais e a duración da representación de cada obra non poderá ser inferior a trinta minutos nin exceder dunha hora e trinta minutos.

Videocreación: As obras serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental (é dicir, que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade). A duración de cada obra será dun mínimo de 2 minutos e dun máximo de 8 minutos  e a súa realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2024.

Non perdas

Non perdas

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión