O préstamo interbibliotecario é un servizo mediante o que che proporcionamos acceso a materiais que non se atopan dispoñibles en ningunha biblioteca da cidade
Que podo solicitar?
Calquera tipo de publicación que non ofreza ningunha biblioteca da cidade. Será a biblioteca posuidora do documento, de acordo ao seu regulamento propio, a que decidirá se efectúa o préstamo do documento orixinal ou se remite unha reprodución del (fotocopia ou arquivo dixital). No caso de recibir o documento orixinal, este permanecerá na Biblioteca Municipal de Estudos Locais e deberás consultalo na sala desta biblioteca.
Como o solicito?
Tes que cubrir e entregarnos o formulario de solicitude de préstamo interbibliotecario na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, do que che proporcionaremos unha copia que deberás presentar cando veñas consultar o material solicitado ou retirar a reprodución encargada. No caso de que solicites material que estea dispoñible nalgunha biblioteca da cidade informarémoste diso para que poidas dirixirte a ela.
Custo do servizo
O importe das reproducións e os custos de tramitación veñen fixados polas bibliotecas de orixe. Ao facer a petición informarémoste do prezo máximo que pode chegar a custar o servizo. En caso de pasarse este importe consultarémoscho antes de tramitar o préstamo.
En que prazo recibo o material que solicitei?
O prazo para a localización do material e a tramitación do pedido será como máximo de 15 días. Unha vez recibido poñerémonos en contacto contigo para informarte do prezo exacto das reproducións e do tempo de que dispós para consultalo.
Canto dura o préstamo?
O prazo máximo é de 1 mes, incluíndo o tempo requirido para o envío e a devolución dos documentos.
E se quero cancelar unha petición de préstamo interbibliotecario?
Débelo comunicar canto antes. Se a publicación fose xa solicitada en fotocopia ou microforma, deberaste facer cargo dos gastos ocasionados.
Lexislación aplicable
O uso de calquera publicación recibida no seu formato orixinal realizarase de acordo coa lexislación sobre propiedade intelectual vixente.
Un tipo de préstamo para cada necesidade
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible