Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bibliotecas Municipais

Área de Fomento e Promoción da cidade

Saúde

Nas bibliotecas hai unha serie de centros de interese que tratan a saúde, tanto mental como física, e reúnen diferentes documentos (libros, revistas, material audiovisual...) que axudan a levar unha vida máis sa entre outros moitos obxectivos.

Estes centros de interese son:

Biblioterapia

Biblioterapia é un proxecto promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas, colexios profesionais e sociedades científicas, asociacións de pacientes e expertos en saúde e literatura e a colaboración e financiación de Lundbeck. As Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos a este proxecto mediante a creación deste centro de interese que podes atopar nas Bibliotecas Fórum Metropolitano e Castrillón

A biblioterapia consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico (libros de autoaxuda) ou de desenvolvemento (novelas). Recórrese a ela principalmente para apoiar o tratamento de trastornos mentais e problemas emocionais e para promover a saúde mental. Ter acceso aos libros recomendados pode axudar a pacientes e familiares a entender mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a mellorar o seu benestar.

A quen se dirixe

  • Grupos de persoas pertencentes a entidades de Diversidade Funcional.
  • Persoas que consultan aos profesionais de atención primaria ou atención especializada por algún problema psicolóxico.
  • Profesionais do ámbito social e da saúde.
  • Persoas de diferentes idades (tanto nenos/as como adultos/as) que experimenten situacións de malestar emocional ou trastornos mentais en grao leve ou moderado. 
  • Familiares e achegados, así como a persoas interesadas en ter un maior coñecemento sobre os trastornos mentais e o benestar psicolóxico.

Que materiais podo atopar

As lecturas que aparecen nesta guía están clasificadas en relación ao tipo de trastorno ou problema para o que poden servir de apoio e tamén en función da idade dos destinatarios e destinatarias. Preséntanse en dous grandes bloques: 

  • Libros de autoaxuda e  psicoeducación recomendados por profesionais sanitarias/os. Ofrecen técnicas e información para comprender e afrontar os problemas. 
  • Novelas e libros de non ficción, recomendados por pacientes e expertos/as en literatura e biblioterapia. Son unha fonte de experiencias persoais, emocións e coñecementos sobre a vida nos que o paciente se pode ver reflectido/a e atopar un reforzo positivo.

Todo o fondo deste centro de interese está seleccionado seguindo a guía oficial de Biblioterapia.

Corpomente

O centro de interese Corpomente comprende obras de diversas temáticas asociadas á espiritualidade, autoaxuda, vida saudable, exercicio físico, medicinas alternativas... Créase para dar resposta a demanda dos usuarios e das usuarias dunha unificación de todas estas materias nun mesmo punto, xa que ata o momento da súa creación estas temáticas se atopaban co fondo xeral da biblioteca, cada un nun punto distinto da mesma. Podes atopalo nas bibliotecas de Castrillón e Monte Alto.

Que materiais podo atopar

  • Emocións e sentimentos: libros para xestionar as emocións e conseguir unha boa saúde mental,
  • Medicina alternativa: títulos que falan de todas aquelas prácticas que afirman ter os efectos curativos da medicina pero non están apoiadas polo método científico,
  • Terapias naturais: aquí podes atopar libros de acupuntura, medicina china, tratamentos con suplementos nutricionais e vitaminas, aromaterapia...
  • Cociña saudable: obras para manter unha dieta saudable e equilibrada, como os libros de receitas de cociña  
  • Espiritualidade: tamén podes atopar neste centro de interese títulos que che axudan a conectar co teu propio interior para así aprender a coñecerte mellor. 
  • Arte e deportes: esta sección contén obras de saúde deportiva e da importancia do exercicio físico para manter unha vida saudable. Pero tamén doutras temáticas como a relaxación mediante a pintura ou os mandalas, o ioga ou o pilates.
  • Literatura: por último tamén podes atopar obras de ficción nas que estea presente algunha enfermidade ou trate algún problema de saúde física ou mental, ou conten unha viaxe de auto coñecemento persoal. 

Vida saudable

En estreita relación con Corpomente e Biblioterapia podes atopar Vida saudable, un centro de interese de contido similar que se atopa na Biblioteca Ágora.

Reúne un conxunto de materiais específicos de saúde e información médica de calidade seguindo en grande medida as recomendacións dos profesionais e técnicos de AFACO (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer), principais coñecedores de todos e cada un dos materiais que están no mercado e que poidan ter un valor engadido para enriquecer o fondo da biblioteca.

Obxectivos

Facilitar o acceso á información médica de calidade aos usuarios interesados en instruírse en saúde (dieta saudable, actividade física recomendada, hixiene básica, ocio saudable...) para así potenciar a responsabilidade nas eleccións sobre a propia saúde, de xeito que se facilite a opción de estilos de vida saudables.

Que materiais podo atopar

  • Psicoloxía / Autoaxuda / Emocións: saber xestionar as emocións e unha das tarefas mais complicadas as que nos enfrontamos. Nesta sección atoparás libros que che axuden a conseguilo, ademais que a entender o que che sucede.
  • Saúde / Enfermidades: libros de divulgación sobre enfermidades para poder atopar a información que precisas.  
  • Dietética / Nutrición: libros e revistas que che aconsellan como levar unha alimentación saudable e equilibrada segundo as túas necesidades.
  • Maiores: obras sobre diversos problemas comúns nas persoas maiores, como poden ser o alzheimer ou a demencia. Tamén hai títulos para ter unha mente activa, como os libros que ximnasia mental e a estimulación cognitiva, libros sobre a vellez positiva e como manterse en forma na terceira idade, e libros sobre a eutanasia ou como afrontar a morte.
  • Corpo / Mente en forma: agrupa aquelas obras que falan da actividade deportiva en relación coa saúde.
  • Ciencia relacionada coa saúde: tamén podemos ver neste centro de interese obras mais puramente científicas que tratas os aspectos mais medicinais das enfermidades. 
  • Sexualidade: libros sobre educación sexual, intimidade, pracer e benestar sexual.
  • Muller: tamén podes atopar varios documentos que tratan algúns destes temas anteriores dende a perspectiva da muller, enfocándose unicamente na saúde feminina.
  • Alternativas / oriental: títulos sobre medicina natural e terapias que traballan a saúde de xeito integral, como poden ser a acupuntura, dietética, fisioterapia, ioga, masaxes, taichi, meditación/relaxación...

Busca no catálogo

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar

Se o prefires, podes realizar a túa procura combinando distintos criterios. Só tes que acceder á procura avanzada

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión