Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Bibliotecas Municipais

coruna.gal

Os grupos de traballo

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña cremos na importancia do traballo colaborativo como medio de acadar resultados de maior calidade.

O día a día de cada biblioteca, as súas actividades, servizos, consultas, etc... dificultan que os bibliotecarios e bibliotecarias de cada un dos 8 centros poñan en común as súas impresións e experiencias. Por iso, optamos pola creación de grupos de traballo de diversas temáticas que axuden a incidir en áreas de interese para todos os usuarios e usuarias e para as propias bibliotecas.

Grupo de traballo web 2.0

Atendendo especialmente aos usuarios e á vista das posibilidades que proporcionan as ferramentas 2.0, nas BMC apostouse polas novas aplicacións da Web Social (blogs, Flickr, Facebook, Twitter...) porque ofrecen un marco idóneo para mellorar a comunicación, difundir os servizos bibliotecarios e establecer medios de participación que axuden na mellora continua.

O grupo de traballo está actualmente constituído por doce persoas repartidas entre o servizo de coordinación e as oito bibliotecas, son os responsables de actualizar os perfís sociais institucionais, difundindo as actividades que teñen lugar en cada biblioteca e ademais:

  • Escoitar o que se di da organización, as suxestións ou reclamacións que tradicionalmente se recollían nas bibliotecas en soporte papel.
  • Dinamizar os espazos sociais institucionais: recomendando, orientando e e falando con usuarios reais e potenciais
  • Primar a trasparencia, sen pretender ocultar nada e buscando sempre unha reposta satisfactoria

O grupo está coordinado dende servizos centrais onde se encargan de planificar, impulsar e avaliar a presenza das bibliotecas na Web Social de forma continua e pautada, faise imprescindible planificar os medios, os obxectivos, os tempos de publicación, etc.

Para axudar a realizar as tarefas de forma homoxénea e romper barreiras no uso das ferramentas sociais elabóranse documentos de traballo, titoriais e procedementos que facilitan a colaboración nestes medios a calquera persoa da organización e explican a súa filosofía, o porque da súa presenza, proporcionan best practices, etc:

Mensualmente extráense e analízanse diversos datos de todas e cada unha das ferramentas que permiten observar o comportamento e a evolución destes perfís sociais e poñelos en relación cos esforzos requiridos. Para esta medición séguese a métrica AIR, que observa a actividade nos medios sociais, a interacción que xera e o retorno do investimento que se consegue. Para isto téñense en conta tanto indicadores cuantitativos como cualitativos.

O ecosistema dixital das Bibliotecas Municipais da Coruña vertebra unha biblioteca 2.0 que constitúe unha auténtica infraestrutura social participativa que xera e mantén vínculos coa cidadanía en xeral, e cos usuarios das bibliotecas en concreto, ademais de que axuda a estreitar relacións con outras institucións culturais (fundacións, asociacións, bibliotecas etc.) e é frecuente a presenza das Bibliotecas Municipais da Coruña nos foros e encontros profesionais.

Grupo de traballo Fancómic

Fancómic é o grupo de traballo dedicado á promoción e difusión da colección de cómic das Bibliotecas Municipais da Coruña.

As razóns que motivaron a creación deste grupo céntranse en primeiro lugar na importancia cuantitativa e cualitativa das comitecas das bibliotecas vinculada á alta demanda dos nosos usuarios, e en segundo termo ao auxe do cómic na cidade da Coruña cuxo máximo expoñente é o festival internacional Viñetas desde o Atlántico.

O grupo está formado por, polo menos, un representante de cada unha das 8 bibliotecas do sistema máis un coordinador do servizo central e as súas funcións fundamentais pasan pola definición da política de compras, a programación de actividades ou o mantemento do blog Fancómic.

O blog Fancómic, creado en agosto do 2006, supón o gran punto de encontro virtual para bibliotecarios, afeccionados e autores de cómic. Ademais de ser o vehículo de expresión sobre actividades, colección e servizos das bibliotecas municipais en relación ao mundo do cómic. Permite a interactuación con usuarios e a vinculación con editores e autores grazas especialmente a que moitos deles están instalados na Coruña.

Fancómic recibiu no 2008 o Premio Ourense de Banda Deseñada polo seu labor de divulgación e promoción do cómic galego nos últimos anos. Con este premio búscase destacar a importancia das bibliotecas como órgano de primeira importancia na difusión do cómic na sociedade.

Grupo de traballo Biblioteca Verde

O grupo de traballo Biblioteca Verde créase coa intención de concretar o compromiso do Sistema Municipal de Bibliotecas arredor do medio ambiente. Dende o ano 2010 o SMB recolle a sensibilización respecto de prácticas e hábitos sustentables dentro dos seus obxectivos de calidade.

O obxectivo xeral é a sensibilización respecto de prácticas e hábitos sustentables e de respecto á natureza, buscando asociar a imaxe das nosas bibliotecas cun coherente e firme compromiso ambiental.

Os obxectivos específicos son os seguintes:

  • Dar a coñecer e poñer en valor o noso fondo relativo á sustentabilidade e o medio ambiente.
  • Asumir o compromiso ambiental nas nosas prácticas internas e interiorizar hábitos conscientes e responsables por parte do persoal.
  • Formar e informar os nosos usuarios sobre alternativas de consumo consciente e responsable, proporcionando un espazo a entidades e organizacións locais e dando a coñecer experiencias que se desenvolven na nosa cidade.
  • Favorecer o desenvolvemento sustentable da nosa comunidade ofrecendo información e elementos de reflexión e debate, contribuíndo a formar unha sociedade formada e responsable na súa toma de decisións.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible