Podes realizar a inscrición nas actividades das bibliotecas de diversas formas, sempre que sexa dentro do prazo de inscrición estipulado para cada actividade:
Todas as inscricións nas actividades das bibliotecas comezan 7 días antes da actividade ás 10.00 horas, e finalizan unha hora antes da súa realización. Se cae en día festivo, a inscrición comezará o seguinte día hábil á mesma hora.
Queres realizar a inscrición por ti mesmo/a?
Explicámosche como podes facelo nuns sinxelos pasos. Sen movéreste da casa ou desde a rúa. Desde o teu móbil intelixente ou desde o ordenador da túa casa. Ti elixes.
O botón "inscríbete"
Cada actividade, no momento en que se inicie o prazo de inscrición, habilita un botón co texto "Inscríbete" no que verás as prazas libres e as prazas dispoñibles en lista de espera.
O primeiro paso é clicar sobre o botón e, logo, seleccionar o número de inscricións que queres realizar. Neste momento o sistema realizará unha prerreserva sobre o número de prazas que seleccións mentres dura o teu proceso de inscrición. Transcorridos 15 minutos, se non finalizaches a inscrición, estas prazas volverán estar dispoñibles.
Unha vez feito isto, o sistema redirixirate á Plataforma de identificación cidadá.
A plataforma de identificación cidadá
A primeira vez que realices unha inscrición nalgunha das actividades, o sistema necesitará que te deas de alta na plataforma, cubrindo uns datos básicos ou, se o prefires, vinculando a túa conta de Facebook, Google ou LinkedIn.
Dándote de alta ou vinculando unha das túas contas, conseguirás que nas sucesivas ocasións só necesites introducir o teu usuario e contrasinal e o sistema lembrará todos os teus datos e, polo tanto, non terás que volver introducilos.
Unha vez que te identificas, a plataforma redirixirate automaticamente ao proceso de inscrición na actividade onde soamente terás que completar a información que che solicite.
Inscríbeste ti ou inscribes a outra persoa?
Usando o teu usuario e contrasinal podes inscribíreste ti ou inscribir a outra persoa. Neste caso, necesitarás introducir os datos básicos desoutra persoa.
O sistema vai lembrar sempre os datos de todas as persoas que inscribas, de forma que nunca vas ter que introducir a mesma información dúas veces.
Unha vez finalizada a inscrición, o sistema enviarache un correo electrónico confirmando se estás admitido/a ou en lista de espera. Incluirá tamén información das persoas que inscribises e unha ligazón para darte de baixa sen non vas acudir.
Por favor, se non vas acudir ás actividades agradecémosche que recuperes o correo que recibiches para efectuar a túa baixa porque isto permitirá que o sistema avise á primeira persoa da lista de espera de que agora ten praza.
Algúns consellos
Se ao intentar realizar unha inscrición ves que só quedan prazas para a lista de espera, anótate igualmente porque é frecuente que se produzan baixas, e nese caso pasarás automaticamente á lista de persoas admitidas.
Intenta realizar as inscricións en liña porque é o proceso máis rápido e, ás veces, as prazas voan! Pero lembra: podemos facelo por ti na biblioteca.
Se te inscribiches nunha actividade e non vas acudir, utiliza a ligazón que che enviamos para darte de baixa. Así, outras persoas poderán gozar da actividade.
Se o necesitas, non dubides en pedirlle ao teu bibliotecario ou bibliotecaria que te inscriba.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible