Sila xa ten o seu carné
O carné das bibliotecas é totalmente gratuíto e será necesario para empregar aqueles servizos que precisen unha identificación, como por exemplo o préstamo de libros, revistas, películas... e o uso de ordenadores nas bibliotecas.
Non necesitas achegar unha fotografía e só tes que elixir o tipo de carné que necesitas (individual, menor de 14 anos, entidades etc.) cubrindo un formulario de inscrición nesta web ou presencialmente en calquera das bibliotecas municipais. Se xa dispós da Tarxeta Millennium, simplemente achégate ao mostrador da biblioteca municipal que elixas e darémoste de alta inmediatamente.
Ademais da opción de carné individual, tamén é posible solicitar un carné de entidade ou, se estás de paso na cidade, propocionámosche un carné de visitante.
Carné individual
Como o solicito?
Cubrindo este formulario de alta. Se o prefires, podes facelo presencialmente en calquera das bibliotecas municipais.
Onde e cando o recollo?
No prazo dunha semana poderás recoller o carné na biblioteca que seleccionases no momento de cubrir o formulario.
Necesito achegar algunha documentación?
Cando vaias recoller o carné á biblioteca que seleccionases, deberás presentar o documento oficial de identidade que incluíses na túa solicitude.
Recibo o carné no meu domicilio?
Non enviamos os carnés aos domicilio porque necesitamos que a persoa que o solicita, ou alguén que esta autorice previamente, nos asine a solicitude. No momento da sinatura o persoal da biblioteca aproveitará para mostrarche os espazos, explicarche os servizos e responder a calquera pregunta sobre o funcionamento que desexes realizarlle.
E se teño a Tarxeta Millennium?
Simplemente achégate ao mostrador da biblioteca municipal da túa elección e darémoste de alta inmediatamente. Non esquezas levar o teu documento de identidade.
Carné para entidades
Este é o carné específico para os grupos, colectivos ou asociacións formalmente constituídas: bibliotecas, centros escolares, asociacións de veciños, compañías artísticas, empresas etc. Poden solicitar un carné que lles permitirá utilizar o servizo de préstamo para entidades. Este carné deberase renovar anualmente (cada 30 de setembro no caso dos centros escolares).
Como solicito un carné para unha entidade?
Se xa dispós dun escrito onde figuren os teus datos e o selo do centro ou asociación á que pertences, podes achegárnolo e solicitar o carné agora mesmo a través deste formulario electrónico para entidades. Se prefires facelo presencialmente, elixe a biblioteca municipal que desexes e alí tramitarémoscho.
Onde e cando o recollo?
Nun prazo de catro días hábiles poderás recoller o carné na biblioteca que seleccionases no momento de cubrir o formulario.
Necesito achegar algunha documentación?
Si, deberás achegar ou presentar na biblioteca algún tipo de documento que te acredite como persoa autorizada pola entidade para realizar este trámite. Poderás levar un selo da entidade á que representas e estampalo na solicitude que che facilitarán cando vaias recoller o carné.
Carné para persoas que están de paso na cidade
En casos excepcionais (urxencias, visitas puntuais á biblioteca, carácter itinerante do solicitante, turistas...) calquera cidadá/n pode acceder ao préstamo ou a utilizar un ordenador mediante a adxudicación dun carné de visitante. Só terás que deixarnos un documento oficial que te identifique para facerlle unha fotocopia.
Necesito un duplicado do meu carné
Coida o teu carné. É a chave que che abre a porta das túas bibliotecas.
Como solicito un duplicado do meu carné?
Podes cubrir e enviar o formulario de solicitude de duplicado de carné ou, se o prefires, pasar por unha biblioteca e facelo presencialmente.
Onde e cando o recollo?
No prazo de catro días hábiles poderás recoller o carné na biblioteca que seleccionases no momento de cubrir o formulario.
Necesito achegar algunha documentación?
Se se trata dun carné de uso individual, cando vaias recoller o carné á biblioteca que seleccionases, pediranche o documento oficial de identidade (DNI en caso de persoas españolas e calquera outro documento de identidade para estranxeiras). Deberá ser o mesmo que incluíses na túa solicitude. Servirá para identificarte como a persoa que solicitou o carné.
Se solicitaches un duplicado dun carné para unha entidade, deberás presentar algún tipo de documento que te acredite como persoa autorizada pola entidade para realizar este trámite. Poderás levar un selo da entidade á que representas e estampalo na solicitude que che facilitarán cando vaias recoller o carné.
Teño que recollelo persoalmente?
Si, xa que deberás asinar a solicitude. Nese momento o persoal da biblioteca aproveitará para mostrarche os espazos, explicarche os servizos e responder a calquera pregunta sobre o funcionamento que desexes realizarlle.
E se non quero solicitalo en liña?
Diríxete a calquera das bibliotecas e proporcionaranche un formulario en papel que deberás cubrir. Tamén che pedirán o documento de identidade (DNI en caso de persoas españolas e calquera outro documento de identidade para estranxeiras) e no caso de representar a unha entidade, algún tipo de documento que che acredite como persoa autorizada pola entidade para realizar este trámite. Poderás levar un selo da entidade á que representas e estampalo na solicitude que che facilitarán cando vaias recoller o carné.
Quero cambiar o nome e/ou xénero que lles proporcionei ás bibliotecas
Só terás que cubrir, asinar e entregar unha solicitude que, se es menor de 16 anos, tamén terá que asinar a túa nai/pai/titor/titora legal.
Podes atopar a solicitude para descargar no pé desta páxina.
Quero darme de baixa das biblios
Calquera persoa socia que non teña ningún material en préstamo das bibliotecas poderá darse de baixa acolléndose ao dereito de cancelación previsto no artigo 16 da Lei orgánica de protección de datos.
Podes solicitar a baixa cubrindo este formulario
No caso de que nos últimos 5 anos non se usase ningún servizo que requirise utilizar o carné, a biblioteca darao de baixa.
Quero modificar os datos de contacto que dei na biblio
Para modificar ou corrixir os teus datos (enderezo, teléfono, correo electrónico etc.) pódeste dirixir presencialmente a calquera biblioteca municipal, acreditar a túa identidade e solicitarlles os cambios a calquera dos bibliotecarios ou bibliotecarias ou facer a comunicación través deste formulario.
Carnés provisionais
Cando haxa algún problema técnico para emitir o carné de socio/a, a biblioteca emitirá un provisional realizado manualmente que será substituído axiña que se solucione o problema e se contacte coa persoa socia en cuestión.
Política de privacidade
Consulta aquí a política de protección de datos que asinas ao facer o carné de socio/a:
Tamén che pode interesar
Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar:
Si necesitas ayuda envíanos un mail a bibliotecas@coruna.es, llámanos al 981 184 384 o acércate a una biblio
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible