Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bibliotecas Municipais

Área de Fomento e Promoción da cidade

25 anos facendo barrio: celebramos o 25 Aniversario da Biblioteca Municipal de Monte Alto!

Unha biblioteca con moita historia

A Biblioteca Municipal de Monte Alto cumpre 25 anos. Queremos convidar a todas as nosas amizades e veciñanza a unirse a nós nesta celebración tan significativa.

Preparamos unha serie de actividades que reflicten a historia, o crecemento e o impacto da nosa biblioteca no barrio de Monte Alto, un lugar cunha rica historia e un espírito comunitario moi forte.

O 3 de xuño de 1999 inauguramos a Biblioteca Municipal de Monte Alto, que se converteu na sexta biblioteca da rede municipal da Coruña. Foi a primeira biblioteca municipal totalmente informatizada, tanto no servizo de préstamo como na xestión de acceso á colección e á oferta de ordenadores de acceso público. Foi, tamén, pioneira en contar cunha aula de informática destinada á formación.

Xogou e xoga un papel fundamental na promoción da lectura e a cultura na comunidade.

A biblioteca actúa como un equipamento sociocultural de proximidade, dando servizo e atención ao conxunto da veciñanza da súa zona de influencia, e especialmente a aqueles sectores sociais con menos posibilidades de acceso ao coñecemento e susceptibles de marxinalidade e á práctica cultural, lectora e formativa.

O barrio de Monte Alto

Monte Alto é un barrio da Coruña situado no sector peninsular da cidade, preto do centro e da emblemática Torre de Hércules. Cunha poboación estimada de 29.500 habitantes, Monte Alto consolidouse como un barrio obreiro e popular, cunha intensa actividade sociocultural e un forte carácter reivindicativo.

Este barrio é fogar de numerosas agrupacións musicais e culturais, e foi berce de importantes figuras da cultura galega, como os escritores Manuel Rivas, Iago de la Campa, Jacobo Paz Limia, escritoras como Emma Pedreira e María Canosa; a directora, produtora e guionista de cine Sandra Sánchez Cachaza, Alberto Vázquez Rico, director de cine e ilustrador, gañador de varios Premios Goya, Martín Romero Outeiral, autor do cómic Uxío, a ilustradora Julia Lago ou o cómico Oswaldo Digón, sen esquecernos da mítica banda Os Diplomáticos de Monte Alto.

Os 25 anos da Biblioteca de Monte Alto en cifras

  • 1.200 actividades realizadas
  • 24.000 participantes nas actividades
  • 275.000 sesións de Internet
  • 13.900 persoas socias
  • 6.250 días dando servizo con 65.000 horas de apertura
  • 32.000 documentos no fondo
  • 2.900.000 visitas
  • 1.200.000 préstamos realizados

Para festexar estes 25 anos preparamos unha programación de actividades onde xuntarnos e lembrar o que fomos e o que somos, sen perder nunca a ilusión por seguir traballando para chegar ao que queremos ser.

Programación de actividades

  • Martes 11 de xuño, ás 19.00 h nun acto central, un faladoiro baixo o título " FALADOIRO Biblioteca Municipal de Monte Alto: 25 anos facendo barrio " no que participarán persoas de referencia no campo da escrita e da ilustración que contan cunha vinculación especial coa biblioteca: Arturo Iglesias (ilustrador), Bea Lema (ilustradora), Emma Pedreira (escritora), María Canosa (escritora). O acto estará conducido e amenizado por Xurxo Souto (escritor, músico e profesor).

Neste mesmo acto terá lugar a presentación e proxección da peza documental "A biblioteca Municipal de Monte Alto, 25 anos facendo barrio". O vídeo recolle o testemuño de entidades, asociacións e persoas usuarias que plasman o que implica a biblioteca nas súas vidas.

Todas as actividades son de balde e con entrada libre ata completar a capacidade.

Ilustración de Arturo Iglesias do libro As luces dos libros na cidade do faro

Agasallos para celebrar

As persoas que acudan á biblioteca nos vindeiros meses poderán mergullarse nunha exposición fotográfica que recolle a memoria destes 25 anos de vida da biblioteca.

Haberá agasallos: as persoas que acudan á biblioteca a facer uso dos servizos recibirán un marcapáxinas cunha ilustración da biblioteca, obra do ilustrador coruñés Arturo Iglesias, ademáis de poder gozar dunha bolsa de tea para levar material en préstamo.

Agardámoste para celebrar xuntos estes 25 anos de cultura, comunidade e crecemento! Non deixes de vir ás nosas actividades e forma parte desta historia que construímos entre todos no corazón de Monte Alto, un barrio que soubo medrar e evolucionar sen perder a súa identidade.

Feliz 25 Aniversario, Biblioteca de Monte Alto!

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar:

Se o prefires, combina distintos criterios na procura avanzada ou busca nun calendario

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión