Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bibliotecas Municipais

Área de Fomento e Promoción da cidade

Colección musical "Ramiro Cartelle"

Tres das pezas que compoñen a colección

Detalle de tres pezas

A colección musical Ramiro Cartelle, que reúne un total de 8562 exemplares, está constituída por libros de música (1.991 exemplares) e partituras, impresas ou manuscritas (6.763 exemplares), ademais de revistas, audios (editados e inéditos) e publicacións menores (programas de concertos, catálogos de editores...).

A todo iso hai que engadir a documentación reunida no arquivo persoal de Ramiro Cartelle (recortes de prensa, fotografias, correspondencia persoal...) relacionada coa súa vida e a súa actividade que nos dá noticia sobre a vida musical da cidade: formación e actividade dos coros, o inicio das misas en galego nos anos 60, a Asociación Andrés Gaos etc.

Historia e procedencia da colección

Trátase dunha colección reunida ao longo da súa vida por Ramiro Cartelle Álvarez e adquirida polo Concello da Coruña no ano 2002.

Está situada e custodiada na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, que foi a encargada de organizala e procesala seguindo en todo momento o criterio de manter o carácter unitario desta documentación para evitar a dispersión dos documentos que a constitúen.

Foto de Ramiro Cartelle

Ramiro Cartelle Álvarez

Ramiro Cartelle Álvarez (1935-2000)

Naceu e morreu na Coruña. Ocupou un lugar destacado na vida intelectual coruñesa especialmente no campo musical. Nas súas diferentes facetas de compositor, pianista, cantante, director de coros, profesor, musicólogo, crítico musical ou escritor, Galicia e a música constituíron os eixos da súa vida.

Foi discípulo do gran pedagogo catalán Joan Molinari Galcerán, creador dos principios teórico-prácticos que aplican a psicotecnia á formación pianística que Cartelle tamén desenvolveu na súa actividade didáctca.

Foi corista e membro directivo da Coral Polifónica El Eco (1953-1968). Entre 1964 e 1969 desempeñou os cargos de vogal, tesoureiro e secretario da Agrupación Cultural O Facho sendo nesta época o primeiro en facer unha ofrenda en galego ao Apóstolo en Santiago de Compostela.

En 1966 fundou e dirixiu a coral Galicia Nova que cantaba as primeiras misas en galego que se celebraron na cidade na Igrexa das Capuchinas. Á fronte deste grupo desenvolveu unha importante actividade con composicións propias así como versións, adaptacións e harmonizacións de obras de autores galegos e estranxeiros.Tamén dirixiu a coral de Fenosa

O total de composicións (obras propias e versións) comprendidas no inventario realizado polo propio Ramiro Cartelle en 1992 ascende a 68. Entre outros traballos, foi o creador da música dos romances "A nave espacial" e "El Marqués de Sargadelos" con texto e debuxos de Isaac Díaz Pardo publicados en 1970.

En 1974 fundou a Agrupación Musical Andrés Gaos e dirixiu a Coral da Fabrica de Tabacos.

Acompañou ao piano as principais cantantes coruñesas como María Luisa Nache ou María Uriz.

Desde a creación da RTVG foi o responsable da organización do seu arquivo musical facendo, ademais, un gran labor de recompilación de obras en moitos casos case esquecidas.

A súa faceta de escritor desenvolveuna especialmente a través de artigos en revistas, biografías de músicos para a Enciclopedia Galega e como crítico musical nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego. Nos seus últimos anos escribiu tamén na revista da Orquestra Sinfónica de Galicia, formación coa que colaborou desde o seu nacemento.

Arquivo persoal

O seu arquivo persoal, profesional e privado, organízase nas seguintes seccións:

  • Profesional
    • Crítica musical (El Ideal Gallego, La Voz de Galicia)
    • Guións de programas radiofónicos para RTVG
    • Publicacións propias (libro "Coma nós", carteis de cego, versións teatrais, artigos...)
    • Asociación Andrés Gaos
    • Corais (Galicia Nova, Fábrica de Tabacos, outras corais)
    • Axenda de concertos e representacións
    • Proxecto Arquivo Musical de Galicia
    • Orquestra Sinfónica de Galicia
    • Exercicios técnicos
    • Compositores, directores, músicos
    • Varios (música, escritores galegos, entidades e asociacións culturais...)
  • Privado
    • Curriculum vitae
    • Correspondencia
    • Fotografías
    • Cadernos e axendas persoais
    • Viaxes
    • Selos comerciais e tarxetas de visita
    • Facturas, pagarés, cobros
    • Protestas e denuncias
    • Varios

Condicións de reprodución

Poderanse reproducir todas as obras que sexan de dominio público.

A reprodución de obras que non pertencen ao dominio público só será posible cando se realice para uso privado da persoa solicitante e exclusivamente para fins de investigación, de acordo co establecido na lexislación vixente (Texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, modificado pola lei 23/2006 do 7 de xullo)

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar:

Se o prefires, combina distintos criterios no buscador de ou Actividades nas bibliotecas busca En calendario

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión