Marisi, voluntaria en "A hora da lectura"
A Biblioteca Ágora iniciou unha liña de traballo comunitaria co Centro de día NovoBoandanza baseada na lectura, que busca ante todo o benestar das persoas maiores, ofrecendo sesións nas que resultan fundamentais a relación persoal, a calidade de textos e música, a participación das persoas asistentes e o respecto polos seus coñecementos e experiencia previa.
"A lectura en voz alta dá felicidade e asombrosos beneficios (...), ademais de xerar unha ponte entre lector e receptor; logrando unha conexión co texto grazas á melodía da voz, as imaxes, os personaxes e o que se conta" Lourdes Morán
Imos coñecer mellor a Marisi Lado, a nosa lectora voluntaria...
En que colaboras?
A actividade que desenvolvo no Centro de día Novoboandanza está destinada a ser unha viaxe a través da literatura universal para dar a coñecer os/as autores/as e obras máis significativas desde os seus comezos ata os nosos días. Aínda que a finalidade última é que as persoas ás que vai dirixida gocen e perciban a beleza que se encerra nos libros. Para reforzar esta viaxe literaria utilizo a música, xa que a relación entre música e literatura xera unha simbiose "máxica" que nos axuda a ver dunha forma máis estética e positiva o mundo no que vivimos.
Así pois, cada xoves visitamos un país, leo varios relatos dos seus escritores máis afamados e acompáñoo con música do país elixido. Tamén conmemoramos efemérides, festividades e en ocasións adapto a actividade aos desexos, recordos ou evocacións das persoas participantes.
Por que te fixeches voluntaria?
O máis tópico sería responder que te sentes feliz por facer algo polos demais, pero no meu caso hai máis. Como o meu voluntariado versa sobre a cultura e está destinado ás persoas maiores, ademais quería transmitir o grande amor que sinto pola literatura e pola música.
Participaches en accións similares?
Non.
Que che proporciona a túa actividade como voluntaria nas Bibliotecas Municipais?
Dou, pero recibo máis, enriquézome, aprendo, crezo, maduro... segundo isto, parece que saio moi beneficiada desta actividade.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible