Concertos e recitais
Para público en xeral
19/05/2023
Xa rematou
21.00 horas.
90 min. aprox.
Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña
De balde con invitación, que se repartirán a partir do venres 12 de maio co préstamo de materiais en lingua galega nas Bibliotecas Municipais (ver condicións na sección de repartimento de entradas).
Teléfono: 981 189 888
Correo electrónico: lingua@coruna.gal
Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Co gallo do Día das Letras Galegas e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón primavera 2023, con Abraham Cupeiro en concerto.
A edición da primavera 2023 do AgoraSón terá como protagonista o músico multiinstrumentista Abraham Cupeiro que, xunto coa Orquestra de Cámara Atlántica, presentaranos o seu traballo "Os sons esquecidos".
Un concerto que terá lugar no auditorio do Centro Sociocultural Ágora o venres 19 de maio ás 21.00 horas, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña en colaboración coas Bibliotecas Municipais para promover a lectura, audición e visionado de materiais en lingua galega.
A entrada ao evento é de balde, mais precisará a recollida previa de invitación nas Bibliotecas Municipais.
Sobre "Os sons esquecidos"
"Os sons esquecidos" é coma unha viaxe no tempo. É unha busca das fontes orixinais para fundilas co contemporáneo e crear algo novo e abraiante. Mesturaranse instrumentos de épocas pasadas cunha orquestra moderna.
Escoitaremos o karnyx (instrumento de guerra) evocando o son de sereas, golfiños e o mar en pezas orixinais compostas por Abraham Cupeiro.
A corna evocaranos cantos populares improvisados. Músicas e instrumentos, como o tango e o cornetto, separados no tempo, acoplaranse dun xeito natural como se fosen imaxinados na mesma época.
Os sons esquecidos é a busca da esencia, do primeiro, unha viaxe pola historia e os sentimentos enraizada no presente, un traballo a prol da recuperación de instrumentos e sons esquecidos que vai moi ligado á recuperación para a nosa lingua propia de máis funcións sociais e máis espazos de uso.
Repartimento de entradas
Repartiranse as invitacións, ata esgotárense, co préstamo de material en lingua galega (libros, películas, Cds de música) dende o venres 12 de maio nas Bibliotecas Municipais (BMC), no horario de apertura de cada centro.
Entregaranse un máximo de dúas invitacións por carné de persoa usuaria das BMC e faranse dúas quendas de reparto: en horario de mañá e en horario de tarde.
Horario de mañá: a partir das 09.00 horas, salvo na Biblioteca Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas.
Horario de tarde: a partir das 16.00 horas, agás no Punto de Servizo Bibliotecario Mesoiro, que será a partir das 17.30 horas.
Tamén che pode interesar
Tamén che pode interesar
Prazas esgotadas e lista de espera activa? Apúntate! Explicámosche por que. + info
Para o correcto desenvolvemento e aproveitamento das actividades rógase puntualidade xa que non se poderá acceder ao espazo pasados 5 minutos da hora de inicio.
No transcurso de todas as actividades o persoal bibliotecario realiza fotografías co obxectivo de subilas logo aos escaparates virtuais, redes sociais e/ou incluílas en carteis ou guías nos que se publicitan os programas, actividades e servizos das bibliotecas.
Se non desexas saír nestas fotografías, por favor, fala connosco antes do inicio da actividade.
Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar:
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible