Detalle da publicación
Entre o 1 de abril e o 31 de maio de 2017, a Biblioteca Municipal de Estudos Locais organiza unha mostra titulada Na lembranza, un gran historiador: Antonio Meijide Pardo (1917-2004), coa que pretende lembrar o centenario do nacemento de Antonio Meijide Pardo, un dos investigadores que con máis curiosidade e empeño explorou os recunchos menos coñecidos da historia local.
A través da selección de publicacións que se expoñen, pódese recoñecer a importancia do seu traballo, especialmente no eido da recuperación para a historia de Galicia de personalidades e temas inexplorados.
Investigacións sobre a historia local
Das súas investigacións sobre a historia local contamos con diversas obras que dan noticia da situación económica, política e cultural da Coruña.
Un exemplo pode ser a titulada "La primera industria coruñesa del vidrio (1827-1850)". Esta industria, creada por Juan Antonio del Adalid y Loredo, chegou a ser unha das poucas importantes de España por aquel tempo. Estaba ubicada, xustamente, na superficie hoxe ocupada polo Colexio de Salesianos. Conseguira para o seu establecemento privilexio para a fabricación de "botellas de vidrio obscuro, iguales a las que se fabrican en Burdeos y de cristal blanco, igual al que se manufactura en Francia y Alemania" .
Na mostra pode verse a separata que leva ese título na que Meijide Pardo presenta o resultado das súas investigacións, en diferentes arquivos, sobre este tema.
Detalle da publicación
A vacina da varíola
"El doctor Posse Roybanes y la introducción de la vacuna contra la viruela en Galicia (1804-1806)" é outra das obras que se poden ver nesta mostra bibliográfica e que dan constancia do traballo de investigación que levou a cabo o profesor Meijide Pardo.
Nesta separata, que xurdiu do estudo da documentación depositada no Arquivo Histórico Nacional, dáse a coñecer a destacada intervención que tivo un médico galego na propagación da vacina durante os primeiros tempos da súa implantación en Galicia.
Tratábase de Vicente Antonio Posse Roybanes, que promoveu a vacinación no brote epidémico de varíola en varias aldeas da comarca de Bergantiños e chegou a conseguir que o concello coruñés editara un bando no que se animaba ao establecemento da vacinación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible