Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bibliotecas Municipais

Área de Fomento e Promoción da cidade

Raíces comerciais: Historia do noso comercio

"Raíces comerciais" unha sección mensual nas nosas redes sociais dedicada a explorar a historia do comercio local na Coruña.

Cada segundo luns do mes, nas redes sociais das bibliotecas (Instagram, Twitter e Facebook) mergullarémonos no pasado para descubrir os establecementos que deixaron unha pegada na nosa cidade, xa sexa pola súa longa traxectoria, o seu papel na comunidade ou a súa evolución ao longo do tempo.

A través de imaxes históricas e comparativas coa actualidade, reviviremos momentos emblemáticos e coñeceremos como cambiaron estes lugares ao longo das décadas.

Cada entrega de "Raíces comerciais" estará composta por:

1. Presentación do comercio destacado: ofrecerase unha breve introdución sobre o establecemento seleccionado para o mes, destacando a súa importancia histórica e a súa relevancia na comunidade.

2. Historia ilustrada: compartiranse imaxes históricas do comercio en cuestión, acompañadas de anécdotas e datos interesantes sobre a súa orixe, evolución e relevancia na vida da cidade.

3. Comparativa coa actualidade: mostraranse imaxes actuais do mesmo lugar, permitíndolle á audiencia apreciar os cambios e continuidades ao longo do tempo.

4. Participación do público: convidarase á audiencia a compartir as súas propias historias, recordos ou fotografías relacionadas co comercio destacado do mes, fomentando a interacción e o intercambio de experiencias.

As raíces comerciais da Coruña

"Recunchos con historia", unha iniciativa que nos permitirá mergullarnos no corazón da nosa cidade para descubrir os segredos mellor gardados dos seus establecementos comerciais máis emblemáticos. Desde as tendas con máis historia ata os lugares que foron testemuñas de innumerables cambios ao longo dos anos, cada recuncho ten unha historia que contar.

Reviviremos momentos que deixaron unha pegada indeleble no tecido urbano da Coruña. Dende as antigas tendas de comestibles ata as modernas tendas que ocupan o seu lugar, cada edificio ten unha historia que merece ser contada.

Queremos que formes parte desta viaxe no tempo compartindo recordos, anécdotas ou fotografías relacionadas cos comercios e que forman parte da narrativa colectiva que constrúe a nosa identidade como cidade.

#ComerciodaCoruña #HistoriadaCoruña #HistoriaLocal #BEstudosLocais #Comerciolocal #EstablecimientosComerciais

Locais con historia

Cada segundo luns de mes iremos compartindo un local, unha historia, como cambiou no tempo e que ocupa agora o seu lugar.

Bazar de Pepe

O Bazar de Pepe estaba situado no número 80 da rúa Real. Este lendario establecemento abriu as súas portas en 1929 e permaneceu activo ata 2018. Converteuse nun dos negocios máis antigos da cidade e durante décadas, moito máis que unha simple tenda.

Naceu como tenda de xoguetes, pero co tempo foi agregando elementos decorativos. O seu escaparate mostraba unha mestura de fotografías, gravados, carteis e marcos, ademais de xoguetes.

En 2018 pechou as súas portas e deixou un gran baleiro en pleno centro da cidade. Con todo, o seu legado segue vivo na memoria de quen tivo a sorte de visitalo.

Hoxe o lugar ocúpao a Farmacia Villar, pero o seu espírito aínda flota no aire, lembrándonos a importancia destes pequenos tesouros locais na historia da nosa cidade.

Entre os fondos da Biblioteca de Estudos Locais, atopamos unha tarxeta de anuncio en inglés que revela o importante que era Pepe's Bazaar para as persoas turistas que visitaban a cidade, un recordatorio do seu legado perdurable.

Ultramarinos Aniceto Rodríguez

Os ultramarinos "finos" Aniceto Rodríguez remóntanse a finais do s. XIX cando se situaba a firma Benigno Dans e irmáns no núm. 17 do Pequeno Cantón. Anos máis tarde, Eduardo Dans, un dos fillos, vende o local para a construción do Banco Anglo-Sud Americano e solicita o traslado do supermercado ao número 24 da mesma rúa. Este traspaso está documentado nun expediente do Arquivo Municipal de Coruña.

A seguinte etapa iníciase nos anos 30 cando Aniceto Rodríguez Ferreiro compra o negocio, tras traballar alí como administrativo. Posteriormente casa con Celia Dans e cambia o nome do negocio a Ultramarinos Finos Aniceto Rodríguez, como se mostra nunha caixa doada por Aniceto Rodríguez Dans á Biblioteca de Estudos Locais.

Aniceto Rodríguez foi un visionario na súa época, introduciu innovacións que marcarían un antes e un despois na historia do comercio local: pioneiro na introdución da cesta do Nadal na Coruña, que se publicitou como "magníficas cestas do Nadal nas que esta casa é única en Galicia" e que a converteu nun referente en toda Galicia, pioneiro en ofrecer servizo a domicilio e achegar produtos gourmet como o xamón de Jabugo e salmón afumado, facendo do seu escaparate unha tentación irresistible para as persoas transeúntes.

Máis aló dos seus produtos, destacou polo trato personalizado e refinado que lle ofrecía á súa clientela. Cada visita a Aniceto era unha experiencia única, de atención e calidade.

No ano 2012, despois de décadas de historia, Ultramarinos Aniceto pechou as súas portas, sendo nese momento a tenda de ultramarinos máis antiga da cidade, que deixou un legado que perdura na memoria da Coruña. O seu lugar ocupouno Marita Ron 2013-2017 e dende 2019 ata hoxe Cantón 23, pero o seu espírito segue vivo.

Mayor Estrader Dans. Efectos Navais

A proximidade da Coruña ao mar propiciou o desenvolvemento de numerosos negocios vinculados a este. Esta influencia pódese observar, de maneira destacada, a mediados do século XIX e principios do XX, cando actividades como corredores, axencias marítimas, oficinas, consignatarias e importación de bens tiñan grande importancia na economía da cidade. 

Jaime C. Mayor realizou gran parte destas actividades desde a súa oficina situada no número 23 do Cantón Pequeno (onde estaría anos despois Ultramarinos Aniceto). Importaba, entre outros produtos, alcatrán, paraugas, cánabo, tecidos, aceite, sal, estopa... que chegaban en barcos ao porto da Coruña. A través do "Diario de Avisos da Coruña" temos constancia das importacións que realizou dende 1884.

Outra das tarefas ás que se dedicou por aqueles tempos foi a venda de billetes en distintos tipos de buques como pailebot e quechemarín con destino a Pontevedra, Marín, Noia, Corcubión...

En 1895 formou sociedade co seu fillo político (Enrique Estrader) e cambiou a denominación social a Mayor y Estrader. Continúan cos mesmos negocios ata que, dous anos despois, en 1897, se disolve a empresa.

A partir de entón pasou a mans de Estrader y Verdes, quen se presentou como almacenistas de efectos navais e pesqueiros e se anunciaron como sucesores de J. Mayor. Este negocio ocupará os números 23 e 24 do Cantón Pequeno. Datamos a súa existencia ata 1906.

A seguinte noticia que temos deste lugar é do ano 1915 e xa aparece en mans doutro propietario, Eduardo Dans Santiago, figura destacada da vida coruñesa. Na tarxeta publicitaria que se conserva na biblioteca anúnciase como Gran Almacén Efectos Navales Dans.

Deste comercio temos moitas menos referencias que do seu propietario. Unha das noticias máis destacadas foi o boicot sufrido polos dependentes do comercio e documentado en El Correo Gallego do 6 de xaneiro de 1920.

O negocio trasladouse en 1926 á praza de Ourense, 5, baixo, e a partir de entón perdémoslle a pista.

O solar destes comercios ocúpano actualmente Parada Dulce no núm. 24 e Cantón 23 no núm. 23.

Tamén che pode interesar

Busca no catálogo

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar

Se o prefires, podes realizar a túa procura combinando distintos criterios. Só tes que acceder á procura avanzada

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión