Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Bibliotecas Municipais

coruna.gal

Préstamo de lectores de libros electrónicos

señor sentado lendo nun lector electrónico

Se aínda non os utilizaches, próbaos! No tamaño dun libro con formato de peto e cun peso de menos de 200 gramos é posible almacenar unha biblioteca enteira.

Son cómodos para as vacacións, se non queremos ir moi cargados, permiten axustar o tamaño e o tipo de letra e localizar palabras ou frases xa lidas.

Podes levar en préstamo un dos nosos lectores, todos cargados cunha coidada selección de 90 obras clásicas e libres de dereitos.

Se xa cumpriches os 18, co carné de bibliotecas ou a túa Tarxeta Millennium activada podes solicitar o acceso a este servizo gratuíto.

Como me dou de alta neste servizo?

Presencialmente, na Biblioteca Fórum Metropolitano. Leva o teu carné da biblioteca e o teu DNI porque necesitarás identificarte. Nese mesmo momento entregarémosche, para que leas e asines, un documento que recolle con detalle o funcionamento do servizo e o teu compromiso coas condicións específicas de uso. A partir dese momento xa poderás levar en préstamo calquera dos lectores que estean dispoñibles.

Que necesito saber sobre o préstamo e devolución dos dispositivos?

  • Que terás que presentar o teu carné de bibliotecas ou a túa Tarxeta Millennium activada e darte de alta previamente no servizo.
  • Que o préstamo dura 21 días e préstase un dispositivo+accesorios por persoa.
  • Que tanto o préstamo como a devolución só se poderán realizar, de momento, na Biblioteca Fórum Metropolitano.
  • Que é importante que llo entregues en man ao persoal bibliotecario, con suficiente batería para poder acendelo e con todos os accesorios que retiraches. O persoal da biblioteca terá que comprobar que o dispositivo segue nas mesmas condicións nas que se retirou: a mesma configuración, a tarxeta de memoria coa mesma carga de títulos, todos os accesorios etc.
  • Que se durante o préstamo detectas algunha anomalía no seu funcionamento, deberás notificarllo ao persoal no momento da devolución. Desta forma, descartaremos que se poida deber a un mal uso.

Que conteñen os lectores?

Todos os lectores electrónicos dispoñen dunha tarxeta de memoria na que cargamos grandes obras clásicas e libres de dereitos da literatura universal. Asegúrate de que o persoal da biblioteca comprobe, na túa presenza, que o lector que vas levar ou que vas devolver contén a súa tarxeta correctamente cargada.

Accede á relación de títulos e autores/as dispoñibles nos dispositivos picando na ligazón que achegamos.

Modelos e accesorios dispoñibles

Temos 10 dispositivos coma este:

Kobo Libra H2Ou: 192 gramos, pantalla de 7 polgadas

A ter en conta...

O funcionamento é similar ao préstamo de libros, CD, DVD...

  • Procura devolver o dispositivo no prazo marcado pola biblioteca para evitar a suspensión temporal do préstamo (tantos días sen préstamo como días de atraso).
  • Devolve o material no mesmo estado en que o retiraches. Facer un mal uso do dispositivo leva de 3 a 6 meses sen poder facer uso dos restantes servizos da biblioteca que requiren o carné: préstamo, acceso a computadores etc. Se se producen danos no dispositivo e os reparas, poderás volver usar o teu carné con normalidade.
  • Entrega o dispositivo con todos os seus compoñentes para que outra persoa poida usalos. Se por algunha razón non puideses facelo, terás que repoñelo para poder seguir utilizando o teu carné das bibliotecas.
  • Entrega na biblioteca a denuncia orixinal no caso de que cho rouben.

Lembra que...

... desde o momento en que retiras un dispositivo ti es a única persoa responsable do seu coidado. Evita un mal uso e asegura que a seguinte persoa que o use o atope no mesmo estado en que ti o atopaches.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible